O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este venres os nomes de 4.427 presos españois que morreron en campos de concentración nazis como Mauthausen ou Gusen, entre eles os de 106 galegos. A lista é produto das investigacións realizadas por un grupo de historiadores dirixidos polo profesor da Universidade Complutense de Madrid, Gutmaro Gómez Bravo, e procede principalmente dos rexistros oficiais dos campos enviados ao réxime franquista mais agochados durante décadas.
A maior parte (86) morreron no campo de Gusen, outros 17 perderon a vida en Mauthausen, dous en Hartheim e un en Neu Stassfurt
Dos 106 presos galegos, a maior parte (86) morreron no campo de Gusen, outros 17 perderon a vida en Mauthausen, dous en Hartheim e un en Neu Stassfurt. Os tres primeiros campos están situados en Austria e o derradeiro en Alemaña. A súa morte chegou entre xaneiro de 1941 e febreiro de 1945 pouco antes da liberación dos campos (o 5 de maio).
45 dos falecidos procedían da provincia da Coruña, 22 de Ourense, 20 de Pontevedra e 19 de Lugo. Entre eles, o lucense Castro Martínez Parada era o de maior idade, finado aos 61 anos. E o tamén lucense Ricardo López López era o máis novo, con apenas 21 anos no momento do seu falecemento.
45 dos falecidos procedían da provincia da Coruña, 22 de Ourense, 20 de Pontevedra e 19 de Lugo
A cidade da Coruña é a localidade con máis falecidos nesta lista, cun total de 13. Hai que ter en conta, en todo caso, que parte da información contida neses rexistros é de fiabilidade cuestionable, sobre todo a que atinxía ao lugar de nacemento ou de residencia dos presos. Moitos deles rexeitaban proporcionar os datos correctos, nun intento de protexer as súas familias. A base de datos contén neste apartado, ademais, numerosas grallas e referencias incompletas ou erróneas.
Máis de nove mil españois foron deportados aos campos nazis. E en realidade os galegos presos nos campos nazis foron algúns máis, case 200, segundo as cifras que baralla a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), que está a realizar un traballo de pescuda nas súas identidades e vidas, en contacto coas súas familias. Entre eles había algúns militares republicanos (Antonio Hoya Alonso, Agustín Cameselle Fernández, Domingo Castro Molares, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Fernández Gutiérrez...), un gran número de mariñeiros (Manuel Rey Cruz, José Ferradás Pastoriza, Antonio Lamas, Marcelino Mariño Lago...), concelleiros como o coruñés Martín Ferreiro Álvarez, futbolistas como Ricardo Rodríguez Fernández Meana ou camareiros como Marcial Outerelo Abión.
"Máis do metade non puideron volver, tras morrer exhaustos polo traballo ou calcinados nas cámaras de gas en Mauthausen"
"Máis do metade non puideron volver, tras morrer exhaustos polo traballo ou calcinados nas cámaras de gas en Mauthausen. Os que non morreron ficaron lonxe de casa, atormentados polo sufrimento pero loitando porque o horror non quede no esquecemento", destaca Carmen García-Rodeja, da ARMH.
O pasado ano o Parlamento Galego homenaxeou estes 193 presos tras un acordo dos catro grupos parlamentarios, que aprobaron unha declaración institucional que subliñaba que o Holocausto tivera a súa orixe "no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista".
O pasado ano o Parlamento Galego homenaxeou estes 193 presos e aprobou unha declaración que condenaba a colaboración da ditadura franquista no nazismo
A Declaración lembraba en particular "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano". Un ano despois o Partido Popular asumiu no Parlamento galego a colaboración da ditadura franquista co nazismo a través dunha declaración que subliñaba que os presos "ou morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe".