Contarmos a historia dos 193 galegos que foron prisioneiros do nazismo

Carné de deportado de Marcelino Mariño e acta de Francisco Mariño ©

Joaquín Castiñeiras Díaz (Ortigueira), Juan Cameán San Isidro (A Pobra do Caramiñal), Marcelino Pardal Pouso (Ferrol), José Seijas Insua (Carral), Juan Pillado (Ribadeo), Joaquín Balboa (Monterrei), Macario Cortegoso Rodríguez (Pontevedra), Ricardo Rodríguez Fernández (Vigo), Francisco Varela Lorenzo (Vilagarcía de Arousa)... Son só algúns dos 193 galegos que foron recluídos nos campos de concentración nazis. Este domingo conmemorouse o Día Internacional en Memoria das Víctimas do Holocausto, que lembra a todos os prisioneiros dos campos, entre os que houbo máis de 10.000 españois. Dachau, Sachenhausen, Buchenwald, Grini e, sobre todo, Mauthausen.

A Coruña (21), Vigo (11), A Pobra do Caramiñal, Ourense (7), Pontevedra (6), Vilagarcía de Arousa e Ferrol (5) suman o maior número de prisioneiros

Dende hai anos a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) traballa na recuperación das historias persoais destes case que 200 galegos que, fuxindo da represión franquista, marcharon a Francia para acabar nas mans do exército alemán, co beneplácito dos gobernos de Vichy e Madrid. A partir de datos moi escasos, a entidade localiza as súas familias, que ás veces nin sequera coñecían que o seu devanceiro pasara polos campos de concentración. A ARMH ten unha conta de correo electrónico (deportadosgalicia@gmail.com) para a recollida de información ou para a formulación de consultas.

Entre eles había militares, mariñeros, camareiros ou futbolistas

Entre os 193 galegos, que o pasado ano foron homenaxeados no Parlamento galego, máis de 80 procedían da provincia da Coruña, uns 38 de Pontevedra, outros 38 de Ourense e 36 de Lugo. Moitos de cidades, sendo A Coruña a localidade cun número maior (21), seguida de Vigo (11), Ourense (7), Pontevedra (6), Ferrol (5) e Lugo (4). Pero tamén de vilas como A Pobra do Caramiñal (7), Vilagarcía de Arousa (5), Mugardos (4) ou Redondela (3).

Entre eles había algúns militares republicanos (Antonio Hoya Alonso, Agustín Cameselle Fernández, Domingo Castro Molares, Francisco Rodríguez Otero, Manuel Fernández Gutiérrez...), un gran número de mariñeiros (Manuel Rey Cruz, José Ferradás Pastoriza, Antonio Lamas, Marcelino Mariño Lago...), concelleiros como o coruñés Martín Ferreiro Álvarez, futbolistas como Ricardo Rodríguez Fernández Meana ou camareiros como Marcial Outerelo Abión.

Placa conmemorativa en Mauthausen CC-BY-NC-SA parolealvento

A investigadora María Torres afondou nas biografías de moitos deles, centrando o seu traballo naqueles procedentes da provincia de Pontevedra. Detalla que varios levaron a cabo accións de sabotaxe e resistencia contra o exército nazi antes de ser feitos prisioneiros. Por exemplo, Ramón Garrido era o responsable do grupo de resistentes españois Finisterre de Brest. Foi deportado a Dachau, o mesmo que Antonio Ignacio, que buscaba agochos a compatriotas perseguidos. Eudaldo Martínez saboteou as torres eléctricas da fábrica da organización TODT na que traballaba, sendo confinado en Neuengamme. Manuel Sánchez dinamitou unha cisterna de combustible dun convoi nazi e foi deportado a Neuengamme e posteriormente a Bergen-Belsen.

"Máis do metade non puideron volver, tras morrer exhaustos polo traballo ou calcinados nas cámaras de gas en Mautahussen"

Pola súa banda, Paz Fernández, coaboradora da entidade en Lugo, explica que "a ARMH intenta como noutras ocasións rescatar do esquecemento e dar presenza ás vítimas. Socios e voluntarios buscan testemuños,
documentación, imaxes sobre os deportados galegos, porque desgraciadamente, como na película A lista de Schindler, en Galicia tamén temos nosa propia Lista".

"Máis do metade non puideron volver, tras morrer exhaustos polo traballo ou calcinados nas cámaras de gas en Mauthausen. Os que non morreron ficaron lonxe de casa, atormentados polo sufrimento pero loitando porque o horror non quede no esquecemento", destaca Carmen García-Rodeja. 

"Desgraciadamente, como na película A lista de Schindler, nós tamén temos nosa propia Lista"

De igual xeito, Eladio Fernández Manso, que centra a súa investigación na provincia de Ourense, subliña que "os avatares sufridos polos nosos veciños ourensáns deben servir de ensinanza, de exemplo, para procurar non volver a caer na barbarie". "Recoñecer o seu sufrimento, a súa loita pola liberdade, despois dos longo anos de esquecemento durante a Ditadura franquista e, mesmo, na Transición Democrática, é polo que traballa a ARMH", di. A entidade reclámalle ás institucións a realización de homenaxes institucionais aos deportados, poñendo como exemplo o que se fixo en Monterrei co seu veciño Joaquín Balboa no verán do 2016.

Liberación de Mauthausen en maio de 1945 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.