Os 180 galegos nos campos nazis de exterminio

Placa conmemorativa en Mauthausen CC-BY-NC-SA parolealvento

Este 5 de maio celébrase o 70 aniversario da liberación de Mauthausen, a rede de campos de concentración nazis encargados de recluír os Inimigos Políticos do Reich, dende esquerdistas alemáns, prisioneiros soviéticos, homosexuais, artistas ou científicos opostos a Hitler. Entre eles, había ao redor de dez mil españois, algúns deles refuxiáranse en Francia tras o remate da Guerra Civil e foron entregados polo réxime de Vichy. Outros, incorporados ás forzas aliadas (calcúlase que o fixeron preto de 35 mil) ou á resistencia francesa foran capturados polas tropas alemás. 

Coincidindo co aniversario, Cuarto Poder publicou hai uns días, acompañada de reportaxes e entrevistas, a relación completa dos ao redor de 10.000 españois enviados a campos de concentración alemáns, entre eles uns 180 galegos, dos que 122 morreron alí. Na información pódese consultar a localidade de procedencia de cada un dos prisioneiros e se foi liberado o faleceu nos campos, e a data de falecemento ou liberación, en cada caso. A lista foi elaborada por Cuarto Poder a partir da investigación dos historiadores Benito Bermejo e Sandra Checa.

A Coruña, con 21 persoas, é a localidade galega con máis presos nos campos nazis, seguida de Vigo (11), Ourense (7), A Pobra do Caramiñal (6), Pontevedra (6), Ferrol (5), Vilagarcía (5), Lugo (4) ou Mugardos (4)

78 dos prisioneiros procedían da provincia da Coruña, 35 de Ourense, 34 de Pontevedra e 33 de Lugo, sendo a propia cidade da Coruña, con 21 persoas a localidade galega con máis presos nos campos nazis. Vigo (11), Ourense (7), A Pobra do Caramiñal (6), Pontevedra (6), Ferrol (5), Vilagarcía (5), Lugo (4) ou Mugardos (4) suman tamén grupos numerosos.

O historiador Benito Bermejo denuncia que “70 anos despois España segue ignorando o exterminio nazi dos republicanos”

No especial publicado por Cuarto Poder, que tamén lle dedica un apartado a Francisco Boix, o fotógrafo español que documentou en imaxes a barbarie nazi, o historiador Benito Bermejo denuncia que “70 anos despois España segue ignorando o exterminio nazi dos republicanos”, destacando que o envío dos refuxiados republicanos aos campos partiu das propias autoridades franquistas. Segundo relata Bermejo na súa investigación, se as condicións no propio campo de Mathausen eran duras, más aínda o eran as dos campos anexos de Gusen ou Hartheim, especialmente este último, onde eran enviados os máis vellos ou enfermos. Alí moitos servían de cobaias aos médicos nazis, sometidos a macabros experimentos e operacións. Así morreron 16 dos 122 galegos falecidos.

Nos últimos anos comezaron a realizarse as primeiras homenaxes sobre este grupo de galegos que pasou polos campos nazis de exterminio, destacando sobre todo o traballo Galegos en Mauthausen, de Enrique Barrera

Xa non está vivo ningún dos case sesenta galegos que saíron vivos dos campos nazis. O último faleceu hai uns anos en Teis (Vigo). Entre os supervivintes atopamos historias curiosas, coma a de Juan José Casal Chao Chucho, cabo da Mariña Republicana nacido en Fene, pois foi o único que regresou a España mentres aínda vivía Franco (a maior parte quedou a vivir en Francia). Fíxoo en 1970 e traballou nunha empresa auxiliar de Astano. Ou Marcelino Pardal Pouso Xelo, que nos anos trinta era futbolista do Racing de Ferrol, e que en boa medida salvou a vida pola súa habilidade futbolística pois foi incorporado polos nazis a un dos equipos dos campos, que xogaban partidos por cuestións propagandísticas ou de simple entretemento; trala liberación quedou a vivir na localidade francesa de Beziers.

Nos últimos anos comezaron a realizarse as primeiras homenaxes sobre este grupo de galegos que pasou polos campos nazis de exterminio, destacando sobre todo o traballo Galegos en Mauthausen, de Enrique Barrera. Precisamente, a investigación de Barrera alentou a homenaxe que en 2012 as entidades Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán realizaron en Ares aos 22 prisioneiros procedentes das comarcas de Ferrolterra.

Placa conmemorativa en Mauthausen CC-BY-NC-SA parolealvento
Mauthausen, hoxe CC-BY-NC-SA Sean Malloy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.