Chamamento "a saír dos despachos e das aulas" nun encontro profesional polo territorio e contra Altri

Imaxe do Encontro de Profesionais pola Defensa do Territorio ©

Hai uns meses un grupo de arquitectas e arquitectos iniciaron un traballo de reflexión sobre o modelo de desenvolvemento territorial de Galicia e o "dano que provocaría" a implantación da planta de Altri en Palas de Rei. O resultado foi un 'Manifesto pola Defensa do Territorio' presentarán o sábado 12 de xullo

Hai uns meses un grupo de arquitectas e arquitectos iniciaron un traballo de reflexión sobre o modelo de desenvolvemento territorial de Galicia e o "dano que provocaría" a implantación da planta de Altri en Palas de Rei. Froito dese proceso inicial de debate e posta en común de ideas, as persoas que puxeron en marcha a iniciativa abrírona a outros colectivos profesionais, docentes e investigadores que tamén traballan no estudo, ordenación, coidado, salvaguarda e protección do territorio.

O resultado foi un 'Manifesto pola Defensa do Territorio' presentarán á veciñanza das terras da Ulloa, da ria de Arousa e da ría de Pontevedra o vindeiro sábado 12 de xullo. Ese día, as persoas que o desexen participarán nunha concentración xunto ao albergue de peregrinos da Casanova, dende onde se realizará unha pequena andaina por un treito do Camiño de Santiago duns 3,5 quilómetros ata o lugar de Leboreiro, no Concello de Melide.

Recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Greenfiber

En Leboreiro terá lugar un encontro "con todos os colectivos mobilizados en defensa da Ulloa, do río Ulla, da ria de Arousa, da ria de Pontevedra e do territorio de Galicia en xeral"

Alí, en Leboreiro, terá lugar un encontro "con todos os colectivos mobilizados en defensa da Ulloa, do río Ulla, da ria de Arousa, da ria de Pontevedra e do territorio de Galicia en xeral". Finalmente, ás dúas e media comezará un xantar para o que é necesario reservar praza.

Este evento en defensa do territorio será presentado este mércores en rolda de prensa na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) en Santiago de Compostela. Na rolda de prensa Intervirán a xeógrafa e profesora da USC María Xosé Piñeira, o arquitecto e catedrático da ETSAC Pedro de Llano e a arquitecta e veciña da Ulloa Alba López.

Os e as promotoras da iniciativa, á que convidan a profesionais de distintas disciplinas, fan un chamamento "a saír dos despachos e das aulas, a abandonar os cadernos e as pantallas, para situármonos -nesta emerxencia- a carón da terra e das persoas que a habitan e a coidan"

Os e as promotoras da iniciativa, á que convidan a profesionais de distintas disciplinas, fan un chamamento "a saír dos despachos e das aulas, a abandonar os cadernos e as pantallas, para situármonos -nesta emerxencia- a carón da terra e das persoas que a habitan e a coidan". "Porque o traballo que facemos non ten sentido senón está aliado cos materiais que constrúen o noso modelo de vida, e coa responsabilidade de querer ser os mellores ancestros da sociedade que está por vir", destacan.

"Non abonda coa alegación en sede administrativa", subliñan. "Agora imos dicir, desde a arquitectura e a urbanística, e tamén desde a xeografía, as enxeñarías, a socioloxía, a arqueoloxía, o patrimonio histórico e cultural, a botánica, a zooloxía, a hidroloxía, a etnografía, a antropoloxía, a edafoloxía e tantos outros saberes do espazo que compartimos que outro modelo de vida e de ocupación do territorio é posible e necesario", engaden.

Cartel do Encontro de Profesionais pola Defensa do Territorio ©

O manifesto que promove o encontro reafirma a súa oposición á instalación da planta de Altri "polos seus irreversibles impactos sobre a sociedade, a saúde, o medio natural, o patrimonio cultural e o tecido económico local"

O manifesto que promove o encontro reafirma a súa oposición á instalación da planta de Altri "polos seus irreversibles impactos sobre a sociedade, a saúde, o medio natural, o patrimonio cultural e o tecido económico local". "Os mesmos impactos" -engade- "que leva sufrindo a ría de Pontevedra desde 1963, ano de inicio do funcionamento da pasteira de ENCE". 

O texto fai unha "defensa do ben común fronte ao extractivismo" e reclama unha "planificación e ordenación do territorio e do litoral sustentada na xustiza espacial, e baseada no dereito das persoas e das comunidades a decidir colectivamente sobre os usos do solo, os seus recursos e o futuro que desexan habitar".

O texto conclúe que "proxectos extractivistas como os das macrocelulosas de ALTRI ou ENCE resultan radicalmente incompatibles cun desenvolvemento territorial equilibrado, pois afondan nas inxustizas espaciais ao concentrar impactos ambientais e sociais en zonas tratadas como terras de sacrificio"

Destaca ademais a necesidade do "coñecemento e coidado do patrimonio histórico" e do "respecto ao tecido económico local que reproduce a vida". Reclama así mesmo a importancia de "asegurar o acceso a servizos básicos como educación, saúde, atención social e mobilidade, para garantir a dignidade no rural e nas nosas cidades".

Finalmente, o texto conclúe que "proxectos extractivistas como os das macrocelulosas de ALTRI ou ENCE resultan radicalmente incompatibles cun desenvolvemento territorial equilibrado, pois afondan nas inxustizas espaciais ao concentrar impactos ambientais e sociais en zonas tratadas como terras de sacrificio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.