As nove ameazas de Altri segundo informes e voces expertas

Montaxe de diversas imaxes sobre unha recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Praza.gal

Fronte ao visto e prace da Consellaría de Medio Ambiente, son moitas as alertas lanzadas nos últimos meses sobre os posibles prexuízos que a actividade da planta pode ter na comarca na que se prevé instalar e no conxunto de Galicia

O pasado 14 de marzo a Xunta aprobou a declaración ambiental do proxecto da factoría de Altri en Palas de Rei ao vela "ambientalmente viable". Esta Declaración de Impacto Ambiental (DIA) dará paso a unha Autorización Ambiental Integrada (AAI), que pode ser recorrida. Porén, fronte a este visto e prace da Consellaría de Medio Ambiente, son moitas as alertas lanzadas nos últimos meses por entidades e voces expertas, que chaman a atención sobre os posibles prexuízos que a actividade da planta pode ter na comarca na que se prevé instalar e no conxunto de Galicia.

Estas ameazas son de todo tipo e refírense particularmente ao modelo forestal (atendendo a un posible fomento da plantación de eucaliptos ou á importación da súa madeira) e tamén á afección que a planta pode ter para as augas do río Ulla e da ría de Arousa. Igualmente, alértase sobre o prexuízo ao resto de actividades económicas das comarcas afectadas, por exemplo para as explotacións agorgandeiras e as produtoras de alimentos e tamén para o turismo, tan importante nuns concellos atravesados polo Camiño de Santiago. E, finalmente, hai dúbidas sobre o efecto sobre o medio ambiente e a saúde humana.

 

Incremento da demanda de eucalipto

Estas ameazas son de todo tipo e refírense particularmente ao modelo forestal (atendendo a un posible fomento da plantación de eucaliptos ou á importación da súa madeira) e tamén á afección que a planta pode ter para as augas do río Ulla e da ría de Arousa

A planta de Altri prevé consumir 1,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto ao ano na súa primeira fase. Esta cantidade suporía ao redor do 20% das cortas anuais de eucalipto en Galicia (5,5 millóns en 2023, nos últimos datos publicados). Nunha segunda fase, ademais, esta cantidade podería elevarse ata os 2,28 millóns de metros cúbicos.

No informe publicado o 5 de setembro do pasado ano polo Consello da Cultura Galega o profesor da USC Eduardo Corbelle alertaba de que, á vista dos datos proporcionados pola empresa, "non sería posible abastecer a nova planta sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia, ou ben sen importar un volume considerable de madeira desde o sur de América". 

E engadía que "as dúas conclusións parecen opostas aos intereses da política pública en Galicia, xa que a primeira entra en clara contradición cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia actualmente en vigor e a segunda negaría a pretendida conexión entre o sector forestal galego e a nova industria". 

Madeira cortada nun monte galego Dominio Público Praza Pública

Á vista dos datos proporcionados pola empresa, "non sería posible abastecer a nova planta sen incrementar substancialmente a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia, ou ben sen importar un volume considerable de madeira desde o sur de América", alertaba un informe do CCG

A empresa defende que Galicia produce máis eucalipto do que consome neste momento, de xeito que habería un importante remanente que se podería aproveitar da aparición de novas actividades de transformación. Porén, moitas das voces expertas que se pronunciaron ata agora poñen en dúbida esta afirmación.

Ademais, aínda que este proxecto promete engadir unha nova liña á cadea forestal-madeira de Galicia, destinada á elaboración de fibras téxtiles a partir de madeira de eucalipto, a actividade principal da factoría sería a fabricación de celulosa soluble e, só de forma secundaria, destas fibras téxtiles (Lyocell). 

O informe do CCG alerta de que isto "reforzaría a especialización actual desa cadea na produción de materias primas (madeira de eucalipto) e na primeira transformación (celulosa soluble)" porque, ademais, non se "perciben" os "vínculos intersectoriais do proxecto coa cadea téxtil-confección existente na economía galega, que está concentrada nas fases ou elos finais". Mesmo as voces que apostan por "pechar ciclos" no sector forestal non atopan que o proxecto de Altri sexa o paso adiante que se necesita neste senso.

Nun recente artigo publicado por David Chipperfield en La Voz de Galicia, o arquitecto -presidente da Fundación Ría- concluía que "máis alá da preocupante cuestión da contaminación e o aumento de temperatura das augas, o proxecto trae consigo o inevitable impulso ao cultivo do eucalipto". "Que a Administración contemple o fomento substancial dun modelo forestal que causou estragos ambientais en Galicia é difícil de aceptar", engadía.

Prexuízo ás empresas de produción de alimentos

"Os impactos negativos sobre a cadea agroalimentaria poden ser importantes pola competencia nos usos do solo para as explotacións gandeiras e os efectos na percepción social dos produtos alimentarios da zona, coa conseguinte repercusión na súa demanda"

O proxecto está a espertar unha gran contestación social nas comarcas da Ulloa, Terras de Melide, Arzúa e no norte do Deza. Trátase dun espazo, no mesmo centro de Galicia, dunha importante vitalidade económica no contexto do medio rural galego, e que destaca especialmente pola súa produción de alimentos e pola intensa e modernizada actividade no sector primario, que dá traballo a máis do 20% da súa poboación. 

Por este motivo, preocupa moito o efecto que a factoría pode ter para estes sectores. No devandito informe do CCG, Edelmiro López Iglesias, Ana Isabel García Arias, Fernando de la Torre e David Peón, alertan de que "os impactos negativos sobre a cadea agroalimentaria poden ser importantes e darse por dúas vías: a competencia nos usos do solo para as explotacións gandeiras (derivada da previsible expansión das plantacións de eucalipto) e os efectos na percepción social dos produtos alimentarios da zona, coa conseguinte repercusión na súa demanda". 

Neste senso, Chipperfield subliña que "o futuro de Galicia non é Altri. A riqueza e o futuro de Galicia están no seu capital natural. O medio ambiente é o seu tesouro. Impulsar Galicia como unha terra produtora de alimentos é garantía non só da sostibilidade medioambiental, senón tamén da calidade de vida que o territorio ofrece". Por ese motivo, engade, "non é xustificable o fomento dun cultivo forestal que, ademais de degradar a biodiversidade, exerce unha enorme presión económica sobre a produción de alimentos".

As instalacións de Arqueixal, en Palas de Rei © Arqueixal

Prexuízo ao turismo e ao Camiño de Santiago

"O futuro de Galicia non é Altri. A riqueza e o futuro de Galicia están no seu capital natural. O medio ambiente é o seu tesouro. Impulsar Galicia como unha terra produtora de alimentos é garantía non só da sostibilidade medioambiental, senón tamén da calidade de vida que o territorio ofrece", di David Chipperfield

Estes prexuízos esténdense ao outro gran motor da economía destas comarcas: o turismo. Sobre todo porque falamos dun turismo -rural, de natureza ou vencellado ao Camiño de Santiago- na que o estado do espazos naturais e da paisaxe son fundamentais. 

No informe publicado polo CCG, Xosé M. Santos comentou que o turismo (especialmente este tipo) é "moi sensible aos cambios" e detallou os efectos negativos para "a tranquilidade ou as expectativas" das persoas que visitan estas comarcas ou deciden facer o Camiño. Así mesmo, incluía os resultados dunha consulta realizada a propietarios de aloxamentos na zona, que esperaban un prexuízo importante nas reservas. Santos concluía que a instalación de Altri neste lugar podería "pór en perigo a que, sen dúbida, é a principal estratexia do Goberno galego en termos turísticos", na que a internacionalización e o fomento do Camiño de Santiago son claves.

A Asociación Galega de Albergues Privados e a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago manifestaron xa a súa oposición ao proxecto polo impacto que consideran que vai ter sobre a ruta, especialmente sobre o Camiño Francés. Tamén o ICOMOS, vencellado á UNESCO, emitiu un comunicado no que recomenda a realización dunha avaliación independente de impacto ambiental que non se limite á zona de amortecemento, senón que considere un contexto máis amplo. Organizacións ecoloxistas remitiron unha carta ao Ministerio de Cultura alertando igualmente dos efectos negativos sobre o sector turístico e, polo tanto, para a economía local.

A estas múltiples voces uniuse esta semana a de Mercedes Rois Díaz, directora de Innovación da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta ata febreiro deste ano, que cualificou de "equivocación" situar esta fábrica "na contorna do Camiño de Santiago, signo de identidade polo que nos coñecen no mundo enteiro", ao tempo que alertaba do "impacto ambiental e cultural sen precedentes".

Destrución da paisaxe

Estes prexuízos esténdense ao outro gran motor da economía destas comarcas: o turismo. Sobre todo porque falamos dun turismo -rural, de natureza ou vencellado ao Camiño de Santiago- na que o estado do espazos naturais e da paisaxe son fundamentais

A paisaxe é un concepto complexo, difícil de definir e de cuantificar economicamente, tamén de delimitar os efectos negativos que o poden afectar. En todo caso, como lembra o informe do CCG, a factoría "suporá en si mesma unha importante alteración da paisaxe ao se implantar nun espazo orientado fundamentalmente á produción gandeira e onde predominan os prados, os pastos e a vexetación de frondosas caducifolias".

Neste senso, máis aló do impacto visual da propia factoría, advírtese do efecto de fomento da plantación de eucaliptos na contorna e, ademais, lembra que existirán outros "impactos para o territorio", por exemplo a través do incremento da presenza de camións e de tráfico en xeral, que "repercutirá nunha maior contaminación acústica e ambiental, coas consecuencias que iso ten para o turismo".

Neste senso, o informe do CCG destaca que o proceso de avaliación do impacto do proxecto sobre a paisaxe e o patrimonio "falla, xa no inicio, no recoñecemento e identificación do patrimonio territorial, que non responde a unha consideración integral e integrada dos valores naturais, sociais e culturais, o que require recoñecer e valorar a estrutura patrimonial do lugar e a paisaxe como resultado das relacións entre elementos e dos procesos históricos que se manifestan no territorio".

Peregrinos na etapa Palas de Rei-Melide do Camiño Francés © CamiñodeSantiago.gal

Destrución do medio

Tamén se alerta do efecto negativo que a planta tería para múltiples especies animais e vexetais na rica Serra do Careón, situada moi preto da factoría

A planta de Altri non é a central de Chernóbil despois do accidente, pero como case todas as actividades industriais, ten un impacto negativo sobre o medio ambiente. E vaino ter nun territorio especialmente valioso. No informe do CCG, a profesora da USC María J. Fernández Sanjurjo conclúe que "a localización elixida para esta gran fábrica de pasta de celulosa e lyocell é totalmente desacertada considerando criterios medioambientais" e destaca a "extraordinaria riqueza en flora endémica" da zona, sinalando ademais que a factoría "se situará sobre un dos escasos afloramentos serpentiníticos de Galicia".

Tamén se alerta do efecto negativo que a planta tería para múltiples especies animais e vexetais na rica Serra do Careón, situada moi preto da factoría.

Menos emprego do prometido

A empresa promete a creación duns 500 empregos directos e uns dous mil indirectos, pero outras análises rebaixan considerablemente esas cifras, ata os 281 empregos directos e os 263 indirectos

Este é sempre un dos asuntos nos que adoita facer fincapé á hora de valorar o impacto -positivo ou negativo- dun proxecto industrial. Un certo prexuízo ambiental, sobre a saúde ou sobre outros sectores económicos pode xustificarse socialmente se a nova factoría achega suficiente riqueza á zona? A resposta a esa pregunta, que é complexa, depende entre outros aspectos do número de empregos -directos e indirectos- que o proxecto pode xerar. E aí hai discusión.

A empresa promete a creación duns 500 empregos directos e uns dous mil indirectos. Porén, a análise de Edelmiro López Iglesias, Ana Isabel García Arias, Fernando de la Torre e David Peón é moito menos optimista, cifrando o impacto real en 281 empregos directos, 62 empregos indirectos nas catro comarcas da área de influencia e outros 201 indirectos no resto de Galicia. Os economistas conclúen que o de Altri é "un proxecto industrial de gran tamaño, pero cunha facturación (ao redor de 200 millóns de euros/ano) modesta en relación ao investimento e cunha elevada intensidade en capital e baixa intensidade en traballo".

Ademais, engaden que "a incidencia destes empregos sobre a dinámica demográfica dos concellos e comarcas próximos e os seus efectos inducidos na economía da zona dependerán dos patróns de residencia e de desprazamento diario ao lugar de traballo dos novos empregados".

En calquera caso, no artigo de Chipperfield, o arquitecto destacaba que a "confrontación" entre destrución do medio e xeración de riqueza "xa non pode entenderse como unha balanza" e "non se pode simplemente xustificar calquera investimento ou restarlle importancia aos potenciais perigos: debe demostrarse unha achega positiva cara a un futuro sostible".

Instalacións de Bioflytech, en Palas de Rei © Bioflytech

Contaminación para o Río Ulla e a Ría de Arousa

A factoría necesitará captar 46.000 metros cúbicos de auga ao día e as súas verteduras ao río Ulla acabarán pouco despois na ría de Arousa, onde contaminantes, reducións de caudal e o aumento de temperatura das augas poden afectar negativamente á produción marisqueira, alerta a PDRA

A cuestión da auga, tanto a captación para o seu uso na factoría coma o destino das augas residuais xeradas, vén configurándose como un dos asuntos fundamentais en canto á desconfianza que provoca o proxecto.

A factoría necesitará captar 46.000 metros cúbicos de auga ao día dende o encoro de Portodemouros, en Agolada. En total, son 16 millóns de metros cúbicos por ano (16.000 millóns de litros), un consumo de auga semellante ao da celulosa Ence na ría de Pontevedra, que capta do río Lérez entre 12 e 17 millóns de metros cúbicos. En canto ás augas residuais, as xeradas durante a produción na planta serán tratadas nunha estación de tratamento cun caudal de vertedura de 30.000 metros cúbicos/día. 

Estas augas, devoltas ao río Ulla, acabarán chegando unhas 24 horas despois á ría de Arousa, un espazo fundamental para a economía galega, tanto polo seu potencial turístico coma, sobre todo, pola súa produción marisqueira, moi sensible non só á presenza de contaminantes, senón tamén a variacións de caudal e de temperatura que a actividade de Altri pode xerar.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa vén mobilizándose contra o proxecto de Altri en Palas de Rei coa mesma intensidade que as entidades das comarcas máis próximas á instalación. A PDRA alerta de que "o enorme consumo de auga" previsto polo proxecto de ALTRI "diminúe o caudal do río" e "aumenta o impacto das verteduras, comprometendo a súa calidade". Ademais, Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica na USC, advirte de que "a auga é o recurso que ten valor" e incide en que "nun escenario de cambio climático non sabemos de canta auga imos dispoñer nas vindeiras décadas". 

No informe do CCG, o profesor da USC Horacio García concluíu que "o estudo de impacto hidrolóxico realizado por Greenfiber non alcanza a rigorosidade necesaria, ao ser extremadamente simple e moi orientado a 'esquivar' o trámite ambiental que outorgue viabilidade ao proxecto". Engade, ademais, que "a parcialidade dos datos empregados supón a omisión de información vital sen a cal non é posible xustificar o uso e consumo de auga demandado, co que se ignora toda a integridade ecolóxica, ambiental e social do río no territorio".

Bateas na Ría de Arousa © Xunta

Contaminación do aire

O experto en contaminación Ramón Varela Díaz apunta que a planta proxectada emitiría máis partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre que a factoría de ENCE en Pontevedra

Ademais da posible contaminación das augas ou a afectación á súa calidade ou ao caudal do río, nas organizacións ecoloxistas preocupan os posbiles contaminantes vertidos á atmosfera. Nesta cuestión, ao igual que noutras, atopamos un baile de cifras e un choque de argumentarios entre as previsións da empresa -aceptadas polo Goberno galego- e as análises de entidades ambientalistas e voces expertas. 

O pasado ano un informe elaborado por ADEGA en colaboracion co experto en contaminación Ramón Varela Díaz tras analizar as emisións á atmosfera declaradas no Estudo de Impacto Ambiental de Greenfiber apuntou que a planta proxectada emitiría máis partículas, óxidos de nitróxeno e óxidos de xofre que a factoría de ENCE en Pontevedra.

Complexo industrial de ENCE en Pontevedra, nunha imaxe de arquivo © Greenpeace

Problemas de saúde

Sonia Villapol afirma que "a implantación da celulosa, que vai engadir contaminación atmosférica, converterá o aire da comarca nunha ameaza invisible para a saúde" e pon o foco nas partículas finas, ou PM2,5

As verteduras de augas residuais ao río Ulla e de partículas contaminantes teñen efectos negativos sobre a saúde humana? A curto prazo? E a medio e a longo prazo? É difícil sabelo con seguridade, partindo da disparidade inicial de datos. En todo caso, no informe do CCG, a investigadora Sonia Villapol afirma que "a implantación da celulosa, que vai engadir contaminación atmosférica, converterá o aire da comarca nunha ameaza invisible para a saúde" e pon o foco nas partículas finas, ou PM2,5. 

De igual xeito, o Grupo de Saúde da Plataforma Ulloa Viva, alertou neste artigo sobre a posible incidencia desta contaminación xerada sobre a asma bronquial.

Villapol, que detallou as súas conclusións neste artigo publicado en Praza.gal, subliña que a ausencia "de investigacións obxectivas e concretas que permitan proxectar un modelo rigoroso do impacto na saúde que vaia ter a exposición aos contaminantes que emita a factoría" limita "a avaliación dos riscos a curto prazo e moito máis complexo é avaliar os efectos na saúde a longo prazo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.