“Unha autorización destes fondos a Altri afectaría calquera relación futura: isto é unha liña vermella para o BNG. O Executivo debe abandonar a ambigüidade”. Con estas palabras, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, deixou clara a postura da formación nacionalista respecto do futuro da celulosa e da posibilidade que acceda aos fondos comunitarios que a compañía reclama e que dependen da asignación estatal.
Será ademais este mércores cando Rego pregunte ao ministro de Industria, Jordi Hereu, pola posición do Goberno de España sobre Altri, pero tamén o momento de "esixir" que o Estado "non libere estes fondos europeos" para o proxecto previso en Palas de Rei.
"Unha autorización de fondos públicos afectaría de forma decisiva a relación entre o BNG e o PSOE, entre o BNG e o Executivo", di Rego
"Deixamos claro que para o BNG isto é unha liña vermella. Unha autorización destes fondos por parte do Goberno español afectaría de forma decisiva a relación entre o BNG e o PSOE, entre o BNG e o Executivo. Calquera relación de futuro veríase claramente afectada", insistiu Rego, que non fixo máis que advertir de que un apoio en forma de financiamento á instalación de Altri en Galicia podería supoñer a fin do apoio ao Goberno central.
"Altri non cumpre os criterios do PERTe de descarbonización", engadiu Rego, que advertiu dunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) "máis que cuestionable" e que asegurou que xa "non cabe nunca máis poñerse de perfil". "Só cabe o rexeitamento frontal", dixo.
Na mesma liña se expresou a viceportavoz do Bloque no Parlamento galego, Olalla Rodil, que asegurou que se o Goberno central outorga fondos a Altri "iría en contra dos galegos". Preguntada directamente sobre se iso suporía retirar o apoio ao Executivo de Pedro Sánchez, aclarou que nese caso "quen iría en contra dos galegos sería o Goberno de España". "Esta é unha cuestión de país, de defensa dos intereses dos galegos", insistiu na rolda de prensa posterior á xuta de portavoces.
No mesmo ámbito, a viceportavoz do grupo do PSdeG, Lara Méndez, dubidou de que o proxecto de Altri para Palas de Rei logre financiamento público. Así, aclarou que os socialistas teñen "moitas dúbidas" sobre o impacto medioambiental da iniciativa porque a propia DIA "está chea de condicionantes".
Lara Méndez (PSdeG) di ter "serias dúbidas" de que Altri cumpra cos requisitos para obter fondos da UE e cre que "os bandazos da Xunta evidencian que é un proxecto político, non estratéxico"
"Teño serias dúbidas de que cumpra cos requisitos da UE", tales como "a mitigación do cambio climático" ou a protección dos recursos sostibles e a economía circular. En todo caso, e cuestionada sobre se consideraría un erro que o Goberno central concedese axudas públicas a Altri, Méndez aclarou que ás veces hai que "dar licenzas" malia "non compartir a filosofía" ou sen que che guste "o que alí se aprobe".
"Que un edificio poida pintar a súa fachada de negro non hai ningunha norma que o impida; a instalación dun negocio de xogo ninguén o quere na súa rúa nin no seu barrio, pero se cumpre cos requisitos as licenzas hai que dalas", dixo, antes de engadir que “os bandazos da Xunta con Altri evidencian" o que sempre dixo o PSdeG: "É un proxecto político, non estratéxico”.