A Consellería de Medio Ambiente deu luz verde á declaración de impacto ambiental formulada por Greenfiber, a sociedade composta pola empresa portuguesa e a galega Greenalia, para instalar a súa fábrica en Palas de Rei. O aval condicionado —considerando o proxecto "ambientalmente viable" pero con requisitos adicionais e a obriga do cumprimento dun "programa de vixilancia ambiental"— deixou satisfeito á Xunta pero volveu erguer as protestas da oposición e mais do amplo movemento cidadá e social que en Galicia, pero sobre todo na Ulloa e nos concellos máis afectados, protestan desde hai meses contra a "macrocelulosa".
O documento publicado este venres no DOG resume as características básicas da factoría proxectada por Altri e Greenalia tras ser seleccionadas por Impulsa Galicia, a sociedade público-privada impulsada pola Xunta e Abanca. O informe, ademais dalgún outro anterior ofrecido pola propia empresa e de análises externas, deita luz sobre a grande envergadura do proxecto. Sobre unhas cifras que aquí resumimos:
A factoría de Altri ocupará unha superficie de 112 hectáreas, tres veces a zona vella de Lugo
112 hectáreas de factoría
As instalacións proxectadas na planta industrial "ocuparán unha superficie de aproximadamente 112 hectáreas, "logo de optimizar a área de implantación da planta para reducir os espazos a ocupar", explica o informe, no que se especifica tamén que se asenta sobre parcelas "situadas no extremo oeste do termo municipal de Palas de Rei, nunha área lindeira co municipio de Santiso".
Esta superficie supón case catro veces a zona vella de Santiago e máis de tres veces a da cidade de Lugo.

4 concellos, 2 comarcas
No texto explícase tamén que aínda que a fábrica de fibra téxtil sitúase no termo municipal de Palas, as súas "infraestruturas auxiliares" (conducións de captación de auga, conducións de vertedura, liña de subministración eléctrica e vías de acceso) esténdense tamén polos municipios de Melide, Santiso (ambos da provincia da Coruña) e Agolada (Pontevedra).
Altri manexou Cervo, Alfoz, As Pontes, Forcadas, Baamonde e Lugo como opcións antes de decidirse por Palas de Rei
Ademais, o proxecto localízase "na grande área paisaxística Galicia Central, concretamente na comarca paisaxística de Terra de Melide-Arzúa, e próxima no seu extremo oeste á comarca paisaxística denominada A Ulloa".
Antes de decidirse por Palas de Rei, Altri manexou outras seis posibles localizacións asociadas a grandes concas hidrolóxicas: Cervo (Río Covo), Alfoz (Río Ouro), As Pontes (Río Eume), Forcadas (Río Mera), Baamonde (ríos Ladra e Parga) e Lugo (Río Miño Alto).
Cheminea de 75 metros
As emisións da caldeira de recuperación, do forno de cal, da caldeira de emerxencia e da caldeira de biomasa "serán conducidas á atmosfera a través dunha única cheminea de 75 metros de altura, para maximizar a dispersión atmosférica". Será, no caso de acabar construíndose, practicamente da mesma altura que a Catedral de Santiago e 17 metros máis alta que a Torre de Hércules na Coruña.
A cheminea da fábrica medirá 75 metros, altura semellante á da Catedral de Santiago
400.000 e 200.000 toneladas ao ano de celulosa e 'lyocell'
Segundo especificara xa Greenfiber, a capacidade máxima de produción na factoría de Palas a partir de madeira de eucalipto é de 400.000 toneladas métricas anuais de celulosa soluble, pasta secada ao aire materia prima para diversas fibras téxtiles, así como 200.000 toneladas ao ano de lyocell, tecido artificial e ecolóxico fabricado a partir desa pasta de madeira. Nunha primeira fase, a produción sería de 250.000 toneladas anuais de celulosa e 60.000 de lyocell.
46 millóns de litros de auga diarios
En relación ao consumo de auga, "instalarase un sistema de captación de auga bruta no encoro de Portodemouros, no concello de Agolada (Pontevedra), para un caudal de 46.000 metros cúbicos ao día, 46 millóns de litros, 31.000 para cubrir a demanda da celulosa soluble e 15.000 para o lyocell. Supón, segundo denunciara a organización ecoloxista Greenpeace, máis da que consome toda a provincia de Lugo.
A factoría prevé captar 46 millóns de litros de auga ao día, tanta auga como a que consome Ence
Serían, xa que logo, 535 litros por segundo de demanda máxima e 16 millóns de metros cúbicos por ano (16.000 millóns de litros), un consumo de auga semellante ao da celulosa Ence na ría de Pontevedra, que capta do río Lérez entre 12 e 17 millóns de metros cúbicos.
Ademais, durante o período pico da construción e montaxe a demanda de auga potable será de 500.000 litros de auga diarios. Logo, durante a fase de operación da planta, e para uso sanitario, estímase necesario un caudal de 50.000 litros diarios "a partir da conexión á auga potable dun dos concellos veciños".
En canto ás augas residuais, as xeradas durante a produción na planta serán tratadas nunha estación de tratamento cun caudal de vertedura de 30.000 metros cúbicos/día.
O 22% do eucalipto que se corta en Galicia
Ademais, na primeira fase, Altri utilizará como materia prima básica arredor de 1,2 millóns de metros cúbicos (toneladas) de madeira de eucalipto (globulus e nitens) por ano. Esta cantidade suporía, aproximadamente, arredor do 22% do total dos aproveitamentos forestais solicitados en Galicia para esa especie en 2023 (os últimos datos) e sobre o 20% dos de 2022. Máis de dúas de cada dez toneladas das cortas de eucalipto.
Altri prevé utilizar 1,2 millóns de toneladas de madeira de eucalipto ao ano, un 22% de todo o que se corta en Galicia
Nunha segunda fase, calcúlase que serán necesarias 2,4 millóns de toneladas de eucalipto. Mentres, no informe da declaración ambiental, aclárase que Altri considera que "existe produción de madeira de eucalipto para fornecer a esta industria, que se abastecería das existencias que neste momento se comercializan no exterior e que, por tanto, non provocaría un incremento da superficie dedicada a eucalipto en Galicia". O documento presentado pola Axencia Galega da Industria Forestal "incide nestas cuestións e reforza os argumentos do promotor", segundo detalla a Xunta.
500 empregos directos ou 281?
A empresa promotora da planta de Palas prevé a creación de 2.500 postos de traballo, 500 empregos directos e 2.000 indirectos, pero o Consello da Cultura Galega rebaixara as previsións a 281 empregos directos, 62 empregos indirectos nas comarcas próximas e outros 201 indirectos no resto de Galicia.
Este mesmo venres, no comunicado emitido por Greenfiber, a empresa insiste na creación de arredor de 2.500 postos de traballo, 500 deles directos nunha planta que "funcionará as 24 horas".
1.000 millóns de investimento, 250 de subvención
O proxecto é unha aposta decidida de Altri a través de Greenfiber, sociedade constituída en agosto de 2022 coa empresa lusa como accionista maioritario (75% do capital) e a galega Greenalia co outro 25%. Tamén da Xunta, que a elixiu a través da sociedade Impulsa Galicia para impulsar a fábrica téxtil que pretende financiar con fondos comunitarios. A empresa, que prevé un investimento duns 1.000 millóns de euros, conta con impulsar o proxecto con subvencións que roldarían os 250 millóns, arredor dun cuarto do total a investir.
Un informe do CCG rebaixou a 281 os empregos directos dunha fábrica que prevé 250 millóns en subvencións
Tanto o Goberno galego como a empresa levan tempo reclamando "certezas" por parte do Estado para aseguar o acceso a créditos e axudas directas da UE a través do programa Next Generation, unhas achegas sen as que o proxecto non sería viable e que dependen do visto e prace ambiental non só da Xunta, senón tamén da Unión Europea.
27.000 alegacións
Tal e como se aclara no informe publicado no DOG, no expediente do proxecto de Palas de Rei constan unhas 27.000 alegacións, presentadas por particulares, asociacións e/ou plataformas de distintos ámbitos e concellos.
Seis anos de vixencia, tres anos de construción
A declaración de impacto ambiental publicada este venres ten unha validez de seis anos, tras os cales caducaría se a empresa non puxese en marcha o seu proxecto. Na comparecencia das conselleiras de Medio Ambiente e Economía, Ángeles Vázquez e María José Lorenzana, respectivamente, aclarouse que, en caso de que se xudicialice o ditame, ese prazo paralizaríase.
Ademais, o prazo previsto para a fase de construción da fábrica é de 33 a 36 meses, arredor de tres anos.
110 MW de demanda eléctrica
Segundo se explica no informe, a demanda eléctrica estimada da factoría é de 5 MW durante as obras e 110 MW durante a fase de explotación. "A planta estará equipada cunha subestación eléctrica propia, que servirá como punto de interconexión dunha futura liña de 220 kV que non é obxecto desta DIA. A devandita subestación localizarase na parte nordés da planta", aclara.
Ademais, para a subministración de enerxía eléctrica durante a fase de obras contémplase a execución dunha liña eléctrica provisional de 15 kV, cunha lonxitude aproximada de 10 quilómetros desde a SET Melide, xa existente, ata a planta.
Emisións
Greenpeace analizou hai uns meses as cifras de emisións estimadas na planta de Palas de Rei en base aos cálculos da empresa. Emitiría 525 toneladas de materia en suspensión (SST), 157 toneladas anuais de nitróxeno, 21 de fósforo, así como 21.000 toneladas de sulfatos. Tamén 1.680 toneladas anuais de substancias con demanda química de osíxeno.