As respostas da Xunta ás solicitudes de documentos sobre os acordos de Altri con Impulsa Galicia, a sociedade que impulsou o Goberno galego con Abanca, retratan o escudo público-privado no que se abeira para non amosalos
As resolucións da Xunta sobre os permisos ambientais a Greenfiber, a sociedade coa que a portuguesa Altri e a galega Greenalia impulsan unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles derivadas deste produto en Palas de Rei, están na súa recta final. Neste punto, acrecéntase o debate político e social a respecto do controvertido proxecto, quer polas mobilizacións das plataformas contrarias á súa instalación na Ulloa, quer pola acendida defensa do mesmo por parte de axentes económicos, do Goberno galego e do PP.
Un dos aspectos da cuestión con máis foco político nas últimas semanas é o contido concreto do acordo asinado con Altri por parte de Impulsa Galicia, a sociedade fundada pola Xunta e Abanca para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation. Que ese acordo é existe é público dende o día en que foi asinado, cando a propia Altri divulgou que fora elixida por Impulsa. Pero o que nunca foi publicado é o contido dese documento nin doutros ligados, por exemplo, a ese proceso de selección.

O deputado do BNG Luís Bará, vicevoceiro da formación no Parlamento, reclamou en varias ocasións formalmente no que vai de lexislatura esa documentación. Fíxoo a través do artigo 9 do Regulamento do lexislativo, que faculta os membros da Cámara a solicitar documentos en poder do Goberno. Ata o momento, as respostas da Xunta non incluíron os papeis solicitados, senón un retrato do escudo público-privado no que se abeira para non amosalos, un argumento do que discorda o Bloque, pero tamén o Consello de Contas.
A Consellería de Economía evidencia en resposta ao BNG que as solicitudes de permisos para a fábrica son formuladas por Greenfiber, a empresa de Altri e Greenalia,e non por Impulsa Galicia
Nunha resposta rexistrada na Cámara pola Consellería de Economía e Industria en agosto de 2024, o departamento que dirixe María Jesús Lorenzana describe brevemente os cometidos cos que naceu Impulsa Galicia e evidencia que "un dos proxectos impulsados" é o que procurou a "implantación dunha industria de fibra téxtil a base de celulosa e as súas infraestruturas asociadas". Para desenvolvelo "levou a cabo un procedemento de busca de socios industriais para desenvolver o mesmo, sendo finalmente Altri o escollido". Foi "a
entidade Altri, a través de Greenfiber S.L.", subliña a Xunta, a que "desenvolveu o proxecto" que o Goberno galego declarou como proxecto industrial estratéxico a finais de 2022.
Foi neste contexto, evidencia a Consellería, no que Altri solicitou os permisos ambientais que aínda están pendentes, tramitación na que foron expostos ao público diversos documentos que permitiron coñecer máis detalles da fábrica proxectada. "En consecuencia, non é Impulsa Galicia a que está a tramitar o proxecto, senón a sociedade Greenfiber", advirte a resposta
Esta primeira capa do escudo público-privado refórzaa a Xunta con outra máis elaborada. O Goberno argumenta que non publica nin entrega ao deputado documentos sobre "as actuacións previas de conceptualización do proxecto no seo de Impulsa Galicia" porque "deben entenderse como un desenvolvemento conceptual interno dunha sociedade privada e con participación pública minoritaria".
Economía mantén que a documentación é "interna dunha sociedade privada con participación pública minoritaria" ao ter a Xunta o 40% de Impulsa Galicia e non dispor da "maioría dos dereitos de voto"
Defende a Xunta que Impulsa "non é unha sociedade mercantil pública autonómica" ao non cumprir os requisitos fixados pola lei para selo, isto é, "ser maioritaria a participación directa no seu capital social". O Goberno galego controla directamente o 40% de Impulsa Galicia. Está tamén presente a través do 10% de Sogama -compañía na que a Xunta ostenta o 51%, con Naturgy controlando o 49%- e do 12% de Reganosa, empresa da que a Xunta ten o 28,59% das accións.
A Consellería de Economía sostén ademais que Impulsa Galicia "tampouco é unha sociedade mercantil á que, aínda non sendo autonómica, lle sexa de aplicación" a lei que rexe o sector público galego por non atoparse no suposto de que a Administración "dispoña da maioría dos dereitos de voto (...), ben directamente ben mediante acordos con outros socios". É neste punto no que a defensa gobernamental para tratar Impulsa Galicia como privada e, polo tanto, non revelar a súa documentación bate co criterio do Consello de Contas.

En varias ocasións -a última, en 2024-, o organismo fiscalizador das contas públicas galegas advertiu a Xunta de que "debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar" a "actuación financeira" de Impulsa Galicia e "sometela a control público". Porque, a xuízo do Consello, si que debe ser tratada como unha sociedade de maioría pública.
Contas insiste en que a Xunta ten "directamente" o 40% dos votos e "o 10%, de xeito indirecto" a través de Sogama, polo que Impulsa Galicia debe estar "sometida a control público"
Ao contrario do sostido pola Consellería de Economía, o Consello de Contas sostén que a Xunta si chega á metade dos dereitos de voto en Impulsa. Porque "posúe directamente o 40% dos votos e o 10% de xeito indirecto" ao "ser a entidade dominante en Sogama". Ademais, observa máis elementos que "apuntalan o control público desta entidade", como "a súa localización en instalacións públicas" -as oficinas de Impulsa Galicia están na sede do Instituto Galego de Promoción Económica, un ente dependente da propia Consellería de Economía-, o seu obxecto social e a súa incardinación en actuacións estratéxicas da política industrial da Xunta de Galicia e en proxectos prioritarios receptores de fondos públicos".
Pero a consellería de María Jesús Lorenzana, que pola súa condición de conselleira é tamén a presidenta de Impulsa Galicia, discorda desta interpretación. Tamén as principais voces orgánicas do PP galego, que nos últimos días caricaturizaron como "conspiracións" as acusacións lanzadas polo Bloque e as súas solicitudes de documentación. Na máis recente, rexistrada por Bará o pasado 6 de febreiro, reclama copias dos documentos do "concurso internacional" no que Impulsa elixiu a Altri, do acordo rubricado coa compañía portuguesa en 2021 e de "todos os asinados" dende aquela, así como "das comunicacións entre Impulsa e Consellaría de
Industria en relación co proxecto de Altri e relacionada cos acordos asinados".