O que é público (e o que non) do pacto da Xunta con Altri

Recreación da planta proxectada por Altri para Palas de Rei e fragmentos do comunicado de 2021 sobre o acordo con Impulsa Galicia CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Infografía: Greenfiber

O 1 de outubro de 2021 Altri asinou un "memorando de entendimento" con Impulsa Galicia, a sociedade impulsada polo Goberno galego xunto a Abanca

O 1 de outubro de 2021 a empresa papeleira Altri anunciou cun comunicado aos seus investidores e ao organismo supervisor dos mercados de valores de Portugal (a CMVM) que viña de asinar un acordo con Impulsa Galicia, a  sociedade público-privada fundada meses antes pola Xunta (40%) da man de Abanca (38%) para "apoiar a maduración" de proxectos que optasen aos fondos europeos Next Generation . O pacto implicaba "estudar, em exclusivo e no contexto de uma parceria, a construção de uma unidade industrial de raiz" con  "capacidade para produzir anualmente cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis".

Esta alianza, explicaba Altri, plasmárase nun "memorando de entendimento" que condicionaba a "celebração do acordo definitivo depende da verificação de um conjunto de condições". Así o reflectiu no comunicado, aínda accesible no seu sitio web e no da CMVM. A propia Impulsa Galicia, pola súa banda, tamén constatou no seu portal corporativo que asinara ese memorando con Altri "tras negociacións minuciosas con catro grandes empresas".

Comunicados de Altri en 2021 anunciando a sinatura do "memorando de entendimento" con Impulsa Galicia, a sociedade liderada pola Xunta e Abanca CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ese acordo e a súa concreción no devandito memorando volveu á actualidade esta semana, despois de que o deputado do BNG Luís Bará esixise ao Goberno galego a publicación do contido íntegro do pacto, que cualifica como "acordo político" de carácter secreto. É posible asegurar que a Xunta o trata como "oculto" e "confidencial", esgrimiu, porque o Bloque o reclamou formalmente a través do Parlamento -pola vía da que os grupos dispoñen para pedir documentación ao Executivo- "e non nolo deron".

O publicado en 2021 por Altri non é o "memorando de entendemento", senón un comunicado sobre o memorando de entendemento, cuxa existencia tamén divulgou Impulsa Galicia, pero non o seu contido íntegro

Os populares responderon con mofas a reclamación de Bará, quen sospeita que nese memorando ficou todo "amañado e con todo tipo de irregularidades para un final que vai ser a aprobación do proxecto". "Tan segredo é o acordo que leva publicado desde 2021, cando o independentismo galego aínda era fervente defensor de Altri", asegurou o PP a través das redes sociais agregando unha ligazón ao sitio web de Altri.

Pero, alén das valoracións dunha e outra forza política, que é público e que non dun acordo cuxa existencia non é negada por ninguén? Efectivamente, o documento ao que se refire o PP é público. Trátase do devandito comunicado a investidores e regulador bolsista portugués, publicado sen apenas variacións no espazo de comunicación da empresa. Pero ese non é o "memorando de entendemento", senón un comunicado sobre o memorando de entendemento.

O conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, reunido con Feijóo como presidente da Xunta en abril de 2022, tras o anuncio da elección de Palas como emprazamento da fábrica CC-BY-SA Xunta

Porque, en rigor, ese memorando nunca foi público ata o momento. Esa circunstancia impide coñecer, por exemplo, se o documento incluía máis referencias á produción prevista na fábrica que a previsión xenérica de "produzir anualmente cerca de 200.000 toneladas de pasta solúvel e fibras sustentáveis". En 2024, cando saíron a exposición pública os documentos presentados no Goberno galego por Altri para tramitar os permisos ambientais de Greenfiber (a sociedade coa que impulsa o proxecto xunto a Greenalia), xa triplicara as previsións de produción.

Meses despois do acordo, a empresa sinalou Palas de Rei coma o lugar elixido para a súa factoría

A publicación do memorando, alén do comunicado no que se evidencia a súa existencia, tamén permitiría saber se nese punto das negociacións ambas partes xa apuntaban ou non a Palas de Rei como emprazamento. Ou se, pola contra, como aprobou o Parlamento por unanimidade a instancias do PP en febreiro de 2022, cando menos na parte galega da mesa se defendía a súa construción "preferentemente, na comarca da Mariña e, se criterios técnicos non garanten a viabilidade nesta localización, en todo caso na provincia de Lugo".

Tres meses despois daquela votación na Cámara galega, Altri revelou que desexaba instalarse en Palas. E na devandita documentación ambiental agregou que analizou ata sete posibles emprazamentos no norte do país, que foi desbotando por diferentes motivos ata quedar coa Ulloa. Unha das razóns da elección foi a posibilidade de utilizar auga do río Ulla no canto de captala no río Miño, bacía fluvial de competencia estatal no que a obtención de permisos sería "máis difícil".

Recreación da fábrica de Altri en Palas, nunha imaxe divulgada pola empresa © Greenfiber

En síntese, a existencia dun acordo da Xunta con Altri a través de Impulsa Galicia é pública dende 2021 é pública. O mesmo sucede co comunicado no que se divulgou a sinatura do memorando de entendemento entre a empresa portuguesa e a sociedade público-privada liderada polo Goberno galego e Abanca. Pero o memorando de entendemento non foi público daquela e segue sen selo hoxe.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.