Rueda espera "un bo ditame" que será "incontrovertido" tras invalidar en firme o Tribunal Supremo permisos ambientais outorgados de xeito ilegal a parques eólicos ou plans urbanísticos
A Xunta vén defendendo desde hai meses, e con máis intensidade nas últimas semanas, a medida que se aproxima a súa decisión sobre a autorización ambiental da fábrica de Altri en Palas de Rei, a calidade, rigor e independencia dos seus procesos de avaliación ambiental, cuxa tramitación atribúe en exclusiva aos funcionarios da administración. Porén, houbese ou non neles intervención política, a xustiza xa anulou en firme nos últimos anos varios procedementos de autorización ambiental cos que a Xunta validou de xeito ilegal parques eólicos ou plans urbanísticos.
O pasado luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo esperar que o de Altri sexa "un bo ditame" que resulte "incontrovertido". Segundo di, "é obriga" dos técnicos pedir á empresa documentación complementaria para "emitir o ditame definitivo", un documento "que transmita seguridade", segundo dixera en xornadas previas.

Nesa liña a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, volveu incidir o mércores día 15 que o Goberno galego ten que "respectar" a lei, facendo ver que a tramitación ambiental do proxecto que lle presentou Altri -tras unha selección iniciada pola propia Xunta- é un proceso regulado en mans de funcionarios.
E na mesma liña pronunciouse un día despois a número 2 do PPdeG, Paula Prado, que asegurou que o proxecto "está sendo analizado minuciosamente polos técnicos da Xunta e en ningún momento sairá adiante se non cumpre a normativa medioambiental".
Porén, a xustiza emitiu nos últimos anos varias sentenzas que desmenten esas supostas "seguridade", "respecto pola lei" e "minuciosidade" da Xunta ao autorizar diversos proxectos con implicacións ambientais.
Parque eólico Sasdónigas
As autorizacións da Xunta dos parques eólicos de Sasdónigas e Oribio ou do PXOM de Muxía foron anuladas en firme polo Supremo por non cumprir a lexislación ambiental
En 2022 o Tribunal Supremo ratificou en dúas sentenzas firmes que a Xunta autorizou en 2018 ampliar o parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, cunha "indebida valoración dos condicionantes ambientais". Entre outras cuestións, segundo dixera previamente o TSXG, cuxa sentenza anulatoria foi ratificada polo Supremo, a Xunta "incumpriu varias leis" para dar a súa autorización, entre elas "a de avaliación ambiental", e non contou con "todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora".
Parque eólico Oribio
No mesmo ano 2022 o mesmo Tribunal Supremo anulou tamén en firme o permiso da Xunta outorgado en 2019 para construír o parque eólico do Oribio. Nese caso o Goberno galego considerou válido o permiso ambiental que o parque obtivera en 2005 malia que xa caducara. O Supremo dixo que "se a avaliación ambiental constitúe un presuposto para a aprobación" de actuacións con impacto no territorio como un parque eólico, "a plena eficacia desa declaración condiciona dita aprobación". E a falta desa avaliación ambiental correcta, o alto tribunal concluíu que a autorización da Xunta "non está axustada a dereito".

PXOM de Muxía
Tamén no eido urbanístico hai actuacións ambientais dos sucesivos gobernos do PP anuladas polo Supremo, con independencia de que o procedemento administrativo seguido sexa o dunha declaración de impacto ambiental (DIA) para os proxectos concretos ou dunha avaliación ambiental estratéxica (AAE) para os plans e programas. En Muxía a Xunta aprobou en 2016 o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello tras eximir o documento en 2014 de ter que someterse a avaliación ambiental estratéxica e permitir que superase só unha análise máis rápida. A lei permite esas excepcións para axilizar as tramitacións se son aprobada de xeito xustificado. Pero no caso de Muxía o Supremo dixo, en sentenza firme emitida en 2020, que o Goberno galego non fixera unha "expresa e motivada xustificación ad hoc" da pertinencia de reducir a avaliación ambiental.
Autorizacións ambientais incorrectas de varias administracións
As ilegalidades da Xunta, fosen de técnicos ou de políticos, condenadas en firme polo Supremo en autorizacións de proxectos con implicación ambiental afectan tamén a gobernos sucesivos. En 2018 o Supremo anulou a legalización dunha piscifactoría de Pescanova en Oia porque a súa avaliación ambiental non analizara outros posibles emprazamentos. A planta databa de 1992 pero tiña unha orde de derruba e o Goberno de coalición de PSdeG e BNG iniciou o seu proceso de legalización e ampliación considerando válida unha avaliación ambiental do xa construído que non analizaba, como deben facer eses procedementos, outros posibles emprazamentos alternativos. Malia esa eiva na avaliación ambiental, o Goberno de Feijóo deuna por válida e outorgou en 2009 a autorización final da piscifactoría.

Unha combinación do sucedido co PXOM e Muxía e coa piscifactoría de Oia foi o que aconteceu coa anulación tamén firme polo Supremo do PXOM de Vigo en 2015. O goberno da Xunta de PSdeG e BNG eximiu o plan de someterse a avaliación ambiental estratéxica e despois o Goberno de Feijóo aprobou definitivamente o documento malia esa eiva.
Sentenzas firmes do Supremo anulando tramitacións ambientais tamén as houbo en anos recentes dirixidas contra o Estado polas súas ilegalidades ao autorizar outros proxectos da súa competencia en Galicia. Foi o caso de Reganosa, cuxas cinco sucesivas autorizacións ilegais por parte de Xunta e Goberno de España foron anuladas en firme noutras cinco sentenzas do Supremo, o que non impediu que a instalación acabase sendo legalizada.
Os portos de Vigo e Marín, de competencia estatal pero coa súa presidencia nomeada pola Xunta, tamén viron anulados en firme polo Supremo plans de ordenación por non contar con avaliación ambiental.
Casos pendentes e "rectificación" dos propios técnicos
Os ata agora relatados son casos de sentenzas firmes do Supremo, pero tamén hai sentenzas na mesma liña do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pendentes aínda de revisión polo Supremo. Sen entrar no conflito aberto sobre numerosas autorizacións de parques eólicos -que o TSXG considera incorrectas, o Supremo avalou e agora están pendentes de pronunciamento do Tribunal da UE- hai outros proxectos como a mina de Penouta que o tribunal galego vén de anular o pasado xuño ao considerar insuficiente o seu estudo ambiental.

Hai dous anos a Xunta admitiu na declaración de impacto ambiental dun parque eólico que nun primeiro informe a súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural omitira un feito relevante para denegar a autorización do proxecto
E máis alá das resolucións xudiciais, tamén hai casos nos que os propios técnicos ou políticos da Xunta admiten erros nas súas avaliacións ambientais. Hai dous anos a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta tivo que emitir un "segundo informe de rectificación" doutro previo para acabar denegando o permiso ambiental do parque eólico Fontella admitindo que "no primeiro informe emitido por esa dirección xeral non se advertiu que toda a instalación atópase dentro dunha das zonas núcleo" da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Así que "detectada esta omisión, procedeuse a revisar o informe".
Malia estes e outros antecedentes, á espera da súa decisión sobre Altri, que aínda pode tardar meses, o Goberno galego asegura que os seus procedementos de avaliación ambiental son minuciosos e transmiten seguridade e respecto pola lei. Segundo fontes da Xunta, as sentenzas firmes do Supremo son "interpretacións" xudiciais que se respectan aínda que non se compartan.