Un proxecto na reserva das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo recibe un “informe de rectificación” de Patrimonio Natural despois de omitir que se emprazaría na zona núcleo dese espazo protexido
O parque eólico Fontella, que a empresa Galenergy quería instalar nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras, ía emprazarse por completo na zona núcleo da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o espazo máis protexido da mesma e equiparable á Rede Natura 2000. Porén, nun primeiro informe de valoración do proxecto a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta omitiu ese feito e tivo que emitir un “segundo informe de rectificación” co que agora a Consellería de Medio Ambiente vén de formular unha declaración de impacto ambiental desfavorable polos “efectos significativos” sobre a reserva da biosfera.
A Xunta fixo públicas este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) as declaracións de impacto ambiental desfavorables de tres parques eólicos. A máis significativa refírese á avaliación ambiental do parque Fontella que se quería instalar entre Aranga e Oza-Cesuras primeiro con 10 aeroxeradores e despois con 7 tras corrixir a empresa promotora o proxecto ante os efectos negativos que foron detectando varios departamentos da Xunta.
O relato que fai o propio Goberno galego do proceso de avaliación desvela agora un erro cometido inicialmente pola súa Dirección Xeral de Patrimonio Natural e corrixido posteriormente á hora de analizar un elemento que finalmente foi clave para invalidar o proxecto enerxético.
Patrimonio Natural equipara as zonas núcleo das reservas da biosfera coas zonas protexidas pola Rede Natura 2000 polo que "debe asumirse que existe unha incompatibilidade para a construción de parques eólicos"
Segundo a Xunta, nun primeiro informe de Patrimonio Natural indicouse que o proxecto estaría situado dentro dos límites da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, área protexida por instrumentos internacionais. Nel sinalábanse diversas afeccións a catro zonas húmidas e a presenza na contorna de varios hábitats e especies protexidas. Pero foi nun “segundo informe de rectificación” no que Patrimonio Natural salientou que “toda a instalación atópase dentro dunha das zonas núcleo desta reserva da biosfera”, cuestión que omitira no primeiro.
Segundo Patrimonio Natural, “os obxectivos da Rede Natura 2000 e as zonas núcleo das reservas da biosfera son similares” polo que “debe asumirse que existe unha incompatibilidade para a construción de parques eólicos nas zonas núcleo en aras a garantir os obxectos polos que se estableceron”. Ante esa situación, o segundo informe de Patrimonio Natural conclúe sinalando que “co obxecto de garantir a preservación da diversidade biolóxica e os ecosistemas dentro das zonas núcleo non se deben instalar parques eólicos dentro delas, polo que se informa desfavorablemente a construción do parque eólico Fontella”.
A resolución coa que agora a Consellería de Medio Ambiente emite a declaración de impacto ambiental desfavorable non indica como se decatou do erro o seu departamento de Patrimonio Natural. O documento detalla que o parque recibiu 50 alegacións, 47 delas de contido ambiental, das cales 45 foron presentadas por particulares e dúas por entidades, pero ao contrario do que se fai noutras resolucións de impacto ambiental non se indica nada a respecto do contido concreto desas alegacións.
Ademais dos impactos sobre a natureza o parque tamén ía ter outras afeccións sobre o patrimonio, a paisaxe ou o turismo que a empresa promotora tentou ir corrixindo a medida que foi recibindo informes dos diversos departamentos da Xunta. O parque finalmente é desbotado polo informe negativo de Patrimonio Natural, pero chegou a ese punto cun informe do departamento de Turismo da Xunta que considerou o impacto nese eido “significativo pero asumible”.
A Xunta tamén rexeita outros dous proxectos eólicos en Beariz e Muras polas "carencias acusadas" dos estudos de impacto ambiental elaborados polas empresas promotoras
Ademais do parque rexeitado na reserva da biosfera, este mércores a Xunta tamén fixo públicas outras dúas declaracións de impacto ambiental desfavorables. Unha rexeita o parque denominado Campos Vellos que Greenalia quería instalar con seis aeroxeradores nos concellos de Beariz e Boborás polas “carencias acusadas” e información “insuficiente” do estudo de impacto ambiental elaborado pola empresa nos eidos o patrimonio natural e a saúde para a poboación. Sobre o primeiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural censura que o estudo de aves e morcegos presentes na zona ofreceu un resultado “asombrosamente baixo” que atribúe a unha mala calidade do mesmo e que impiden dalo por válido. No que respecta á saúde pública, o documento feito público limítase a indicar que a información achegada pola empresa “é insuficiente ou inexistente en varios aspectos que terán repercusión sobre a saúde da poboación”.
A terceira declaración de impacto desfavorable feita pública este mércores rexeita a ampliación cun aeroxerador máis do parque Vilachá xa instalado entre os concellos de Muras e Ourol polas “carencias acusadas” do estudo de impacto ambiental formulado pola empresa promotora que “impiden dar por válida a identificación, descrición, análise e/ou cuantificación feita dos posibles efectos significativos do proxecto sobre o conxunto de elementos do patrimonio natural e a biodiversidade”.