O propio parque denomínase “Castro Valente” e o Goberno galego esixe a Iberdrola un control arqueolóxico da zona e dubida do impacto paisaxístico, pero elude explicitar a causa
As obras terán que realizar un control e seguimento arqueolóxico, con medidas correctoras e compensatorias propostas pola propia empresa, e a Xunta certificará “o estado final dos elementos arqueolóxicos”. Pero en ningún punto da declaración de impacto ambiental coa que a Xunta vén de autorizar a construción dun parque eólico arredor dos restos do gran Castro Valente, en Padrón, se indica expresamente que eses bens arqueolóxicos a protexer son precisamente o castro. Un asentamento nun monte do mesmo nome xunto ao río Ulla singular en Galicia polo seu tamaño e posible datación, do final do período romano e inicio da Alta Idade Media e dez veces máis grande que os castros das idades do Ferro ou do Bronce.
As declaracións de impacto ambiental coas que a Xunta autoriza, fixa condicións ou denega a instalación no territorio de proxectos como os parques eólicos adoitan identificar expresamente cales son os bens naturais ou patrimoniais afectados polos mesmos para, se o considera posible, establecer as medidas correctoras ou compensatorias que os promotores da actuación deben realizar. De feito, son os propios promotores os que na documentación previa do estudo de avaliación ambiental que someten a consideración das administracións deben identificar os posibles impactos naturais ou patrimoniais, e así o fixo Iberdrola co Castro Valente, que identificou e do que admite que deberá ter coidado durante a súa actuación.
Pero o documento de 23 páxinas co que a Xunta vén de autorizar o Parque Eólico Castro Valente, con tres aeroxeradores e varias pistas e canalizacións quilométricas, non cita o Castro Valente como o elemento a protexer arqueolóxicamente. A declaración de impacto ambiental favorable agora emitida pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, recompila as apreciacións sectoriais realizadas por outros departamentos da Xunta, pero elimina as referencias explícitas ao castro. Así, cando cita os condicionantes impostos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, indica que se deberán cumprir as medidas correctoras e compensatorias propostas pola propia Iberdrola, pero non fai explícito que entre elas se inclúen actuacións arqueolóxicas derivadas da existencia do castro.
Iberdrola si identificou o castro e preveu medidas, e a Xunta di que “rematada a totalidade das obras certificarase o estado final dos elementos arqueolóxicos”, pero sen relacionalos co castro, que non cita
A declaración de impacto ambiental fixa as condicións en que se deberá facer o control e seguimento arqueolóxico das obras, e que “rematada a totalidade das obras certificarase o estado final dos elementos arqueolóxicos”, sen indicar que a orixe deses elementos estaría relacionada coa existencia do castro. Un recinto amurallado cun perímetro duns 1.200 metros e unha superficie dunhas 10 hectáreas, unhas dez veces máis grande que os castros das idades do Ferro e do Bronce existentes por toda Galicia.
Con esas dimensións sería un dos castros máis grandes do país, e a súa datación tamén sería singular, entre o remate da época romana e comezo da Alta Idade Media, como vén de indicarse nun recente estudo [aquí o PDF] publicado por Mario Fernández-Pereiro e José Carlos Sánchez-Pardo, da USC, no marco dun proxecto financiado pola propia Xunta arredor das mudanzas en Galicia cando pasou de ser provincia romana a reino suevo.
Un recente estudo salienta as "características únicas" do Castro Valente, un dos máis grandes de Galicia, para estudar a fin do Imperio Romano e o comezo da Alta Idade Media
Segundo as conclusións dese artigo, “o Castro Valente presenta, como recinto fortificado, unhas características únicas e moi interesantes para estudar a fin do Imperio Romano e o comezo da Alta Idade Media”. Os propios autores salientan que “o estudo deste xacemento aínda está nos seus inicios” pero que os datos xa coñecidos “son o suficientemente estimulantes para impulsar seguintes intervencións que amplíen os datos recabados neste singular recinto fortificado”.
O Instituto de Estudos do Territorio di que o parque será visible a longa distancia pero acepta a súa incidencia porque non a considera "crítica"
A autorización ambiental agora emitida pola Xunta tamén valora o impacto visual e paisaxístico do parque, que Iberdrola se compromete a compensar e paliar con medidas na veciña parroquia de Herbón, xusto ao outro lado do río Ulla e na que están a igrexa de Santa María e o convento franciscano. O Instituto de Estudos do Territorio da Xunta sinala que os aeroxeradores “serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias” e que entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar o monte no que se asenta o castro.
Tamén di que as pantallas de vexetación autóctona que se propoñen para reducir o impacto visual dos aeroxeradores non se poden considerar como medidas correctoras do mesmo xa que son incompatibles “cos valores panorámicos” do monte. En todo caso, o instituto de Estudos do Territorio acepta a incidencia visual do parque eólico porque non a considera “crítica”, “sen prexuízo do que determine, no seu caso, o órgano competente en materia de patrimonio cultural”.