Medio Ambiente responde ás alegacións sobre posibles divisións de proxectos que é unha “cuestión allea” ás súas competencias, malia que a xustiza vén de condenar a fragmentación dun parque para facilitar a súa avaliación ambiental
A Consellería de Medio Ambiente vén de facer pública a declaración de impacto ambiental favorable, con condicionantes, do parque eólico A Ruña III, en Mazaricos, con só tres aeroxeradores pero que diversos colectivos consideran que é froito da fragmentación do que realmente sería un único gran proxecto eólico nesa contorna. Nesa liña foron presentadas varias alegacións, pero Medio Ambiente desbotounas, como vén facendo nos últimos anos en casos similares doutros parques eólicos, por considerar que a posible fragmentación de proxectos é unha cuestión “allea ao ámbito competencial” da consellería.
Malia ser reiteradas nos últimos anos as declaracións de impacto ambiental da Xunta que desbotan as alegacións sobre a posible fragmentación de proxectos co mesmo argumento de que esa cuestión non é competencia de Medio Ambiente, a que agora vén de emitir chega despois de que o Tribunal Supremo ratificase unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que constatou que o parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, foi fragmentado artificialmente pola empresa promotora para facilitar a súa autorización ambiental.
Son numerosas as denuncias de todo tipo de colectivos por toda Galicia de fragmentacións de proxectos eólicos por parte das empresas promotoras que estarían a ver así facilitada a súa tramitación ambiental. No caso do parque de Sasdónigas, en Mondoñedo, a finais de 2020 o TSXG censurou que a súa “fragmentación” e “división artificial” en dúas supostas fases distintas que consentiu a Xunta evitou que se analizase correctamente o impacto de todo o proxecto sobre a natureza e o patrimonio e que se tivesen en conta “os efectos sinérxicos ou acumulativos”. Esa sentenza foi ratificada polo Tribunal Supremo o pasado febreiro, nun proceso no que a propia Xunta asumiu que o parque non eran dous senón un só fragmentado.
Con esa sentenza xa firme do Supremo, agora a Xunta vén de facer pública a declaración de impacto ambiental do parque A Ruña III, na que reflicte como o proxecto aproveitará infraestruturas doutros parques “previstos na zona” como A Ruña II. Na súa exposición pública a Consellería de Medio Ambiente recibiu diversas alegacións das que agora di, ao resolver a declaración de impacto ambiental, que incluíron “cuestións alleas ao ámbito competencial do órgano ambiental”, isto é, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental que emite a declaración, entre as que cita a “fragmentación do proxecto”.
Esta declaración ambiental chega tras a sentenza firme que considerou que a fragmentación do parque Sasdónigas permitiu unha avaliación ambiental menos garantista. Pero Medio Ambiente xa viña empregando a mesma argumentación de que a posible fragmentación dos proxectos non é cuestión da súa competencia. Só nos dous últimos anos, desde a sentenza do TSXG sobre Sasdónigas ratificada en febreiro polo Supremo, así o fixo de xeito expreso cando menos nas declaracións de impacto ambiental que formulou sobre os parques eólicos de Lagoa II en Santa Comba e Zas, de Campelo en Coristanco e Santa Comba, de Monte Toural nos mesmos dous concellos, e de Bustelo en Coristanco e Carballo.
En todos eses casos, malia haber xa unha sentenza do TSXG que vinculaba a fragmentación de proxectos cunha menos garantista avaliación ambiental dos mesmos, a Xunta insistiu en que as alegacións sobre posibles fragmentacións dos proxectos eran “cuestións alleas ao ámbito competencial” de Medio Ambiente.
A Xunta tamén admite que só está a avaliar o efecto ambiental de cada parque eólico que se lle solicita e non o efecto conxunto de todo o plan eólico de 1997 no que se basea o desenvolvemento do sector
Agora, despois de que o Supremo fixese xa firme esa sentenza e a súa conclusión de que a fragmentación impedira analizar “os efectos sinérxicos ou acumulativos” do parque de Sasdónigas, Medio Ambiente insiste no argumento de que non é unha cuestión da súa competencia.
Ademais, a Xunta tamén vén de confirmar que só está a avaliar o efecto ambiental de cada parque eólico que se lle solicita e non o efecto conxunto de todo o plan eólico de 1997 no que segue a basearse o desenvolvemento do sector en Galicia.