O alto tribunal fai firme a sentenza coa que o TSXG anulou hai ano e medio o permiso que o Goberno galego deu en 2018 para ampliar unha instalación que foi fragmentada artificialmente e que afecta ao Camiño de Santiago
O Tribunal Supremo vén de ratificar, en dúas sentenzas, a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre que a Xunta autorizou ilegalmente á empresa Norvento a desenvolver unha ampliación do parque eólico Sasdónigas (Mondoñedo). Unhas instalacións que ocupan terreos que pertencen á ruta norte do Camiño de Santiago, entre Mondoñedo e Abadín.
O 22 de novembro de 2018 o Consello da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijóo, aprobou a modificación da autorización do parque eólico Sasdónigas outorgada previamente en xaneiro de 2012 polo mesmo Goberno galego. Porén, non se informou dese acordo ata que foi publicado no Diario Oficial de Galicia máis de dous meses despois, o 4 de febreiro.
Dous anos máis tarde, e co parque xa en funcionamento, o TSXG anulou aquela decisión por considerar que a “fragmentación” e “división artificial” do parque que autorizou o Goberno galego con aquela modificación evitou que se analizase correctamente o seu impacto sobre a natureza e o patrimonio. Tanto a Xunta como a empresa promotora recorreron ao Supremo, que agora ratifica de maneira firme, atendendo a dous aspectos distintos do proceso administrativo, a sentenza inicial do alto tribunal galego.
A Xunta e Norvento consideraban que o TSXG xa non podía pronunciarse sobre a legalidade ou non da avaliación ambiental ante un recurso que se dirixía contra o trámite posterior de aprobación definitiva do parque. Así que o Tribunal Supremo analizou "se, tras o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción" do parque é posible discutir "con ocasión da impugnación do acordo de aprobación definitiva" por parte da Xunta, "a conformidade a dereito da declaración de impacto ambiental que as precedeu".
E o que conclúe o Supremo é que é "obrigado" que a Xunta teña en conta ao aprobar un parque eólico a declaración ambiental previa "podendo denegarse a aprobación de dito instrumento de ordenación con fundamento na antedita avaliación ambiental e sen prexuízo da valoración que se realizase aos efectos da autorización do proxecto de execución".
O alto tribunal considera que o Goberno galego pasou por alto varios aspectos na autorización da ampliación do parque eólico de Sasdónigas, os xuíces conclúen que a "aprobación" do Consello da Xunta do ano 2018 "está baseada nunha valoración contraditoria da declaración ambiental que serviu para a aprobación do proxecto técnico orixinario".
Así, destacan que "no presente caso existe unha indebida valoración dos condicionantes ambientais para co Camiño de Santiago, en tanto que non se establecen unhas medidas suficientes para a protección dun ben cultural de gran valor, eludindo a súa protección legal, realizando Norvento Estelo, S.L.U. un uso do mesmo contrario ao preceptuado na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia".
En concreto, a instalación eólica afecta a un xacemento romano e atravesa o Camiño de Santiago, un "ben de enorme interese cultural". Tal e como recolle a sentenza, "vése afectado por un vial do parque eólico que cruza o camiño e serve de comunicación entre o Parque Eólico Sasdónigas (Fase I) e o Parque Eólico Sasdónigas Fase II". A respecto disto, a empresa promotora chegou a defender, como xa recolleu o TSXG, que os muíños resultan "atractivos para os turistas".