A nova sentenza do Tribunal Superior volve cuestionar a xestión do sector por parte da Xunta, que tras anos reformando leis para “axilizar” a implantación de aeroxeradores vén de anunciar unha nova medida nesa mesma liña
Se o futuro da enerxía barata e limpa e da industria en Galicia pasa pola instalación de máis parques eólicos, o Goberno galego non o está a xestionar ben. Así o vén dicindo a xustiza, con sucesivas sentenzas que declaran ilegais autorizacións da Xunta para instalar aeroxeradores, a última coñecida este venres sobre un parque en Corme, pero antes tamén en Samos ou Mondoñedo. Son resolucións xudiciais que deixan en evidencia dous denominadores comúns: os prazos que decide aplicar a Xunta benefician ás empresas e prexudican a cidadanía e o control ambiental, e en todos os casos os traballos xa comezaran e mesmo en varios xa remataran cando finalmente se pronunciou a xustiza.
En Corme, pouco tempo para a cidadanía
En Corme o TSXG anula a redución de 30 a 15 días da exposición ambiental decidida pola Xunta porque contravén a normativa da UE
A sentenza que agora vén de emitir o TSXG sobre a autorización da Xunta para repotenciar o parque eólico de Corme, impulsado por EDP, conclúe que o prazo de exposición pública do informe de impacto ambiental non podía ser reducido de 30 a 15 días como fixo o Goberno galego amparándose na lei galega que impulsou o propio PP en 2017 para facilitar a tramitación de iniciativas empresariais.
O Tribunal lembra que a normativa da UE, superior á Galega, fixa nun mínimo de 30 días ese prazo, e abre así a porta, segundo valoran diversas entidades críticas co modelo eólico do Goberno galego, a que agora se emitan máis sentenzas similares sobre outros parques eólicos nos que a Xunta tamén recortou ese prazo de información ambiental. Porén, as présas da Xunta fan que a sentenza sobre Corme chegue cando as obras xa están rematadas.
No Oribio, moito tempo para a empresa
No Oribio o tribunal censurou á Xunta que considerase válido un permiso ambiental de 15 anos antes
Hai un ano o TSXG tamén anulou outra autorización da Xunta para un parque eólico na Serra do Oribio, entre Samos e Triacastela, pero nese caso non porque o Goberno galego reducise un prazo senón porque o ampliou en beneficio igualmente da empresa promotora dos aeroxeradores, Fergo Galicia Vento. O actual Goberno galego autorizou en 2019 o parque, en Rede Natura, como se fose unha modificación doutro previo que obtivera permiso ambiental en 2005, nos últimos días do executivo de Manuel Fraga. Desde aquela prohibíronse os novos parques en Rede Natura, pero o argumento de que o do Oribio non era novo senón unha modificación do que xa obtivera o permiso ambiental en 2005 levou á Xunta a autorizalo.
Os movementos de terra xa comezaran cando se conseguiu primeiro a paralización cautelar e finalmente a anulación da autorización por parte do TSXG. O tribunal dixo que non se podía considerar vixente nin “eterna” a declaración ambiental anterior, que segundo a lexislación daquela vixente tería que caducar aos cinco anos, que ademais na actualidade resultaría “obsoleta” polos “múltiples cambios lexislativos” que houbo dende aquela, e que o autorizado en 2019 era un novo parque, non unha modificación doutro anterior que nin se comezara a executar. Se en Corme a Xunta deu pouco tempo á cidadanía, no Oribio o Goberno galego deu moito tempo á empresa.
En Sasdónigas, que a denuncia chegou tarde
En Sasdónigas a Xunta recorreu ante o Supremo que o TSXG non podía valorar o seu permiso ambiental porque a demanda se presentara contra outra decisión posterior e polo tanto era tarde para analizar o paso previo
A Xunta emprega os tempos administrativos en función dos intereses das empresas eólicas mesmo cando xa hai unha sentenza en contra da súa propia actuación. É o que pasou co parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, de Norvento. A finais de 2020 o TSXG anulou a autorización da Xunta porque considerou que se fragmentara ilegalmente o que en realidade era un único parque eólico, o que á súa vez impedira avaliar correctamente o impacto ambiental de toda a actuación.
Contra esa sentenza do TSXG recorreu non só a empresa senón tamén a Xunta, que ante o Tribunal Supremo, que segue pendente de resolver sobre a cuestión, argumentou que a denuncia chegara tarde. Segundo o Goberno galego, o TSXG xa non podía pronunciarse sobre a legalidade ou non da avaliación ambiental ante un recurso que se dirixía contra o trámite posterior de aprobación definitiva do parque. Así que agora o Tribunal Supremo analizará “se, tras o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción” do parque é posible discutir “con ocasión da impugnación do acordo de aprobación definitiva” por parte da Xunta, “a conformidade a dereito da declaración de impacto ambiental que as precedeu”. Decida o que decida o alto tribunal, os aeroxeradores xa están instalados.
Novos recortes de prazos para as empresas
A Xunta leva anos impulsando reformas legais para "axilizar" os prazos dos parques eólicos a costa de rebaixar a esixencia das avaliacións ambientais e agora Feijóo vén de anunciar un novo cambio para dar "prioridade na tramitación" a algúns proxectos
A Xunta leva anos impulsando reformas legais para “axilizar” os prazos de tramitación dos parques eólicos -pero non só- a costa de rebaixar a esixencia das súas avaliacións ambientais, segundo denuncian colectivos sociais e a oposición e ratifican as anteriores sentenzas. A lei de fomento das iniciativas empresariais de 2017 foi reformada apenas un ano despois a través da lei de acompañamento dos orzamentos para 2019 para introducir unha nova figura, a das iniciativas empresariais prioritarias, que permite ao Goberno galego elixir que proxectos poden beneficiarse dunha redución á metade dos seus prazos de tramitación.
Outro ano despois, na lei de acompañamento dos orzamentos de 2020, incluíuse unha ampliación de 4 a 6 anos do prazo para que as empresas inicien obras sen ter que avaliar de novo o seu impacto ambiental.
E outro ano máis tarde, hai agora un ano, a lei de reactivación tras a pandemia introduciu a posibilidade de que “entidades de colaboración” privadas realicen parte da tramitación ambiental de proxectos empresariais de todo tipo, tamén eólicos, para así supostamente facela máis rápida. E en concreto na eólica esa mesma lei de reactivación habilitou a posibilidade de que a Xunta autorice parques en lugares non previstos polo seu propio plan para o sector.
Na lei de acompañamento dos orzamentos deste ano, aprobada hai un mes, o cambio foi introducir unha suposta moratoria para non tramitar novos parques éolicos ata as municipais de 2023 ante a incapacidade da Xunta de analizar todas as solicitudes que recibe, pero o Goberno galego reservouse a posibilidade de seguir adiante cos proxectos que el mesmo considere relevantes. Unha moratoria discrecional que apenas dúas semanas despois da súa entrada en vigor xa era matizada polo propio Feijóo, ao anunciar unha nova reforma legal para dar “prioridade na tramitación” ás “empresas que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo”. Vaino facer introducindo un artigo nunha nova lei de áreas empresariais que ten en redacción, unha norma cuxo borrador exposto ao público hai unhas semanas [aquí o PDF] nada dicía de parques eólicos.
A Xunta incide así na súa liña de introducir sucesivos cambios no ámbito eólico a través de todo tipo de leis pero sen reformular nin a norma que actualmente é o marco do sector en Galicia, a de 2009 corrixida xa dez veces, nin a súa planificación de 1997, que nunca foi avaliada ambientalmente no seu conxunto.