O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de suspender cautelarmente o acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 que aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, moi criticado polas entidades agrupadas na plataforma Salvemos o Iribio, que levan meses alertando da "ilegalidade" desta actuación. O Tribunal Superior atendeu, de feito, o recurso contencioso-administrativo presentado pola plataforma, que buscaba paralizar as obras.
O auto suspende cautelarmente o acordo do Consello da Xunta que aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico
O parque eólico promovido por Fergo Galicia Vento está nunha zona da Rede Natura 2000 situada na Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, como destaca o auto, que lembra que dende o ano 2014 está prohibida a instalación de parques eólicos nestes espazos.
O tribunal tamén destaca que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que conta a instalación, aprobada no ano 2005 (polo último goberno de Fraga, xa en funcións e un día despois do nomeamento do novo Executivo) "pode resultar obsoleta", sobre todo para un proxecto que sufriu grandes modificacións na altura dos postes e que incrementou un 20% a lonxitude das pás, cun importante impacto ambiental a paisaxístico, sinala o auto.
Dende o 2014 está prohibida a instalación de eólicos nestes espazos
Así, o TSXG suspende "provisionalmente" o acordo do Goberno galego "mentres non se actualice a DIA do ano 2005" e se xustifique a prevalencia do uso pretendido pola Xunta ao aprobar o proxecto industrial".
Salvemos O Iribio reaccionou de inmediato ao auto, celebrando a decisión do tribunal e esixindo que a Xunta e os concellos de Samos e Triacastela lle dean cumprimento, "ordenando de inmediato a paralización das obras do parque eólico".
Salvemos O Iribio esixe que a Xunta e os concellos de Samos e Triacastela lle dean cumprimento ao auto, "ordenando de inmediato a paralización das obras do parque eólico"
A plataforma destaca que esta medida cautelar pode supor "o primeiro paso cara a anulación total do proxecto eólico", xa que "de ter que sometelo a unha nova avaliación de impacto ambiental e ás disposicións normativas vixentes, o máis probable é que non dea superado a tramitación ambiental". Este parque eólico, malia a estar aprobado desde 2007, non foi executado e, por tanto, "debe considerarse como unha nova instalación sobre a cal se aplique a normativa actual", lembra a entidade.
O auto estaría invalidando cautelarmente todas as autorizacións urbanísticas e actos posteriores que estean amparados polo acordo da Xunta, como as licenzas outorgadas polos concellos de Samos e Triacastela para a execución das obras. Ningunha destas autorizacións poderían ser de aplicación mentres non se realice un estudo de impacto ambiental acorde cos valores naturais, paisaxísticos e ambientais que actualmente están recoñecidos na Serra do Iribio, e non se xustifique por que o uso industrial debe prevalecer sobre a preservación destes valores de interese público, di a plataforma.
Salvemos O Iribio lamenta que "teña que ser a sociedade civil a que acuda aos tribunais para obrigar ás administracións públicas a cumprir co seu deber de preservar os espazos naturais protexidos e defender os intereses colectivos fronte os intereses privados dunha empresa que só busca o rédito económico". A plataforma acusa o Goberno galego de connivencia coa empresa e denuncia que o proxecto eólico "foi fragmentado interesadamente en diferentes expedientes administrativo para ocultar a súa interconexión procedemental, co gallo de eludir a avaliación de impacto ambiental, social e cultural no seu conxunto".
Salvemos O Iribio lamenta que "teña que ser a sociedade civil a que acuda aos tribunais para obrigar ás administracións públicas a cumprir co seu deber"
O recoñecemento da modificación do parque eólico como “non substancial” ditado o pasado mes de febreiro polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, serviu para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental e a un novo período de exposición pública para alegacións, a sabendas de que estes trámites non sería superados en aplicación da normativa vixente.
Porén, agora a decisión do TSXG obrigará ao proxecto a ter que pasar por todo este proceso como calquera nova instalación, atendendo polo tanto á lexislación vixente, que prohibe a instalación de parques eólicos en zonas da Rede Natura 2000.
A plataforma cre que esta medida pode supor "o primeiro paso cara a anulación total do proxecto", xa que "o máis probable é que non dea superado a tramitación"
O parque eólico preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel. Ademais, alértase de que o parque eólico supón "un inasumible impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés", como tamén recolle o auto do TSXG, pois "o impacto visual do parque eólico será evidente e perceptible a varios quilómetros ao redor", subliña a plataforma.
O tribunal destaca así mesmo a importancia que a Serra do Oribio pode ter para a conservación de especies ameazadas incluídas no catálogo galego de especies vulnerables, como a tartaraña cincenta ou a gatafornela; ou para outras especies en perigo de extinción, como oso pardo ou a aguia real.