Dez razóns para opoñerse ao parque eólico proxectado na Serra do Iribio

Protesta contra a construción do Parque Eólico na Serra do Iribio © ADEGA

Lembran que os novos parques eólicos están prohibidos en espazos da Rede Natura

O DOG vén de publicar unha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se aproba o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, moi criticado dende hai meses por entidades ecoloxistas e conservacionistas. ADEGA e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) anunciaron xa a presentación de recurso de alzada contra a resolución da Xunta e esixen "a paralización inmediata das obras de execución do Parque Eólico Serra do Oribio e a anulación do proxecto".

As dúas entidades resumen en dez puntos as razóns polas que se opoñen a este proxecto polo prexuízo que pode supor para o medio ambiente e no que atopan un gran número de irregularidades.

  • O parque eólico Serra do Oribio é de nova construción e preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel, polo que a súa execución "vulneraría toda a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura", sinalan.
  • ADEGA e SGO denuncian que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto "é fraudulenta e obsoleta", aprobada hai 14 anos polo último goberno de Fraga Iribarne en funcións e un día despois do nomeamento do novo Executivo. Sinalan que a declaración "non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura, daquela Lugar de Interese Comunitario, nin tampouco realizou unha avaliación adecuada das especies e hábitats de interese comunitario presentes no lugar"
  • Afirman que se poñen en risco especies en Perigo de Extinción, como o Oso Pardo ou a Aguia Real, e outras especies en acusado declive.
  • Denuncian que o proxecto eólico "foi fragmentado interesadamente en diferentes expedientes administrativo para ocultar a súa interconexión procedemental, co gallo de eludir a avaliación de impacto ambiental, social e cultural no seu conxunto"
Imaxe das obras na Serra do Iribio © ADEGA

"Como insulto á intelixencia colectiva, o proxecto aprobado contempla como medida correctora o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos", denuncian

  • Destacan que o cambio de trazado dos accesos ao parque carece de autorización e foi ocultado do 
    trámite de modificación do proxecto sectorial.
  • Denuncian que o parque eólico supón "un inasumible impacto paisaxístico e sobre o BIC do Camiño Francés", pois "o impacto visual do parque eólico será evidente e perceptible a varios quilómetros ao redor". Engaden que "como insulto á intelixencia colectiva, o proxecto aprobado contempla como medida correctora o pintado dos aeroxeradores con motivos xacobeos"
  • As obras do parque eólico e dos accesos, "iniciadas irregularmente pola empresa", xa destruíron parte do antigo Camiño Real e de Arrieiros que discorre polo cumio do Iribio e que conectaba Galicia coa Meseta.

As dúas organizacións denuncian que a empresa comezou as obras do parque eólico "sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal"

  • Alertan de que "a declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel é incompatible co novo parque eólico"
  • As dúas organizacións denuncian que a empresa comezou as obras do parque eólico "sen a autorización da Xunta e sen a licenza municipal". E lembran que tanto as obras do parque eólico no cumio da serra como as dos camiños de acceso ao parque tiveron que ser paralizadas cautelarmente pola Xunta e polo Concello de Samos.
  • Finalmente, sinalan a "opacidade na tramitación da modificación do proxecto e atrancos no acceso á información pública".
Roteiro pola Serra do Iribio © ADEGA
Roteiro pola Serra do Iribio © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.