A plataforma Salvemos O Iribio anunciou este venres que presentará ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galica (TSXG) un recurso contencioso-administrativo que busca paralizar as obras de construción do parque eólico promovido por Fergo Galicia Vento S.L. nunha zona da Rede Natura situada na Serra do Iribio, nos concellos de Samos e Triacastela.
O parque eólico promovido por Fergo Galicia Vento está nunha zona da Rede Natura situada na Serra do Iribio, nos concellos de Samos e Triacastela
O recurso, presentado pola organización ecoloxista ADEGA, diríxese contra a denegación da suspensión da Resolución do pasado 5 de febreiro da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se recoñece como “non substancial” a modificación do parque eólico.
A plataforma explica que "tan só dous días despois de que ADEGA e a SGO presentaran, en nome de Salvemos O Iribio, recurso de alzada contra o recoñecemento da modificación do proxecto eólico do Iribio como 'non substancial', o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ordenou que se denegase a petición da suspensión deste acto administrativo, o que implicaría de forma tácita o seu rexeitamento a paralizar as obras que mantén en execución Fergo Galicia Vento no espazo natural protexido Serra do Iribio". No recurso de alzada presentado alegábanse "danos irreparables de carácter ambiental e patrimonial e o incumprimento de diversas normativas vixentes, como a prohibición da instalación de novos parques eólicos en Rede Natura".
A actuación da Xunta serviu para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental
O recoñecemento da modificación do parque eólico como “non substancial” ditado o pasado mes de febreiro polo director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, serviu para eximir automaticamente a Fergo Galicia Vento de ter que someter a modificación do proxecto eólico a unha nova avaliación de impacto ambiental e a un novo período de exposición pública para alegacións, a sabendas de que estes trámites non sería superados en aplicación da normativa vixente.
O parque eólico Serra do Oribio é de nova construción e preténdese instalar na Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Valor Natural (ZEVN) Ancares-Courel, polo que a súa execución "vulneraría toda a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura", sinalan. ADEGA e SGO denuncian que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto "é fraudulenta e obsoleta", aprobada hai 14 anos polo último goberno de Fraga Iribarne en funcións e un día despois do nomeamento do novo Executivo. Sinalan que a declaración "non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura, daquela Lugar de Interese Comunitario, nin tampouco realizou unha avaliación adecuada das especies e hábitats de interese comunitario presentes no lugar".
A plataforma Salvemos o Iribio demanda que decrete a paralización urxente das obras
Ao mesmo tempo, Salvemos O Iribio presenta informes técnicos de carácter ambiental e patrimonial que fundamentan "a existencia de circunstancias de especial urxencia" que motivan a adopción de medidas cautelarísimas ou a paralización inmediata e provisional das obras en execución do parque eólico. Actualmente as obras, iniciadas sen autorización o pasado mes de maio, e que foron paralizadas cautelarmente tras as denuncias dos ecoloxistas, proseguen o seu curso, "tendo exercido xa graves impactos sobre o territorio", denuncia a plataforma.