Sete plataformas locais crean a primeira rede galega contra os proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas

Parque eólico en Galicia © EGA

Alertan de que moitos destes proxectos teñen "impactos moi negativos que poderían afectar de forma moi grave á supervivencia económica e social das vilas e concellos afectados"

Sete plataformas veciñais veñen de constituír a primeira rede galega de plataformas en contra de proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas. A Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), a Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, o colectivo Non eólicos de Ordes, a Plataforma non máis eólicos Campelo-Bustelo-Toural, a Plataforma veciñal non eólicos de Mazaricos, a Plataforma veciñal contra os eólicos de Ponteceso e Salvemos o Iribio reuníronse o pasado 14 de de setembro na Casa da Cultura de Mazaricos para conformar esta plataforma conxunta.

Na asemblea decidiuse constituír unha rede, alertando de que moitos destes proxectos teñen "impactos moi negativos que poderían afectar de forma moi grave á supervivencia económica e social das vilas e concellos afectados". O obxectivo desta rede é "visibilizar e denunciar o problema da non planificación da produción eléctrica e as súas consecuencias, frear os parques eólicos e liñas de alta tensión abusivas e inxustas, e defender o territorio". 

As plataformas maniféstanse a favor das enerxías renovables e sostibles, "pero só se son ben planificadas e teñen en conta ás poboacións locais"

As plataformas denuncian que estes proxectos "están baseados nunha lexislación obsoleta e que favorece á implantación dos parques eólicos, sostidos con capital estranxeiro, por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións".

Con todo, as plataformas maniféstanse a favor das enerxías renovables e sostibles, "pero só se son ben planificadas e teñen en conta ás poboacións locais". Así, denuncian que estes proxectos de parques eólicos se realicen "de forma vertical, desde a empresa e a Consellería de Industria pero sen ter en conta a valoración e 
consecuencias de todos os veciños e veciñas, e poboacións afectadas, non só en forma de consulta, senón de forma vinculante".

En azul, aeroxeradores en activo. En maxenta os proxectos en tramitación. En laranxa, novos proxectos solicitados ©

Hai uns meses botou a andar o Observatorio Eólico de Galicia, que busca incrementar a xustiza enerxética no sector

Na asemblea criticouse "o inxusto sistema eléctrico español", no que Galicia "produce moita enerxía e, para iso, ten que soportar grandes infraestruturas, pouco planificadas e con consecuencias aínda sen estudar e, pola contra, é a comunidade autónoma que paga a factura eléctrica máis cara de España".

Hai dúas semanas o último número da prestixiosa revista 'Energy Policy'  publicou unha análise do espectacular desenvolvemento eólico que tivo lugar en Galicia entre 1995 e 2009, destacando que se levou a cabo sen participación das comunidades locais. Xavier Simón e Damián Copena piden que no actual relanzamento da enerxía eólica non se caia "nos mesmos erros cometidos anteriormente". De igual xeito, hai uns meses botou a andar o Observatorio Eólico de Galicia, que busca incrementar a xustiza enerxética no sector, promovendo cambios normativos e realizando traballos de investigación e asesoramento para aumentar a participación social e os beneficios que desta produción reciben as comunidades locais.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.