A mineira de Touro, multada con 30.000 euros por verteduras contaminantes a afluentes do Ulla

Contaminación nun afluente do río Ulla © Aldea Viva

Augas de Galicia sancionou con 30.000 euros de multa a Explotaciones Gallegas, empresa mineira de Touro, logo dunha "vertedura non autorizada de lixiviados" aos ríos Burgo e Brandelos, ambos os dous afluentes do Ulla. Foi a asociación Aldea Viva quen desvelou a resolución do organismo dependente da Xunta e na que se declara "responsable" a esta compañía por unha infracción "leve".

Augas de Galicia declara a Explotaciones Gallegas "responsable" dunha "vertedura non autorizada de lixiviados" aos ríos Burgo e Brandelos

Augas de Galicia advertiu xa hai tempo de que Explotaciones Gallegas, propietaria dos terreos mineiros da zona, "depositaba toneladas de residuos contaminantes que chegaban aos cursos fluviais", usando así a mina "como un macrovertedeiro, co risco que iso supón para o medioambiente e a saúde pública".

"Augas de Galicia deixa claro que a escusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite realizar verteduras contaminantes ao dominio público", di sobre o expediente a asociación Aldea Viva, que di "botar en falta" medidas "para evitar novas verteduras". Segundo denuncian, e malia que se están a demostrar "os repetidos episodios de contaminación que está a provocar esta compañía", os responsables dela "optan por tirar balóns fóra". 

Aldea Viva advirte que a mineira de Touro usa a mina "como un macrovertedeiro, co risco que iso supón para o medioambiente e a saúde pública"

Foi a mesma Augas de Galicia a que certificou tamén hai varios meses que todos os ríos na contorna da mina de Touro están xa contaminados, baseándose nos datos das analíticas realizadas en todos os puntos de control da contorna dunha explotación mineira que agora quere reabrir Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, malia o forte rexeitamento social.

Para Aldea Viva, esta sanción supón outro "revés ao proxecto de reapertura da mina". "Os vertidos ao dominio público hidráulico son un dos principais riscos do proxecto de reapertura da mina, con danos causados que xa se padeceron no anterior período de explotación entre os anos 1973 e 1986, e dende o peche a actividade até a actualidade", explica a entidae, que cre que a presente resolución "desenmascara en parte as xa cuestionadas actuacións nestes terreos durante os últimos trinta anos por parte da mineira". 

"A resolución é un revés á mineira na súa pretensión de reiniciar a extracción de cobre"

"A resolución é un revés á mineira na súa pretensión de reiniciar a extracción de cobre, que leva meses afanada en campañas de márketing e lavado de imaxe", conclúe. 

A promotora da mina de Touro, pola súa banda, atribuíu a vertedura ao "escorregamento dunha ladeira" por mor das "fortes chuvias". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.