O SLG alerta dos "impactos irreversibles" da mina de litio de Doade que tramita Industria

Maquinaria de extracción da empresa promotora da mina de Doade © Mina Doade

O Sindicato Labrego Galego alerta de que o proxecto, de ser aprobado "terá impactos irreparábeis no territorio" e fai un chamamento á sociedade galega, particularmente á dos concellos próximos á mina, a mobilizarse en contra da súa posta en marcha

O pasado mes de marzo a Unión Europea seleccionou a mina de litio de Doade como un dos 47 proxectos definidos como "estratéxicos" para "garantir e diversificar o acceso ás materias primas na Unión Europea". Da mina situada no concello ourensán de Beariz prevé extraerse pegmatita, rocha rica en litio, unha das materias críticas que sinala a UE e compoñente básico das baterías de aparellos electrónicos.

Este proxecto mineiro foi rexeitado en dúas ocasións -en 2013 e 2020- pero a necesidade da UE de acadar minerais estratéxicos dentro do seu propio territorio puxo de novo no foco esta instalación, o que disparou as protestas de plataformas veciñais, entidades ecoloxistas ou o BNG, que veñen rexeitando o proxecto pola súa "opacidade" e o seu impacto medioambiental. As protestas están lideradas pola Plataforma Contra a Mina Alberta SOS Suído Seixo.

Estas voces críticas tamén alertan de que a consideración de proxecto estratéxico "permite a tramitación acelerada de permisos de explotación e impide unha participación efectiva das poboacións locais". A UE defende, no entanto, que avaliou "as repercusións ambientais e sociais" da mina de Doade ao declarala estratéxica.

Persoal da mina de Doade, durante os traballos previos na contorna, nunha imaxe divulgada pola empresa © Mina Doade

A entidade alerta do "impacto" que tería a actividade mineira sobre os recursos hídricos da zona, xa que "as minas precisan utilizar cantidades inxentes de auga"

O pasado 18 de xullo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo do 10 de xullo de 2025, polo que se someten a información pública o proxecto de explotación, o estudo de impacto ambiental e o plan de restauración presentados por Recursos Minerales de Galicia, S.A., unha empresa público-privada na que a Xunta é o principal accionista, cunha participación do 30% do seu capital. A propia Xunta é, obviamente, a encargada de tramitar a solicitude de explotación, a través da Consellaría de Economía e Industria.

O Sindicato Labrego Galego alerta de que o proxecto, de ser aprobado "terá impactos irreparábeis no territorio" e fai un chamamento á sociedade galega, particularmente á dos concellos próximos á mina, a mobilizarse en contra da súa posta en marcha. Para iso anima a presentar alegacións contra a mina, un proceso que mantén o seu prazo aberto ata o 2 de setembro e pon os locais do sindicato a disposición da poboación para facelo.

A entidade alerta do "impacto" que tería a actividade mineira sobre os recursos hídricos da zona, xa que "as minas precisan utilizar cantidades inxentes de auga". Ademais, advirte dos efectos negativos da utilización de maquinaria pesada e do uso de explosivos.

"Hoxe veñen cun novo proxecto branqueado, avalado pola Xunta, declarado estratéxico, ao que nos imos seguir opoñendo. É o mesmo co aval dunha administración que se pon claramente de parte dun proxecto que non está aínda avaliado", critica Margarita Prieto Ledo (SLG)

O SLG leva dende o ano 2013 mobilizándose contra este proxecto mineiro, descartado nese momento, pero recuperado en 2020, cando foi de novo denegado. “Cando nos puxemos a analizar toda a documentación vimos que no expediente había un informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España que recollía que era frecuente que aparecesen radiactivos asociados. O que contén ese informe obrigaba xa a facer Declaración de Impacto Ambiental”, sinala Margarida Prieto Ledo, responsable da Loita contra o Acaparamento de Terras no Sindicato Labrego Galego.

Margarita Prieto Ledo advirte que dende o ano 2020 a empresa promotora esrá a traballar "para ter licencia social", pero destaca que vén atopando a oposición de "todas as comunidades de montes afectadas, que xa están personadas na súa contra". "Hoxe veñen cun novo proxecto branqueado, avalado pola Xunta de Galicia, declarado estratéxico, ao que nos imos seguir opoñendo. É o mesmo co aval dunha administración que se pon claramente de parte dun proxecto que non está aínda avaliado, que está a información pública”, di a sindicalista.

Simulación das futuras instalacións mineiras en Doade, nunha imaxe da empresa © Mina Doade

“Estamos ante un proxecto fracción, é dicir, que comeza en Beariz pero logo vaise ir estendendo a outros territorios", alerta o SLG

“No SLG valoramos, igual que en 2013 e 2020, que segue a ser un proxecto inviábel, que vai ter impactos irreparábeis no territorio e que ten relación con todos os proxectos que hai en Portugal. Non deixar de ser todo o mesma situación”, critica Prieto. Ademais, “estamos ante un proxecto fracción, é dicir, que comeza en Beariz pero logo vaise ir estendendo a outros territorios, por iso se fala de fases”. 

“Non se está a reparar no consumo de auga deste tipo de explotacións e a contaminación que deixan estes proxectos, non se repara nos riscos das balsas -hai roturas de balsas todos os anos, non é certo que agora sexan balsas seguras e que non teñan perigo ningún-. Todos os anos rompen varias balsas no mundo”, afirma Margarida Prieto, que insta a pensar tamén no futuro do territorio que ocuparía a mina: “hai territorios nos que ao mellor neste momento non hai actividade pero pode haber no futuro, se o destrúes non”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.