Litio en Doade: a UE quere extraer tamén dentro de si o mineral clave na transición verde

Simulación das futuras instalacións mineiras en Doade, nunha imaxe divulgada pola empresa © Mina Doade

O pasado 25 de marzo, a Comisión Europea confirmou que a mina de Doade, no concello ourensán de Beariz, é un dos 47 proxectos seleccionados como "estratéxicos" para "garantir e diversificar o acceso ás materias primas na UE". O obxectivo é "garantir que a extracción, o procesamento e a reciclaxe europeos" destas materias primas estratéxicas "satisfagan o 10%, o 50% e o 25% da demanda" da UE "de aquí a 2030".

A candidatura de Doade presentada por Recursos Minerales de Galicia, filial do grupo aragonés Samca, foi unha das elixidas pola UE para ter acceso a financiamento e maior facilidade na obtención de permisos, logo de que o pasado xaneiro a empresa presentase xa a solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía da Xunta. 

O proxecto, segundo indica a compañía, suporía un investimento duns 120 millóns de euros e a xeración de máis de 300 empregos para extraer durante catro décadas —nunha explotación de 13,6 hectáreas, con galerías subterráneas de entre 50 e 300 metros de profundidade— medio millón de toneladas ao ano de pegmatita. Trátase dunha rocha da que se obtén tamén feldespato e moscovita pero que é, sobre todo, rica en litio, unha das 34 materias primas críticas sinaladas pola UE e clave para a transición enerxética

Persoal da mina de Doade, durante os traballos previos na contorna, nunha imaxe divulgada pola empresa © Mina Doade

Doade, xunto a varias minas máis como as portuguesas proximas á raia, preséntase agora como unha iniciativa clave para o futuro enerxético e económico europeo, co apoio explícito e con feitos da UE, e mais co da Xunta e do Goberno central. Pero tamén coas reticencias de movementos veciñais e ecoloxistas ou de formacións como o BNG polo posible impacto medioambiental, social e económico. A importante presenza de litio nestas terras, lindeiras coa provincia de Pontevedra e apenas a unha hora en coche de Vigo, sitúanas agora no foco. Por que?

Da mina de Doade prevé extraerse pegmatita, rocha rica en litio, unha das materias críticas que sinala a UE e compoñente básico das baterías de aparellos electrónicos

O litio é un mineral excepcionalmente lixeiro, sendo o compoñente básico das baterías dos aparellos electrónicos que usamos calquera de nós no día a día, e claves para facilitar a transición ecolóxica e dixital pola súa eficiencia para almacenar e utilizar a enerxía limpa en aplicacións fixas ou móbiles. É fundamental porque axuda a facer fronte á intermitencia das fontes de enerxía renovables, como a eólica ou a solar, facilitando un almacenamento enerxético clave

"Máis da metade do litio producido na actualidade a nivel mundial emprégase para a fabricación de baterías para equipos electrónicos de consumo (teléfonos, ordenadores portátiles, tablets), vehículos eléctricos, paneis solares e para a xeración de enerxía eólica, polo que é un metal clave para a transición enerxética", resume Susana María Timón, científica titular do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, dependente do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), no departamento de recursos xeolóxicos para a transición ecolóxica. 

Arredor dun 20% do litio, segundo explica, emprégase na industria cerámica e do vidro pola súa resistencia ás altas temperaturas, e en menor medida en graxas lubricantes, industria metalúrxica e aeronáutica en aliaxe co aluminio, na depuración do aire e tamén en aplicacións farmacéuticas para o tratamento da desorde bipolar ou a depresión, entre outros. 

O litio é fundamental para a transición enerxética ao ser a clave para fabricar baterías e almacenar e utilizar enerxía limpa e poder así impulsar as renovables

Pero o litio é fundamental para a economía mundial, por riba de todo, pola fabricación de baterías e porque del depende que as políticas cara a transición enerxética e dixital se impoñan. "A clave é o incremento da xeración e emprego de renovables en detrimento dos combustibles fósiles, algo especialmente importante en Europa, onde carecemos de xacementos de gas ou petróleo que poidan suplir a demanda actual", insiste Timón. Achegarse á autosuficiencia enerxética na UE implica o desenvolvemento destas renovables e aí este mineral presente en Doade é imprescindible. 

Máis cando a demanda deste mineral vai aumentar —e moito— pola produción masiva desas baterías necesarias para vehículos eléctricos e para sistemas de almacenamento de enerxía, cuestión clave para que a UE cumpra co seu compromiso de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 55% de aquí a 2030, por baixo dos niveis de 1990. 

Maquinaria de extracción da empresa promotora da mina de Doade © Mina Doade

Precisamente, a Comisión Europea calcula que a demanda de litio na UE multiplicarase por 12 de aquí a ese 2030 e por máis de 20 ata 2050, ata 89 veces se temos en conta todo o planeta. Ademais, a Axencia Internacional da Enerxía fala dun incremento desa demanda a nivel mundial que será 42 veces á destes anos en 2040 e o Banco Mundial calcula necesaria unha produción de máis de tres millóns de toneladas do mineral dentro de 25 anos.

A demanda de litio na UE multiplicarase por 12 de aquí a 2030 e toda a súa produción dáse fóra de Europa, que exporta o 80% das reservas mundiais

Na actualidade, Europa é un importador neto de litio, que ten o 80% das súas reservas mundiais coñecidas en Chile, Australia, Arxentina e China. Porque esta materia prima prodúcese case en exclusiva fóra da UE, que importa arredor do 80% do litio extraído e o 100% do procesado, este último principalmente de Chile e, en menor medida, de Suíza, Arxentina, os EUA e a China. A produción de Portugal, a maior en Europa, é de momento exclusiva para cerámica e cristalería. De aí que, ante as obvias necesidades, as autoridades comunitarias identificasen preto de 30 xacementos no continente, dez deles con expectativas reais de explotación. E o de Doade aparece como un dos sinalados.

Susana María Timón insiste en que o obxectivo é "reducir significativamente a dependencia de Europa das importacións subministradas por terceiros países" e cre que debe ser "a nosa sociedade" a que "debe tomar a decisión sobre se explotar os nosos recursos de maneira responsable e diminuír" esa gran dependencia ou "deixar os nosos xacementos sen utilizar e seguir mercando as materias primas necesarias a outros países produtores ao prezo que marque o mercado internacional". 

Susana Mª Timón, do Instituto Xeolóxico e Mineiro: "Se España non explota os seus recursos seguirá mercando materias primas necesarias a outros países ao prezo que marque o mercado internacional"

No debate, tamén, as condicións nas que esoutros países producen o litio, desde o punto de vista medioambiental pero tamén social e laboral.  "A trazabilidade dos produtos obtidos da minería en Doade garante que os produtores de baterías de litio non adquiren minerais de guerra, metais de zonas en conflito ou de países que violan os dereitos laborais ou que espolian zonas protexidas do planeta", presume Recursos Minerales de Galicia. 

Vantaxes e inconvenientes

Para o catedrático de Física de Partículas da Universidade de Santiago e presidente do Foro Fieito, Luís Miguel Varela, as últimas medidas arancelarias tomadas por Trump desde os EUA son "perfectas" para evidenciar a importancia desa "autonomía enerxética", industrial e económica de Europa e a necesidade de que Galicia, "dunha forma medioambientalmente sostible", aproveite e explote esas materias que "son críticas para o desenvolvemento de sectores industriais estratéxicos presentes e futuros", tanto no ámbito da transición enerxética como no de defensa. "É moito máis arriscado non aproveitar estes recursos que aproveitalos", asegura. 

Timón, pola súa banda, asegura que o desenvolvemento de proxectos como o de Doade "contribúen a diminuír o desemprego na contorna próxima á mina e a manter rexións que doutro modo terían tendencias demográficas negativas", ademais de impulsar "postos de traballo indirectos". 

Persoal da mina de Doade, durante os traballos previos, nunha imaxe divulgada pola empresa © Mina Doade

Varela cre que o feito de que a mina de Doade fose sinalada como "estratéxica" debe ser o primeiro paso "para un desenvolvemento industrial interno". "Para que a maior parte do valor engadido bruto reverta sobre o territorio", di o catedrático de Física de Partículas, que lembra as "enormes oportunidades" que supón un proxecto que precisará, ademais da propia explotación, "tratamento dos materiais, equipamento, mantemento, infraestruturas...". "Debemos conseguir que toda esa actividade que poida xerar sexa de proximidade, que quede en Galicia e se desenvolva con recursos propios, que deixe unha pegada industrial e económica no país", insiste. 

Os expertos advirten das "sinerxías" entre proxectos, como a que se podería dar entre Doade e a planta que Norvento prevé en Lugo: "Podemos establecer toda a cadea de valor da mobilidade eléctrica"

Para Timón, a "riqueza mineral" en España e, en particular en Galicia, é tamén "unha oportunidade" que se debe "aproveitar". "Podemos ser fonte de materias primas necesarias para a transición enerxética e dixital". Ademais, advirte das "sinerxías" entre proxectos, como o que se podería dar entre a mina e a planta que Norvento prevé en Lugo para fabricar aeroxeradores e equipos de almacenamento de baterías, que foi elixido pola UE para recibir unha subvención de 27,5 millóns de euros. 

"As sinerxías son posibles e, ademais, convenientes. Se utilizásemos os nosos propios recursos mineiros, coas fábricas de coches eléctricos e de baterías que nalgúns puntos xa están en funcionamento, poderíamos chegar a establecer toda a cadea de valor da mobilidade eléctrica en España", explica. 

Pero as dúbidas sobre o impacto medioambiental e social na zona existen. Nada máis coñecerse a declaración da mina como proxecto "estratéxico" da UE, a plataforma SOS Suído Seixo anunciou que recorrería ante a Comisión esta declaración que "implica tramitación exprés de autorización e exención de cumprir determinadas esixencias medioambientais". Ademais, a entidade advirte da "opacidade" dun procedemento que levarán ao Tribunal de Xustiza da UE e dunha situación "neocolonial". 

Plataformas veciñais, entidades ecoloxistas ou o BNG rexeitan o proxecto pola súa "opacidade", o impacto medioambiental ou "a súa utilización para fins armamentísticos"

Ademais, o SLG, a plataforma contra a mina de Touro ou Ecoloxistas en Acción, entre outros, uníronse ás entidades veciñais no seu rexeitamento polos "desproporcionados impactos" que, segundo din, tería a reapertura da mina para a extracción de litio. A empresa, pola súa banda, advirte dun "impacto ambiental con mínimas afectacións" e de traballos "sen po, vibracións nin ruído". 

Desde o BNG, pola súa banda, anunciouse xa unha "ofensiva institucional" en contra da explotación da mina e reclama "non sucumbir de novo ás intencións de espoliar, máis unha vez", Galicia. O Bloque asegura que o proxecto "non se xustifica, nin do punto de vista ambiental nin para a súa utilización para fins armamentísticos" e lembra que foi rexeitado, "froito da presión social e veciñal exercida", en 2020 logo dun informe negativo da Concesión de Explotación da Confederación HIdrográfica Miño-Sil. 

Mapa dos proxectos considerados "estratéxicos" pola Comisión Europea para obter materias primas críticas © Comisión Europea

Besteiro (PSdeG) defende o proxecto por ser o litio "estratéxico" e confróntao co de Altri en Palas: "A celulosa non o é"

Pola súa banda, desde o PSdeG, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, defende o proxecto por ser "o litio estratéxico". "Pero a celulosa, non", aclara en contraposición coa iniciativa de Altri en Palas. Para o líder socialista, a mina de Doade "está aliñada coa autonomía industrial que defende Europa", aínda que esixe "todos os controis medioambientais". Ademais, ve "factible" a súa viabilidade económica e cre que sería "especialmente importante" para Galicia "pola súa vinculación a sectores coma o da automoción e o tecnolóxico".

Susana María Timón ve "necesaria" unha "ollada crítica" e "recoñecer o que non se fixo ben no pasado" en canto á minería. Pero agora, en cambio, tamén considera importante "dicir que España e o resto de países da UE contan con lexislacións moi restritivas". "Hoxe en día non se pon en marcha un proxecto mineiro que non garanta a orde económica, social, cultural e ambiental do territorio", argumenta. Así, defende as mudanzas dos últimos anos no sector e o uso de fórmulas "máis respectuosas" e con grandes avances tecnolóxicos. 

"Vivimos na UE, a área máis garantista do mundo sobre este tipo de explotacións e cuns avances científicos que permiten facer estas actividades en condicións moito mellores e respectables que as de hai anos, ademais de que as sancións por contaminación son moi altas", engade Varela. 

Nesta situación, Timón, experta do CSIC, considera "vital" transmitir á sociedade a importancia dos recursos minerais e da necesidade da súa exploración e, no seu caso, explotación "de maneira responsable". "Hai prácticas máis desexables, como a reciclaxe e a reutilización de materiais, que sen dúbida deben ter un papel fundamental no futuro, pero hoxe en día é necesario a achega da minaría para satisfacer a demanda de minerais existente", engade. 

Sexa como for, a pelota está lanzada e a mina de Doade e os seus xestores ven como a declaración como proxecto estratéxico por parte da UE dálle pulo á súa futura autorización, que depende agora do visto e prace da Xunta. Porque aínda quedan trámites e varios chanzos ata ese 2027, ano que a empresa pon como obxectivo para iniciar as súas operacións en Beariz. Unha iniciativa extractiva que seguirá xerando debate polo seu posible impacto medioambiental, pero que se sinala como imprescindible para a transición enerxética que a UE pretende para, precisamente, paliar o impacto medioambiental do cambio climático. Un paradoxo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.