Penouta é unha pequena parroquia de Viana do Bolo, con menos de 80 habitantes, no interior da provincia de Ourense. Esquecida como tantas outras, Europa olla agora cara a este pequeno curruncho de montaña da Galicia suroccidental.
O CSIC logrou desenvolver un procedemento que permite extraer niobio e tántalo, materiais claves na industria tecnolóxica, mantendo unha elevada pureza
Pioneira na extracción de coltán desde hai xa tempo, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), tras cinco anos de investigación, logrou desenvolver un procedemento para separar, mantendo unha elevadísima pureza, niobio e tántalo, dous dos metais máis valorados pola industria tecnolóxica polas súas propiedades químicas.
Conséguese así recuperar estaño da mina e extraer da escoura resultante deste eses dous metais, logrando os primeiros compostos desas materias primas "sintetizados en España na primeira e única mina para a súa extracción en toda Europa", como destaca o CSIC. Un avance no método e unha ratificación da importancia dos materiais da mina que serve de pulo a un lugar xa único en Europa.
"É unha moi boa noticia que o CSIC confirme e ratifique a importante presenza de materiais tan cobizados nunha mina na que xa levan anos traballando", explica Secundino Fernández, alcalde de Viana do Bolo, que desde hai tempo coñecía da man da empresa que explota o terreo das "grandes posibilidades económicas" do lugar.
O coltán é un mineral estratéxico na UE polas súas propiedades para fabricar dispositivos electrónicos e por ser habitualmente obtido en lugares en conflito
Nese monte de Penouta extráese o coltán --termo coloquial para denominar a mestura en proporción variable de columbita e tantalita--un mineral "relativamente escaso, que contén niobio e tántalo e forma parte dos minerais estratéxicos para a UE polas súas propiedades para fabricar a maioría dos dispositivos electrónicos que nos rodean, desde smartphones a consolas de vídeoxogos", explica Félix Antonio López, investigador do CSIC no Centro Nacional de Investigacións Metalúrxicas (Cenim).
O rápido incremento dunha elevada demanda e o feito de que a obtención destes minerais --claves para móbiles ou próteses médicas tamén-- se produza en zonas de conflitos bélicos e explotación infantil, como no Congo, fai que a UE sempre buscara unha alternativa para conseguilos en zonas libres de conflitos e máis achegadas.
É a empresa que xestiona a mina, Strategic Minerals Spain, quen extrae desde hai anos o tantalio e o niobio dos cascallos e refugallos da mina que foi abandonada a principios dos 80, logo de ser explotada por Rumasa durante décadas para extraer estaño e wolframio. Aquel espazo degradado e a ceo aberto na montaña convértese agora nunha zona cobizada pola presenza dunha manteria prima fundamental para as novas tecnoloxías.
A empresa atopou o negocio e a oportunidade nas balsas de decantación da antiga mina, con millóns de toneladas de minerais que se foron depositando nos fondos. De aproximadamente cada 100 quilos que se recuperan, un ou menos é de coltán. Pero hai máis, porque a empresa xa tramita tamén os permisos para explotar, máis aló dos residuos, directamente a mina, onde traballan medio cento de persoas na actualidade.
Da colaboración da firma co Cenim e a empresa Krown xorde o proxecto Estannio, que procura procesos para aproveitar da mellor maneira os residuos mineiros. Así foi como se empezaron a procesar as balsas e os refugallos, explotando un xacemento onde, ademais do estaño, o tántalo e o niobio, tamén se obtén cuarzo, feldespato e mica.
A mina, reactivada hai anos, colabora co CSIC para obter niobio e tántalo "con rendementos e purezas atractivas para a súa explotación comercial"
É aquí onde os investigadores, a partir dos minerais extraídos, desenvolven un proceso para obter estaño de "alta pureza" e, dos seus restos, os compostos de niobio e tántalo. "Son dous elementos con moita afinidade química e a súa separación selectiva é complicada", explica Félix Antonio López, que aclara que separan primeiro o estaño e logo aplican un "proceso laborioso para obter sales comerciais de niobio e tántalo con rendementos e purezas atractivas para a súa explotación comercial".
Aplican procesos químicos, mediante lixiviación e extracción con disolventes orgánicos, que logra unha calidade que non se lograba con métodos tradicionais. Ata lingotes de estaño dunha pureza do 95% e sales de niobio e tántalo con calidade comercial "de ata un 97% e un 99% respectivamente".
As estimacións falan dunha vida útil da mina de entre 35 e 40 anos mínimo e con xedración de emprego na comarca. Segundo a empresa, ademais, non hai risco medioambiental nuns terreos comunais de máis de 100 hectáreas arrendados á comunidade de montes, coa que Strategic Minerals chegou a un acordo hai anos. "Xera traballo e xera riqueza", explica o rexedor nacionalista de Viana do Bolo.
O proxecto Estannio componse tamén dunha planta comercial de fusión para a obtención de estaño en Salamanca e unha planta piloto hidrometalúrxica de obtención de niobio e tántalo no Cenim.
Segundo conta Economía Digital, acaba de pasar de contar cun consello de administración encabezado por Miguel de la Campa a concentrar todo o poder no empresario de Castilla y León Cruz Bermejo, con varias contas pendentes coa Axencia Tributaria.
Cruz Bermejo chega a Strategic Minerals Spain logo de ter desenvolvido a maioría da súa carreira profesional na hostalería e na construción. Neste último sector introduciuse a través da empresa Cofrensa, da que tomou o control a finais de 2012, só dous meses despois de que a firma entrase en concurso de acredores e iniciase unha disolución coa que deixou sen pagar unha débeda de 1,2 millóns de euros coa Facenda, segundo a última listaxe de morosos publicada a mediados do pasado ano.