Tres proxectos mineiros a ceo aberto en Ourense na procura de litio, estaño, volframio ou tantalio reciben un milleiro de alegacións

Permiso de investigación Novo Cima e zonas de especial protección de augas e de patrimonio © SGHN

A SGHN presentou alegacións aos proxectos de investigación a desenvolver nos permisos de investigación mineira Novo Arboim (Oímbra), Novo Frixo (Laza, Sarreaus e Cualedro) e Novo Cima (Verín e Vilardevós)

A Sociedade Galega e Historia Natural (SGHN) vén de presentar alegacións aos proxectos de investigación a desenvolver nos permisos de investigación mineira Novo Arboim (Oímbra), Novo Frixo (Laza, Sarreaus e Cualedro) e Novo Cima (Verín e Vilardevós), todos no sur de Ourense. 

Nas alegacións SGHN cinguiuse ao difundido na información pública dos proxectos, isto é, os “traballos de recopilación de información, reconocimento xeológico de campo e tomas de mostras manuais” e non a "futuribles proxectos de sondaxes, explotación ou procesamento dos metais", aos que a entidade procederá a ir alegando "en cada caso segundo saian a información pública".

Dos tres proxectos, unicamente o de Novo Cima se axusta ao máximo ordinario de cuadrículas mineiras por permiso de investigación (15) previsto na lei, mentres que en Novo Arboim son 27 cuadrículas e en Novo Frixo son 85

A sociedade salienta nas súas alegacións que os permisos de investigación solicitados son para “Recursos da Sección C), en especial Litio, Estaño, Wolframio e Tántalo”, pero ademais o solicitante (Omega Real Estate S.L.) contempla analizar as mostras para diferentes elementos metálicos (Sn, W, Ta, Nb, Li e outros) "sen que se poida saber cales serían os outros elementos", di a SGHN, que sinala que "con certa frecuencia aparecen torio e/ou outros elementos radioactivos asociados a algúns dos minerais que se pretenden investigar (por exemplo tantalita e casiterita)".

A SGHN destaca así mesmo que dos tres proxectos, unicamente o de Novo Cima se axusta ao máximo ordinario de cuadrículas mineiras por permiso de investigación (15) previsto na lei, mentres que en Novo Arboim son 27 cuadrículas e en Novo Frixo son 85 "sen que se xustifique suficientemente que se trata dun dos supostos excepcionais previstos na Lei". 

Os permisos de investigación solicitados por Omega Real Estate S.L. son para “Recursos da Sección C), en especial Litio, Estaño, Wolframio e Tántalo”

A entidade destaca que "ditas peticións excepcionais son aínda máis preocupantes porque nalgunhas das cuadrículas mineiras solicitadas se inclúen hábitats de conservación prioritaria na UE ou áreas de solo rústico de protección de augas".

Por este motivo a Sociedade Galega e Historia Natural pide que se reduza o número de cuadrículas mineiras ao máximo de quince previsto para supostos non excepcionais. 

Recollida de sinaturas da Plataforma comarcas Limia-Verín Non ás minas © Plataforma comarcas Limia-Verín Non ás minas

A SGHN demanda que "se impoña ao solicitante a obriga de avaliar a presenza de torio e/ou outros elementos radioactivos en todas as mostras recollidas durante a investigación"

Ademais, reclama que "no caso de ser aprobados", se exclúan explicitamente do permiso de investigación as superficies das cuadrículas mineiras incluídas en espazos naturais protexidos, con presenza de hábitats de conservación prioritaria na UE, catalogadas como solo rústico de especial protección de augas e/ou de protección agropecuaria, incluídas no inventario de zonas húmidas de Galicia ou nos perímetros de protección de elementos do patrimonio cultural. Así mesmo, demanda que "se impoña ao solicitante a obriga de avaliar a presenza de torio e/ou outros elementos radioactivos en todas as mostras recollidas durante a investigación".

Os tres proxectos de investigación para minaría a ceo aberto veñen espertanto unha crecente oposición nas comarcas afectadas a través da Plataforma comarcas Limia-Verín Non ás minas

Os tres proxectos de investigación para minaría a ceo aberto veñen espertanto unha crecente oposición nas comarcas afectadas. O proxecto mineiro Novo Frixo (Laza, Sarreaus e Cualedro) conta coa oposición da plataforma STOP Eólicos Xurés-Celanova, integrada dentro da Plataforma comarcas Limia-Verín Non ás minas, que recolleu máis dun milleiro de sinaturas na súa contra e diversos actos informativos que tiveron lugar en Xinzo, Allariz, Ourense, Bande, Vilar de Santos, Sarreaus e Cualedro.

O proxecto de Novo Frixo recibiu preto de 400 alegacións públicas e os proxectos de Novo Arboim e Novo Cima sumaron preto dun milleiro de alegacións, di a plataforma, que destaca que “a resposta veciñal en apenas dúas semanas de campaña de información e recollida de alegacións ten sido notábel”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.