ADEGA alerta dos perigos da minaría de litio en Galicia e Portugal

Mina de litio en Portugal © GPSA

O uso do litio para a fabricación de baterías (de móbiles, de coches eléctricos e outros aparellos) está a incrementar dende hai anos a demanda deste mineral. Agárdase que para o ano 2025 a demanda de litio a nivel mundial se multiplique por dez, ata acadar as 300.000 toneladas anuais, sobre todo para satisfacer a reconversión dos actuais motores de combustible e motores eléctricos. Coa maior demanda, crecerán tamén os prezos, que xa se incrementaron un 200% nos últimos tres anos.

Os permisos de investigación solicitados nos últimos anos en Galicia sitúanse entre os concellos de Forcarei, Beariz, Cerdedo-Cotobade, Avión, A Lama, Boborás, O Irixo, Fornelos de Montes e Covelo

O litio é coñecido xa como o "ouro branco" e Galicia e Portugal posúen no seu subsolo unha gran cantidade deste material, o que espertou o interese das compañías mineiras multinacionais. Na actualidade, Portugal conta con máis de 40 solicitudes de prospeccións, e o goberno portugués lanzará o ano próximo un concurso de licencias de exploración.

Mentres, en Galicia aínda non existe ningunha escavación na procura de litio, pero hai nestes momentos están solicitados dous permisos de investigación, dous máis veñen de finalizar a súa vixencia e outros dous están xa caducados, segundo os rexistros do Censo Catastral Mineiro de Galicia

As seis solicitudes, que se reparten entre tres empresas (Salamanca IngenierosSolid Mines España Recursos Minerales de Galicia), coinciden na área de exploración, que abrangue un amplo espazo no mesmo centro do país, entre os concellos de Forcarei, Beariz, Cerdedo-Cotobade, Avión, A Lama, Boborás, O Irixo, Fornelos de Montes e Covelo, entre as provincias de Pontevedra e Ourense.

A organización ecoloxista ADEGA alertou este venres desta "febre do litio" que está a chegar a Portugal e, de xeito máis incipiente, a Galicia. A entidade lembra que aLei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galicia (Lei de Depredación) "facilitará a concesións futuras de licitacións para a exploración e explotación de litio".

Portugal conta con máis de 40 solicitudes de prospección, algunhas moi preto da fronteira galega

Entre as 40 solicitudes de prospección existentes en Portugal, unha parte importante localízanse no norte do país, algunhas moi preto de Galicia. ADEGA alerta especialmente da iniciativa da empresa Lusorecursos, que ten previsto abrir o próximo ano o proxecto mineiro Sepeda-Morgade, localizado en Montalegre, a tan só 15 km da fronteira con Ourense. A mina busca extraer máis de 300 millóns de toneladas do mineral e conta xa cunha grande oposición no lugar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.