Unha investigación relacionada co tráfico de influencias, a corrupción e a prevaricación en proxectos enerxéticos vén de provocar unha enorme crise política en Portugal. O primeiro ministro, António Costa, presentou a súa dimisión ante o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que a aceptou, logo de saberse que o Tribunal Supremo estaba a pescudar o papel de Costa nun proxecto de produción de hidróxeno verde en Sines, no Alentejo, e na concesión de dúas explotacións de litio a escasos quilómetros de Galicia: en Covas do Barroso, a 25 quilómetros da raia, e outra en Montalegre, a 15.
Costa dimite logo de saberse que o Supremo investiga o seu papel nun caso de corrupción nun proxecto de hidróxeno verde e na concesión de dúas minas de litio
"Encerro esta etapa com a consciência tranquila", dixo Costa, que considera que "é incompatível com o exercício da função de primeiro-ministro estar sob suspeita criminal". "Quero dizer, olhos nos olhos aos portugueses, que não me pesa na consciência a prática de qualquer ato ilícito, ou sequer de qualquer ato censurável", engadiu o primeiro ministro, afirmando estar "totalmente disponível para colaborar com a Justiça em tudo o que entenda necessário para apurar toda a verdade, seja sobre que matéria for".
"A dignidade de funções de primeiro-ministro não é compatível com qualquer suspeição sobre a sua integridade, a sua boa conduta e menos ainda com a suspeita de prática de qualquer ato criminal", engadiu.
Ademais, Costa anunciou que non se vai "recandidatar ao cargo de primeiro ministro" e que esa etapa da súa vida xa se "encerrou". Mentres, o presidente da República, Rebelo de Sousa, anunciou que aceptaba a dimisión do primeiro ministro e que xa convocou os partidos para unha reunión este mércores e o Conselho de Estado para outra o vindeiro xoves día 9. Será mañá cando se dirixa á cidadanía portuguesa, á espera de saber as consecuencias deste terremoto político.
A grave crise institucional en Portugal desencadeouse na mañá deste martes cando en Lisboa foron detidas por presuntas irregularidades cometidas nas concesións dos tres proxectos enerxéticos dúas persoas moi achegadas a Costa: Vítor Escária, xefe de gabinete do primeiro ministro, e o empresario Diogo Lacerda. As pescudas tratan de determinar se se cometeron delitos de prevaricación, corrupción pasiva e activa e tráfico de influencia. Saber, en definitiva, se houbo trato de favor a determinadas empresas vinculadas ás devanditas iniciativas empresariais.
Nun comunicado público, a Fiscalía revelou que a investigación sobre António Costa por parte do Tribunal Supremo xorde logo de que no decurso das investigacións se coñecese a "invocação por suspeitos do nome e da autoridade do Primeiro-Ministro e da sua intervenção para desbloquear procedimentos".
A Fiscalía advirte da "invocação por suspeitos do nome e da autoridade do Primeiro-Ministro e da sua intervenção para desbloquear procedimentos"
A policía levou a cabo máis de 40 rexistros, entre eles na residencia oficial do primeiro ministro, ademais de en varios ministerios, a Cámara Municipal de Sines, cinco despachos de avogados e varias entidades públicas. Foron detidos o rexedor de Sines e varias persoas máis vinculadas con proxectos empresariais relacionados coa transición enerxética. E declarados arguidos —sospeitosos oficiais no proceso xurídico portugués— o ministro de Infraestruturas, João Galamba, e mais o presidente do consello directivo da Agência Portuguesa do Ambiente (APA).
Dous deses proxectos están vinculados á produción de litio, prezado metal, clave para fabricar baterías de móbiles e de coches eléctricos, fundamental na transición enerxética e un produto que en Portugal conta cun dos grandes xacementos en Europa, a poucos quilómetros de Verín.
Hai menos de medio ano, o Goberno luso deu o visto e prace ambiental á mina de litio perto de Covas do Barroso, localidade do concello de Boticas a uns 25 quilómetros da fronteira con Galicia. A Agência Portuguesa do Ambiente (APA) emitiu daquela unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) condicionada que, malia todo, non satisfixera aos colectivos e ás administracións críticas cunha concesión que afecta 593 hectáreas e na que se pretende explotar unha área de algo máis de 70.
A forte contestación social na zona e o rexeitamento do alcalde e de grupos ecoloxistas non impediu botar para adiante a que será a primeira mina de litio na Península Ibérica, dentro da aposta global de Portugal que e completa con outra explotación semellante para a extracción do mesmo material un chisco máis ao norte —en Montalegre, a 15 km de Galicia— que recibiu o visto e prace ambienta, tamén condicionado, o pasado setembro.
Polémica na concesión en 2019
O negocio do litio causou polémica xa hai anos, cando o contrato de concesión para a explotación en Motalegre, entre o Estado e Lusorecursos Portugal Lithium logo de que se constituíse a empresa tres días antes da sinatura.
Un dos agora investigados, João Galamba, daquela secretario de Estado da Enerxía, aprobou aquel polémico contrato e este martes foi vinculado aos negocios do litio e hidróxeno verde investigados. Galamba xustificara aquela concesión a esta compañía por ter asinado un contrato xa en 2012 que prevía que, logo da prospección e busca, puidese recuperar os dereitos.
A mina de Montalegre sitúase dentro da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, mentres que a de Boticas está a menos de dez quilómetros. No caso desta última, prevese que empecea producir a partir de 2026, co obxectivo de extraer litio dabondo para abastecer medio millón de coches ao ano.
É a empresa británica Savannah a que prevé explotar durante uns 17 anos o terreo no que será a mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa Occidental. Nun comunicado, daquela, amosaba a súa satisfacción polo paso adiante dun proxecto que permite a Portugal "dar o seu primeiro paso para asumir un papel importante na cadea de valor de litio e a transición enerxética en Europa". De feito, o da mina de Barroso inclúese nun megaproxecto liderado por Galp de máis de 900 millóns de euros para a creación dun clúster de baterías no país veciño cos fondos Next Generation da UE.
Autoridades, grupos ecoloxistas e veciñanza da zona están unidos desde hai tempo contra os proxectos na rexión do Barroso
Autoridades, grupos ecoloxistas e veciñanza da zona están unidos desde hai tempo contra os proxectos na rexión do Barroso, declarada en 2018 Patrimonio Agrícola Mundial. Desde Galicia, colectivos ambientalistas apoian tamén as protestas de iniciativas que afectan tamén o territorio galego pola súa proximidade.
Portugal ten máis de 60.000 toneladas de reservas de litio, sendo a oitava maior reserva mundial, só por tras dos EUA, a Arxentina, Australia, Canadá, Chile, a China e o Brasil. Todo nun contexto de futuro onde a utilización de vehículos eléctricos en detrimento dos de motor a combustión interna fará máis imperiosa a necesidade de Europa —que importa o 24% de toda a explotación mundial de litio— de asegurarse o aprovisionamento deste material.
Ademais, a dependencia das importacións de concentrados de litio rolda o 85% na UE, que é totalmente dependente das importacións dos compostos procesados porque non hai ningún estado que leve a cabo procesos de refinado, como destaca Susana María Timón, científica titular do Departamento de recursos xeolóxicos para a transición ecolóxica do Instituto Geológico y Minero de España (IGME - CSIC).
Na súa opinión, a importancia económica e o risco no subministro do litio "require plantexar a decisión sobre se explotar os recursos de maneira responsable e diminuír a gran dependencia das importacións ou deixar os nosos xacementos sen utilizar e seguir comprando as materias primas, necesarias para a transición ecolóxica, a outros países produtores e ao prezo que marque o mercado internacional".
Galicia, pola súa banda, é un dos territorios da Península Ibérica onde tamén existen importantes mineralizacións de litio, ademais de en Portugal, Castilla y León e Extremadura, onde hai proxectadas dúas minas. No entanto, desde 2011 non hai explotación activa ningunha.
Entidades ecoloxistas e plataformas veciñais levan desde hai tempo denunciando a afectación deste tipo de minería, que require de buratos moi grandes e a acumulación de enormes cantidades de residuos para obter pequenas cantidades.