A explotación é propiedade do grupo aragonés Samca, que tramita permisos ante a Xunta dende o pasado xaneiro, e a selección pola CE propícialle beneficios económicos e administrativos
O pasado verán a empresa Recursos Minerales de Galicia, filial do grupo aragonés Samca, presentou ante a Comisión Europea a súa candidatura para que a mina de litio que posúe en Doade (Beariz) fose seleccionada como un dos proxectos "estratéxicos" ao abeiro do Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea. Coma outras 169 solicitudes, a petición da compañía procuraba o acceso tanto a financiamento como a unha maior facilidade na obtención de permisos.
O pasado xaneiro Samca confirmou que viña de presentar a solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía "para a extracción de minerais de litio e feldespatos". E este 25 de marzo a Comisión Europea confirma que o de Doade é un dos 47 proxectos seleccionados como "estratéxicos" para "garantir e diversificar o acceso ás materias primas na Unión Europea", que ten como obxectivo "garantir que a extracción, o procesamento e a reciclaxe europeos de materias primas estratéxicas satisfagan o 10%, o 50% e o 25% da demanda" a UE "de aquí a 2030".

Estar nesta lista, confirma a Comisión, comporta unha ampla serie de "beneficios". Para eles reserva "un investimento de capital global" de 22.500 millóns de euros e, ademais, "poderán beneficiarse do apoio coordinado da Comisión, os Estados Membros e as institucións financeiras para seren operativos" tanto no ámbito financeiro como para gozar de "disposición simplificadas de concesión de permisos". Concretamente, para "proxectos de extracción" coma o de Doade, "o proceso de concesión non excederá de 27 meses".
A promotora da mina asegura que a súa actividade será "sostible" e permitirá extraer "500.000 toneladas ao ano" entre 2028 e 2048. Colectivos ecoloxistas que xa litigaron contra o proxecto nos últimos anos advirten de diversos riscos ambientais
A información divulgada pola Comisión evidencia que a selección da mina de Doade ten que ver coa necesidade de fornecemento de litio para baterías. Segundo Stéphane Séjourné o comisario europeo encargado da carteira "para a Prosperidade e a Estratexia Industrial", proxectos coma este "axudarán a asegurar o noso propio subministro interno de materias primas" nun "momento histórico para a soberanía europea como potencia industrial".
O proxecto de Doade é seleccionado canda outros coma o de Barroso, no concello portugués de Boticas, a uns 25 quilómetros da raia. Cando, o pasado 2023, as autoridades portuguesas deron luz verde ambiental a este proxecto, en Galicia rexurdiron voces que ollaban con receo á mina de Doade, caso de Ecoloxistas en Acción ou a plataforma SOS Suído Seixo, que interpuxeran varias denuncias contra Recursos Minerales de Galicia mentres realizaba prospeccións en Beariz e en territorio dos concellos lindeiros de Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Avión e A Lama.
Estas organizacións lembraran que, en anos previos, xa litigaran contra a empresa ao advertir que a Xunta pretendera axilizar os seus permisos sen sometelo a unha avaliación completa de impacto ambiental. Unha mina coma esta, ao seu xuízo, implica diversos riscos ambientais presentes e futuros, dende "destrución da paisaxe" a perigos para as augas.
Fronte esas alertas de organización ambientalistas e veciñais, a empresa promotora mantén que a súa é unha minaría "sostible". O seu proxecto, indican, é " unha mina subterránea" baixo os montes propiedade da Comunidade Lama, Cega e Bisticobo "nunha superficie delimitada de 13,62 hectáreas". Os seus plans pasan por extraer "500.000 toneladas ao ano" entre 2028 e 2048, momento no que "a actividade remataría coa restauración completa, o desmantelamento da planta industrial e das infraestruturas de superficie e a devolución dos terreos aos seus usos orixinais", aseguran.