A UE di que avaliou "as repercusións ambientais e sociais" da mina de Doade ao declarala estratéxica

Persoal da mina de Doade, durante os traballos previos, nunha imaxe divulgada pola empresa © Mina Doade

O vicepresidente de Estratexia Industrial da Comisión Europea responde ao BNG que "poderá retirar o recoñecemento dun proxecto estratéxico" se deixa de cumprir os criterios

O pasado mes de marzo, a Comisión Europea confirmou que a mina de Doade, no concello ourensán de Beariz, era un dos 47 proxectos seleccionados como "estratéxicos" para "garantir e diversificar o acceso ás materias primas na UE". A candidatura desta mina, presentada por Recursos Minerales de Galicia, filial do grupo aragonés Samca, foi unha das elixidas pola Unión Europea para ter acceso a financiamento e maior facilidade na obtención de permisos, logo de que a principios de ano a empresa presentase xa a solicitude de concesión de explotación ante a Xunta. 

Simulación das futuras instalacións mineiras en Doade, nunha imaxe da empresa © Mina Doade

Ao pouco de ser elixida como proxecto estratéxico, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, remitiu unha carta ao vicepresidente executivo da Comisión Europea para a Prosperidade e Estratexia Industrial, Stéphane Séjourné, na que lle amosaba a necesidade de que proxectos como o de Doade "estean baixo a estrita tutela de autoridades públicas competentes, suxeitas a un control democrático e transparente con salvagardas medioambientais e sociais”, así como de "garantir a participación das comunidades locais" no proceso que se abra. 

Dous meses despois, o vicepresidente executivo responde en nome da Comisión e asegura que é hora de avaliar o proxecto da mina de Doade "analizáronse as repercusións medioambientais e sociais e o uso dunhas prácticas empresariais transparentes". "A avaliación concluíu que o proxecto se executaría de maneira sostible, de conformidade do Regulamente de Materias Primas Fundamentais", insiste. 

Stéphane Séjourné salienta que a concesión da condición de proxecto estratéxico "require a existencia dunhas prácticas socialmente responsables" e que o permiso ambiental outórgano "as autoridades competentes"

Stéphane Séjourné lembra a Ana Miranda que "a Comisión recoñece a importancia de garantir a participación pública, a transparencia e o cumprimento das salvagardas medioambientais e sociais nos proxectos relacionados coas materias primas fundamentais". "Tamén no caso do proxecto estratéxico seleccionado da mina de Doade en Galicia", aclara. 

A Comisión asegura que a concesión da condición de proxecto estratéxico "require a existencia dunhas prácticas socialmente responsables, o respecto aos dereitos humanos e unhas consultas exhaustivas e significativas coas comunidades locais". "E o permiso concédeno de forma independente as autoridades competentes dos Estados membros", di a carta á que tivo acceso Praza.gal. 

Resposta da Comisión Europea a Ana Miranda, eurodeputada do BNG, sobre a declaración da mina de Doade como "estratéxica" para a UE CC-BY-SA Praza Pública

A concesión da condición de proxecto estratéxico, lembra Séjourné, "non socava a obriga do promotor do proxecto de respectar a lexislación da UE en materia de medio ambiente, que exixe a consulta pública dos plans relacionados co medio ambiente e dos proxectos que poidan ter efectos medioambientais significativos".

"A execución dos proxectos seleccionados estratéxicos para a UE será obxecto de seguimento e e, no caso de que un proxecto estratéxico deixe de cumprir os criterios establecidos no Regulamento de Materias Primas Fundamentais, a Comisión poderá retirar o recoñecemento dun proxecto estratéxico tendo en conta o ditame do Comité de Materias Primas Fundamentais", remata a carta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.