Rueda lanza a sociedade público-privada Recursos de Galicia antes de ter a lei que regulará o seu "beneficio social" e comprométese a achegar 30 millóns de euros ata 2027
Tras máis dunha década rexeitando a participación pública en proxectos enerxéticos, nomeadamente en parques eólicos, como prevía o anterior goberno de PSdeG e BNG, o pasado marzo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mudou de postura e anunciou unha lei para impulsar esa presenza directa da administración galega na explotación dos recursos naturais do país.
Oito meses despois, e sen que a Xunta remitise aínda o proxecto de lei ao Parlamento para o seu debate e aprobación, o que aínda pode levar varios meses, este luns Rueda rodeouse dos representantes dalgunhas das principais empresas con presenza no país para presentar Recursos de Galicia (RDG), a sociedade mixta a través da que a Xunta canalizará a súa presenza na explotación de recursos naturais. Porén, a participación da administración galega nesa nova sociedade público-privada, que Rueda presentou como unha "aventura", será só do 30%.
Na nova empresa mixta, segundo desvelou este luns a Xunta, estarán tamén presentes firmas significativas do país, entre elas varias que xa veñen dedicándose á explotación dos recursos naturais. O listado facilitado polo Goberno galego, sen detallar o peso accionarial de cada empresa, é o seguinte: Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods.
En marzo Rueda anunciou unha rectificación da negativa da Xunta desde hai máis dunha década a participar en enerxías renovables, pero en maio avanzou un borrador que limitaba ao 50% o seu peso accionarial e agora redúceo ao 30%
Tras o anuncio de Rueda de hai oito meses de que a Xunta agora si quere participar na explotación dos recursos naturais de Galicia, o Goberno galego someteu a exposición pública en maio o texto da lei que regulará esa iniciativa. Esa norma aínda non foi remitida pola Xunta ao Parlamento para o seu debate e aprobación, polo que aínda pode mudar, pero o que estableceu o texto desvelado hai xa medio ano foron importantes matices ao anuncio do presidente.
A participación maioritaria na nova empresa mixta non sería da Xunta senón do capital privado, e á súa vez sería esa sociedade matriz ou utility a que participase cunha ou outra porcentaxe en empresas inferiores que se crearán para impulsar cada proxecto puntual de enerxías renovables ou explotación de recursos naturais. Unha estrutura na que tamén se daría cabida a outras administracións como os concellos se estes tamén queren participar.
O texto legal exposto ao público hai medio ano pero aínda pendente de aprobación condicionaba a participación da Xunta a que os proxectos procuren "o beneficio social e económico" nas zonas onde se desenvolvan, pero non detallaba ningún sistema de control por parte da Xunta dos órganos de goberno desas sociedades, en contra do anunciado uns días antes polo daquela vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde. O vicepresidente fixera referencia a posibles votos de calidade ou vetos da Xunta, pero estes non se reflectiron no texto legal coñecido hai seis meses, polo que a súa regulación, a non ser que mude durante a tramitación parlamentaria, quedaría diferida aos estatutos concretos da nova sociedade agora presentada ou aos das empresas nas que esta participe para impulsar cada proxecto concreto.
A participación da Xunta na nova Recursos de Galicia realizarase a través da previa e tamén mixta Impulsa Galicia, creada en 2021 con Abanca, Sogama e Reganosa e á que o Consello de Contas pediu máis "transparencia" e "control público"
Aquel texto legal aínda pendente de aprobar tamén mudaría outra norma previa de 2010 para que a participación mínima da Xunta en empresas privadas poida ser inferior ao 10%, pero mantería o límite superior de xeito que non poderá ter máis do 50% do capital social. Porén, agora a Xunta renuncia aínda a máis marxe de manobra e di que participará na nova sociedade mixta "cun 30% das accións, converténdose así na socia maioritaria de Recursos de Galicia".
Para iso, di, "contará cun desembolso progresivo de 30 millóns de euros ata 2027", unha participación que á súa vez se realizará "a través de Impulsa Galicia, a sociedade tamén público-privada que a Xunta creou en 2021 con Abanca, Sogama e Reganosa, para buscar "futuros investidores" para o desenvolvemento dos fondos europeos Next Generation que están chegando a Galicia.
Foi a través de Impulsa Galicia, dixo a Xunta este luns, como as empresas que agora participarán en Recursos de Galicia amosaron o seu desexo de formar parte do novo proxecto. Porén, o pasado xullo o Consello de Contas fixo público un informe no que reclamou "transparencia" e "control público" nesa empresa mixta Impulsa Galicia a traves da que agora a Xunta di que vai canalizar a súa participación na nova Recursos de Galicia.
Este luns, na presentación da nova empresa, e á espera de que se aprobe a lei que regulará os seus obxectivos, Rueda asegurou que a sociedade "non actuará como un operador calquera no mercado, senón que buscará ser unha referencia e unha guía para os demais axentes sociais". "Ten que ser en si mesma un catálogo de boas prácticas" di Rueda de Recurso de Galicia, que presentou como "punta de lanza da futura lei de recursos naturais".