Tras acusar Feijóo a Pedro Sánchez dunha transición enerxética “improvisada”, Rueda pide agora tempo para aclarar o contido dunha nova lei da que nada dixo cando hai medio ano avanzou o seu plan normativo para o que resta de lexislatura
Hai case un ano, dous días antes de dimitir como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo despedíase do cargo acusando no Parlamento de Galicia a Pedro Sánchez de acometer unha transición enerxética “improvisada”. A pasada semana, dez meses despois da súa toma de posesión, o seu sucesor, Alfonso Rueda, anunciou unha nova lei de aproveitamento público das enerxías renovables.
A norma supón dúas grandes emendas a dous dos principais argumentos da lei eólica impulsada por Feijóo na súa chegada á Xunta en 2009: que non debía haber participación pública neses proxectos e que aquela lei daría “seguridade xurídica ao sector”. Pero á espera de que chegue a nova lei, aquela de 2009 xa foi reformada 11 veces.
A lei eólica de 2009 coa que Feijóo tombou o intento do anterior goberno de PSdeG e BNG de que a Xunta tivese participación nos proxectos dese tipo de enerxía incluíu expresamente na súa exposición de motivos o argumento de que pretendía superar “a complexidade e conseguinte confusión/dificultade xerada pola normativa precedente, garantíndose, á par, os principios de concorrencia e transparencia nun contexto de ampla seguridade xurídica”. O propio Feijóo defendeu nestes anos tanto sobre esa norma como sobre a súa xestión en xeral que o seu era un goberno “fiable” e “estable” que ofrecía “seguridade” ás empresas, pero ao tempo impulsou todo tipo de reformas constantes, mesmo con periodicidade anual, de normas impulsadas por el mesmo.
Fronte ás críticas ao Goberno de España por supostas improvisacións e as gabanzas da Xunta como goberno "fiable", o equipo de Rueda admite que aínda non dispón nin dun borrador previo da nova lei que xa están a anunciar
E a lei eólica non foi menos. Ao seu amparo chegaron todo tipo de sentenzas contrarias á Xunta e o seu texto non parou de cambiar para supostamente facilitar a implantación de máis proxectos sen que o sector apenas medrase na última década e só o fixese nos últimos anos.
Aprobada a finais de 2009, a lei eólica de Feijóo comezou a ser corrixida só un ano despois, e novamente en decembro de 2011, en febreiro de 2013, dúas veces en decembro dese mesmo ano, en maio de 2014, en outubro de 2017, en decembro de 2018, en febreiro e decembro de 2021 e, na que ata agora é a súa última reforma, novamente o pasado decembro, a través da lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para este ano. E aínda pode ser corrixida máis veces antes de que se aprobe a nova lei agora anunciada por Rueda, xa que esta aínda comeza agora unha fase de consulta pública previa e non conta nin con borrador do seu texto.
O que se sabe da nova norma é que, ao contrario da de 2009, impulsará a participación pública no sector da que se renegaba hai 14 anos. Pero malia as críticas de Feijóo a Sánchez por supostamente improvisar a transición enerxética a nivel estatal, agora Rueda pide tempo para aclarar o contido da nova norma.
Unha nova lei da que nada dixo o propio Rueda cando hai medio ano avanzou a súa planificación de novas normas para o que queda de lexislatura. Naquel Consello da Xunta do 22 de setembro pasado, a metade de lexislatura, cando o PPdeG aínda tiña pendentes 12 das 19 leis que prometera no seu programa electoral, o presidente cifrou en 8 as normas que o seu Goberno pretendía enviar ao Parlamento antes de que rematase o ano e noutras 13 as previstas para este 2023.
Citou as que considerou máis relevantes. Pero entre elas nada dixo da agora anunciada “lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”.