O Consello da Xunta deste xoves prevé aprobar un proxecto de lei que inicialmente non facía referencia á enerxía pero co que o Goberno galego quere agora dar “prioridade na tramitación” aos aeroxeradores que vendan a súa enerxía a prezo fixo
O Consello da Xunta deste xoves prevé aprobar, segundo avanzou o aínda presidente Feijóo este mércores na súa despedida do Parlamento, o proxecto de lei de áreas empresariais de Galicia. O texto ía dirixido só a ordenar urbanísticamente os polígonos empresariais, pero o pasado xaneiro o propio Feijóo anunciou que sería mudado antes da súa aprobación para que tamén permita da “prioridade na tramitación” a parques eólicos que vendan a súa enerxía a prezo fixo. O anuncio de que o proxecto de lei será aprobado este xoves chegou nun Pleno do Parlamento no que Feijóo acusou ao Goberno de Pedro Sánchez dunha transición enerxética “desordenada, improvisada e inxusta”.
A decisión da Xunta de introducir unha nova reforma do sector eólico nunha lei que nada tiña que ver con el foi anunciada por Feijóo pasado xaneiro. Nun encontro coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, o presidente avanzou a súa intención de dar “prioridade na tramitación” ás “empresas que constrúan parques eólicos na comunidade e destinen o 50% da enerxía que produzan á industria a través de contratos de prezo fixo”. O mecanismo, dixo, sería “introducir un artigo na Lei de áreas empresariais” que a Xunta xa estaba a tramitar. Porén, cando unhas semanas antes a propia Xunta sometera a exposición pública o borrador desa lei [aquí o PDF] no seu texto nada facía referencia a cuestións enerxéticas. A norma, como o seu nome indica, estaba centrada na ordenación e xestión dos polígonos empresariais.
A Xunta vén de recibir dúas sentenzas que cuestionan a súa xestión do sector eólico, pero este mércores Feijóo cargou contra o Goberno central pola súa transición enerxética "desordenada, improvisada e inxusta"
A medida anunciouna Feijóo apenas dúas semanas despois de que entrasen en vigor, a través da lei de acompañamento dos orzamentos para este ano, novas modificacións do sector eólico, como a suposta moratoria na tramitación de novos parques que permite á Xunta decidir discrecionalmente cales continúan e cales non ante a súa incapacidade para analizalos todos. E ao tempo que a patronal eólica pedía á Xunta medidas de “estímulo” para o sector en plena eclosión de solicitudes.
Desde aquel anuncio de xaneiro de que a lei de áreas empresariais tamén mudaría a lexislación eólica a Xunta recibiu dúas sentenzas xudiciais que volveron cuestionar a súa xestión do sector. O Tribunal Supremo deixou constancia de que o Goberno galego autorizara un parque eólico en Mondoñedo sen avaliar correctamente o seu impacto ao facelo pasar por dous parques eólicos distintos, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a autorización doutro parque en Corme porque a Xunta reducira ilegalmente a súa exposición pública de 30 a 15 días.
A segunda sentenza cuestionou non só o caso dese parque eólico senón a propia lei que a Xunta impulsara en 2017 para rebaixar ese prazo. Tras esa sentenza, e á espera de corrixir a lei por ir contra a normativa europea, o Goberno galego xa repetiu a tramitación dunha quincena de parques eólicos para que a súa exposición pública fose de 30 días.
Malia estes antecedentes de incorrecta xestión do sector eólico por parte da Xunta sentenciados pola xustiza, este mércores Feijóo anunciou a nova reforma do sector ao tempo que cargaba contra o Goberno central. Segundo o aínda presidente da Xunta, que como vén facendo desde hai semanas centrou a súa intervención no seu novo papel de líder da oposición a nivel estatal, o executivo de Sánchez esta a permitir unha transición enerxética “desordenada, improvisada e inxusta”. “Desenchufamos as enerxías que funcionaban e aínda non temos as novas”, dixo.