A decisión do goberno galego afecta a investimentos estimados en 360 millóns de euros para activar 434 MW de enerxía renovable en 23 concellos
Poden ser máis, pero ata este mércores 6 de abril xa son 15 os parques eólicos e as súas conexións cuxa exposición pública a Xunta está a repetir tras a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que o pasado xaneiro anulou a repotenciación do parque eólico de Corme porque fora acelerado de xeito ilegal. O Goberno galego sometera aquel parque a alegacións por un prazo de 15 días que o TSXG considerou ilegal xa que a normativa da UE establece un mínimo de 30 días. Así que agora a Xunta está a repetir a información pública doutros parques que xa foran expostos por 15 días cun novo prazo de 30 días.
As novas exposicións públicas supoñen para estes parques que as súas tramitacións volvan aos puntos nos que estaban hai catro ou seis meses. Son instalacións que suman 434 MW de enerxía renovable e que suporían un investimento estimado só na súa execución material de case 360 millóns de euros.
As novas demoras provocadas pola Xunta chegan en plenas críticas de Feijóo a Sánchez polo que considera unha mala xestión da transición enerxética
A orixe deste novo obstáculo ao desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia, en plenas críticas do aínda presidente Alberto Núñez Feijóo ao Goberno de España pola súa suposta mala xestión da transición enerxética, atópase na lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais impulsada pola Xunta en 2017. Aquela norma fixou en 15 días o prazo de exposición pública para os proxectos que o propio Goberno galego cualificase como “de interese especial”. Esa foi a lei que a Xunta aplicou á repotenciación do parque eólico de Corme, en Ponteceso, pero o pasado xaneiro o TSXG anulou a súa autorización e sentenciou que “a redución á metade do prazo de información pública” de 30 días fixado pola UE “non foi acorde a dereito”.
O parque de Corme xa está executado, e desde que entrou en vigor a norma de 2017 outras moitas iniciativas empresariais se beneficiaron igualmente da redución do prazo de exposición pública, entre protestas de colectivos sociais, ecoloxistas e de defensa do patrimonio. Pero a sentenza do TSXG chegou con outros moitos proxectos coa exposición pública xa realizada pero pendentes aínda de aprobación definitiva pola Xunta.
Ante esa resolución xudicial sobre Corme, a Xunta vén de publicar nas últimas semanas no Diario Oficial de Galicia unha quincena de resolucións cunha argumentación similar: “Vista a sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e aínda que a mesma non adquiriu firmeza e está sendo obxecto de impugnación e discusión en vía de casación pola Xunta de Galicia, en base ao principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, sométese de novo a información pública” os devanditos proxectos.
De momento as resolucións xa publicadas no DOG afectan a unha quincena de instalacións que suman 434 MW repartidos en 106 aeroxeradores e 23 concellos para os que os seus promotores estimaron un investimento para a súa execución material de case 360 millóns de euros. Son proxectos cuxa primeira resolución de exposición ao público por 15 días data de entre agosto e decembro do pasado ano, punto ao que agora se volve.
Nalgún caso a propia empresa promotora da instalación foi a que solicitou á Xunta repetir a exposición ao público por máis tempo do inicial
Nalgún caso a propia empresa promotora da instalación eólica foi a que solicitou á Xunta repetir a exposición ao público tras coñecerse a sentenza de Corme. Así o fixo, por exemplo, Adelanta Corporación SA, promotora dunha conexión do parque eólico de Beariz cuxa resolución inicial de exposición ao público por 15 días data de finais de decembro e foi publicada no DOG do 10 de xaneiro. O 26 de xaneiro, cinco días despois de coñecerse a sentenza de Corme, a empresa solicitou “que o período de información pública da instalación de referencia fose por un prazo de 30 días no canto dos 15 días en que xa estivo en exposición pública”.
A sentenza do TSXG que fixo ver á Xunta que as présas son contraproducentes chegou apenas unha semana despois de que o propio presidente Feijóo anunciase un novo incentivo para priorizar a tramitación dalgúns parques eólicos. Unha medida que anunciou que introduciría na nova lei de áreas empresariais que nada tería que ver co sector eólico e que malia contar xa daquela cun borrador de articulado aínda non foi remitida ao Parlamento tres meses despois.
Polo medio, a comezos de marzo, mes e medio despois da sentenza do TSXG sobre a redución de prazos en Corme, o Supremo ratificou tamén que noutro caso, o parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, a Xunta autorizouno tras non realizar unha correcta avaliación ambiental do mesmo, que fora fragmentado artificialmente para facilitar a súa aprobación.
Á súa vez, a propia Xunta admitiu, na lei de acompañamento dos orzamentos para este ano, que non é quen de tramitar todos os proxectos eólicos que lle piden e aprobou unha disposición que lle permite só sacar adiante os que ela mesma queira.
As decisions do Goberno galego de dotarse de máis discrecionalidade á hora de aprobar os parques, con máis flexibilidade para as empresas e menos dereitos para a cidadanía, sumadas as sentenzas en contra, están a provocar protestas sociais e de institucións
Estas decisións do Goberno galego de dotarse de máis discrecionalidade á hora de aprobar os parques eólicos, con máis flexibilidade para as empresas e menos dereitos para a cidadanía, sumadas ás sentenzas xudiciais que desmontan a súa xestión, están a provocar protestas sociais e de institucións como o Consello da Cultura Galega. Pola contra, a patronal eólica pide ao Goberno galego aínda máis medidas de “estímulo” do sector.
Pola súa banda, o Goberno de España tamén está a incidir na política da Xunta de reducir os prazos de tramitación dalgúns tipos de proxectos.