A Asociación Eólica de Galicia rexeita a moratoria da Xunta a novos proxectos e o aumento de distancias coas vivendas e poñen como exemplo a “harmonía” dos parques actuais coa súa contorna
A Asociación Eólica de Galicia, da que forman parte as principais empresas enerxéticas e consultoras do sector, vén de emitir un comunicado no que critica a moratoria de novos parques eólicos impulsada pola Xunta ante a súa incapacidade de tramitar todas as solicitudes que recibe. Malia esa eclosión de solicitudes de novos parques, que duplicarían a potencia dos xa en funcionamento instalados ao longo das últimas décadas, a asociación patronal considera que “o sector está paralizado en Galicia”. “Se realmente a Xunta desexa un desenvolvemento eólico, precísanse medidas de reactivación e estímulo”, di a asociación.
Actualmente hai en Galicia instalados preto de 200 parques eólicos con 4.000 aeroxeradores que suman preto de 4.000 MW de potencia. Pero xa están a tramitarse en distintas fases do procedemento tanto ante a Xunta como ante o Goberno de España preto de 300 novos parques que sumarían máis de 7.000 MW.
Ante esa situación, e a súa incapacidade de tramitar todas esas solicitudes, parte das cales non poderán saír adiante por carecer de autorizacións previas para a súa conexión á rede eléctrica ou por solaparse os proxectos entre si, a lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano vén de establecer unha moratoria de ano e medio na admisión a trámite por parte da Xunta de novos proxectos. A medida non impide que se sigan a tramitar os xa presentados nin que o Goberno galego poida autorizar de xeito discrecional novos parques mesmo fóra dos lugares previstos no seu plan para o setor. Por outra banda, tamén engade un aumento das distancias dos aeroxeradores aos núcleos urbanos en determinadas circunstancias.
Como se pode dicir que temos moitos proxectos en tramitación se descoñecemos cal é o obxectivo de desenvolvemento que queremos conseguir?”, di a asociación eólica
Ante esas medidas agora aprobadas polo Parlamento de Galicia, a asociación eólica di que a moratoria “debería quedar reducida ao mínimo posible, tería que servir para reflexionar conxuntamente sobre calquera disposición relevante que poida repercutir no sector. Como se pode dicir que temos moitos proxectos en tramitación se descoñecemos cal é o obxectivo de desenvolvemento que queremos conseguir?”, pregúntase. E considera que o sector está "paralizado" en Galicia porque nos últimos dous anos só se instalaron 100 MW novos.
A patronal asegura tamén que a enerxía eólica é “totalmente compatible” co medio rural e “non hai que incrementar as distancias para garantir a compatibilidade urbanística” xa que “a mellor proba son os 180 parques existentes que conviven de forma totalmente harmoniosa coa súa contorna”.
“Estase xerando un debate artificial por parte dos que ó teñen un obxectivo: que en Galicia non se constrúan parques eólicos”, asegura a entidade.