En plena crise industrial eólica, tras o último anuncio de peche por parte de Vestas en Viveiro, e cun crecemente movemento social contra a proliferación de megaproxectos en Galicia, a patronal alerta da "demonización" dun sector que, di, será o futuro en Galicia e do que depende en boa parte o seu desenvolvemento económico nos vindeiros anos. Manel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), asegura que a criticada "avalancha" de muíños non é tal, advirte da paralización na construción de parques e das súas consecuencias para o emprego, pon deberes ás administracións e recrimina algunhas protestas.
Que ocorre coa industria vinculada ao sector eólico en Galicia?
En Galicia, durante moitos anos, fixéronse moitos parques, case todos os fabricantes estaban aquí e os portos cheos de compoñentes eólicos para a exportación. Eramos a primeira potencia española e a cuarta a nivel europeo. Das grandes empresas pasouse logo a moitas auxiliares e segue habendo máis de cen industrias deste tipo, pero no último ano e medio perdemos un milleiro de empregos.
O persoal de Vestas fala dunha nova "deslocalización", un intento por abaratar custos, é así?
Despois da crise da COVID houbo países que reaccionaron cunha gran capacidade e moita rapidez no sector. China impulsou 45.000 MW nun ano e os Estados Unidos, aínda con Trump, 20.000, mentres que en toda Europa foron 10.000. Á hora de buscar onde facer investimentos, as empresas elixen lugares onde hai actividade e onde non teñen que reformular a súa loxística á hora de producir e transportar. Vestas non só decidiu pechar en Viveiro, senón tamén unha fábrica no seu propio país e outra en Alemaña. En Galicia, despois dun trimestre con perdas, optou tamén por marchar.
"As empresas viñan a Galicia porque se estaban instalando parques eólicos e agora marchan a outras zonas de máis actividade"
A EGA sentencia que "se non hai megavatios en desenvolvemento, non hai fábricas". É tan sinxelo o diagnóstico?
É que iso xa pasou. A industria e as empresas viñan aquí porque se estaban instalando parques. Durante unha década, a instalación foi constante e creouse emprego, pero logo abríronse oportunidades noutros sitios pola parálise que aquí houbo e moitas compañías marcharon a Castilla y León, Aragón ou Castilla-La Mancha ou outras comunidades, fabricando compoñentes alí onde se instalaban os aeroxeradores. Nos últimos anos en España instalouse a un ritmo de 2.000 MW anuais mentres que en Galicia estamos en 100. Á hora de realizar grandes investimentos e decidir onde situarse, as empresas acaban apostando polas zonas de máis actividade. O problema en Viveiro foi que a tecnoloxía avanzou, houbo cambios nalgúns dos compoñentes que se fabrican e agora hai que realizar un investimento importante e apóstase por outros lugares. Dóeme o que ocorre porque hai traballadores alí cunha cualificación importante e hai casos nos que non terán problema en traballar noutras empresas porque non hai técnicos especializados coma eles... Pero é lamentable o que está a pasar na Mariña e no norte de Galicia.
Urxe unha solución?
Non podemos seguir así. No sector levamos moitos anos advertindo de que para conservar a industria auxiliar precisamos seguir crecendo e poñer todos os instrumentos enriba da mesa para elixir por fin cales son as zonas realmente construíbles e polas que apostar, tanto na eólica terrestre como na mariña. Temos o obxectivo de chegar aos 12.000 empregos en Galicia a través destas dúas industrias.
"O lema 'macreólicos non' xa está vinculado ao sector e iso non é bo para Galicia porque espanta investimentos e fabricantes"
Pero en Galicia hai milleiros de megavatios en trámite e unha contestación social e de gobernos municipais importante por unha "avalancha" de proxectos eólicos...
O sector pide a instalación de 500 MW anuais, ata os 2.500 en cinco anos, cando na actualidade en Galicia hai solicitados 15.000 e teñen acceso á conexión entre 9.000 e 10.000. En definitiva, sabemos que a maioría dos parques solicitados non se van facer porque as tramitacións son moi longas e porque moitos van ser rexeitados. Por iso non se poden crear plataformas antieólicas porque si, nin crear lemas como "macroeólicos non"... É un lema que xa está vinculado ao sector, que non é bo para Galicia e que espanta investimentos e fabricantes.
Daquela, nin o sector nin ningunha administración errou na planificación, nin nas expectativas...
Pode ser certo que parte da culpa sexa das administracións ou do propio sector por non saber difundir a idea da política de transición enerxética necesaria que afronta Europa. Ao final, o futuro de Europa está sendo demonizado en Galicia por cuestións políticas. Non pode ser que todos os parques eólicos sexan negativos cando alí onde estamos a xente está contenta. Somos o sector que máis paga aos propietarios dos terreos, pero hai logo uns líderes, unha parte da sociedade, que está a machacar calquera cousa que se presente relacionada co eólico. Non falamos de opoñerse a proxectos en Pena Trevinca ou nos Canóns do Sil, senón de que se está a dicir que "macroeólicos no rural non"... E iso non pode ser. É un lema difundido por un partido que no seu tempo montou máis parques eólicos en tres anos que os que se montaron nos últimos 14.
"Non se pode dar a impresión de que calquera instalación eólica é negativa; se ergues unha bandeira antieólica, as empresas e o capital marchan"
Refírese a un partido, pero na oposición a moitos deses macroparques eólicos hai Concellos gobernados por diferentes formacións políticas, asociacións e plataformas veciñais e nalgún caso a Xunta.
Pedimos que se poñan de acordo sociedade, partidos, administracións... Non se pode dar a impresión de que calquera instalación de calquera parque eólico é algo negativo cando aló onde estamos temos boa relación cos concellos e coa veciñanza. Estamos na terceira parte dos municipios galegos e choca ver agora estas reaccións. Se ergues unha bandeira antieólica e tiras cara adiante, ao final as empresas e o capital marchan.
Insisto: hai moitos concellos que presentan alegacións ou as impulsan pola afectación que os proxectos teñen á vida e á economía da zona.
Vostede cre que se un macroparque ten a oposición do Concello e da veciñanza da zona vaise acabar facendo? Vaise meter un banco a financiar un proxecto nun lugar onde se opoñen a el? Esquézase. Iso non vai ocorrer e, ademais, moi probablemente ese proxecto sería informado negativamente por parte das administracións.
"A día de hoxe non se constrúe ningún parque en Galicia e só hai autorizados 200 MW; ármase un barullo que non se corresponde coa realidade"
Daquela, a maioría dos proxectos agora en tramitación non van ser aprobados?
É que non estamos a falar de parques planificados, senón de propostas. Iso non significa que todos os proxectos que se presentan acaben instalándose, nin moito menos. O Goberno central e a Xunta abriron a man e deixaron entrar libremente moitas iniciativas, de aí que moreas de empresas presenten a documentación nun primeiro trámite que non esixe moito; eses documentos acábanse publicitando e hai quen pensa que é algo definitivo e non é así. Os proxectos dos parques deberían pasar antes un filtro para evitar toda esta revolta social contra os eólicos.
Non dar tantos datos, quere dicir?
Debería haber un filtro no Ministerio ou na Xunta e non publicarse todo para que non se creasen problemas sociais que non existen. Coñezo Galicia, proveño do mundo ecoloxista e pelexei durante anos para impulsar a enerxía eólica contra os combustibles fósiles... De verdade cremos que o capital vai investir onde teña problemas cos propietarios e cos Concellos? Non. O capital é moi covarde.
Non hai razón para esa resposta social, daquela?
Eu só constato a realidade: en Galicia, agora mesmo, os parques que se están a construír son cero; e autorizados ambientalmente só hai 200 MW en dous anos. Estase armando un barullo que non se corresponde coa realidade.
Cal é a realidade?
Aquí non vai haber expropiación masiva ningunha nin se van invadir terreos de ninguén. Estase intentando demonizar un sector que é o futuro da economía europea e de Galicia. Insisto: hai presentados proxectos en Galicia por 15.000 MW, aproximadamente, entre os que tramita o Ministerio e os que tramita a Xunta, e o sector reclama 2.500 para os próximos cinco anos. Iso dá a perspectiva do que hai e do que se poderá facer ou non.
"En Galicia hai presentados proxectos eólicos por 15.000 MW pero o sector pide 500 MW ao ano"
Pero algunha razón haberá a este movemento tan heteroxéneo contra algúns parques.
Entraron axentes externos máis especuladores, é certo, pero precisamente por iso é necesario un pacto: falar, negociar e non coller como bandeira o "non" á eólica terrestre ou á eólica mariña. Son o futuro da economía. Se non tivésemos que importar gas, o prezo da enerxía estaría polo chan. De feito, de cumprirse as expectativas, o importe debería baixar en cinco anos aos 50 ou 40 euros o MW/hora porque sobrará enerxía se aproveitamos a do sol e a do vento, ademais de poder fabricar tamén hidróxeno barato.
Entre as críticas das plataformas contra os macroeólicos insístese na maior facilidade da normativa para a tramitación e autorización dos parques. É así?
Non é así. A normativa é moito máis esixente; hai quince anos non se pedía case nada, pero agora os estudos do impacto na avifauna ou do ruído son moito máis esixentes, tamén polo que se deriva da lexislación europea.
Tamén se di que a normativa estaba pensada para muíños máis pequenos e non para algúns que agora poden chegar aos 200 metros de altura...
Aí hai unha contradición porque en moitas repotenciacións que se están a facer substitúense seis máquinas por unha das novas, e entendo eu que seis máquinas producirán máis impacto que unha. Hai pouco dicíase que era moito mellor un aeroxerador grande que non seis pequenos na mesma zona, e agora parece que é ao contrario. É certo que o impacto da turbina é máis visible, pero o do ruído, por exemplo, é moito menor.
"Galicia ten sitio dabondo para poñer eólicos para eses 500 MW anuais que pide o sector sen crear problemas a ninguén"
Entre as empresas activas contra o modelo eólico actual destaca Casa Grande de Xanceda, que foi posta como exemplo de revitalización do rural e da súa economía.
En Casa Grande de Xanceda non queren ver turbinas a dez quilómetros e terán as súas razóns, pero queixar por queixarse, non. Hai xente á que non lle gustan os eólicos, que tampouco o quere nos seus concellos... O que teño claro é que se os propietarios dos terreos non queren un parque, nese terreo non se vai poñer. Galicia ten sitio dabondo para poñer os eólicos que suporían eses 500 MW anuais que reclama o sector sen crear problemas a ninguén, iso seguro.
E en medio de todo isto, empresas da industria auxiliar eólica deixan Galicia e marchan a Portugal. Por que?
Respecto de Portugal, Galicia conta cunha vantaxe moi grande, que é a especialización do sector naval. A industria eólica non deixa de ser unha diversificación do naval, empregando practicamente os mesmos materiais. Portugal cóllenos vantaxe, iso si, nos custos de producion máis baratos ou na facilidade para atopar solo industrial. Ademais, alí calquera autorización depende case exclusivamente de Lisboa e non da normativa de cada autonomía, polo que todo se fai máis rápido. Aí a Xunta ten que moverse, acelerar os procesos administrativos, sobre todo nesta época de crise industrial. En certo modo, ocorre o mesmo cando comparamos os trámites aos que obriga a UE coa axilidade que se dá nos EUA ou no mercado asiático.
Carece Galicia de mellores infraestruturas de comunicación para facilitar a exportación dos compoñentes eólicos?
Infraestruturas temos. Sen ir máis lonxe, uns portos baleiros agardando ocupar todo o espazo que vai deixar o carbón que xa non se vai usar.
"Precisamos planificación, sentarnos todas as partes e chegar a un acordo, en lugar de fomentar a competencia política e as bandeiras"
Entón?
De conseguirmos eses 500 MW anuais, só en construción crearíanse 5.000 empregos, pero esa construción debe ser constante, o que non pode ser é que en 2019 se instalen 400 MW e en 2020, ningún. Precisamos planificación, sentarnos todas as partes implicadas e chegar a un acordo, en lugar de fomentar a competencia política e as bandeiras. Hai que acordar, apostar pola eólica terrestre e mariña e deixar de pelexar todo o día.
Cre que Galicia chega tarde á eólica mariña?
Galicia está a perder unha oportunidade única, a maior que ten nos vindeiros anos. Temos todo en Galicia para impulsar esta industria pola que pelexan todos os portos do norte de España. Sabemos construír plataformas, temos os guindastres necesarios, empresas auxiliares e un sector naval para o que este sector é unha diversificación máis na que xa ten experiencia. Estamos falando da posibilidade de entre 10.000 e 12.000 postos de traballo.
Pero hai polémica pola afectación que pode ter sobre a pesca...
A polémica existe, claro, pero hai mar para todos. Coas tecnoloxías actuais, os parques eólicos poden estar a 40 ou 50 quilómetros da costa. Que pode haber algúns atrancos? Claro, pero é cuestión de debatelo, poñer límites e zonas prioritarias como se fai en todos os países. Non podemos ver como noutros lugares se desenvolve esta industria mentres en Galicia seguimos a darnos cabezadas nós mesmos. Falta coñecemento sobre a eólica mariña.
"Nin se pode botar a culpa de todo ao Estado, nin á Xunta. E o BNG tampouco pode coller a bandeira antieólica"
Ademais, hai mesmo sentenzas que acusan empresas de fragmentar un gran parque eólico en varios para facilitar a súa autorización ambiental.
Aquí hai un problema de competencias, pero esas acusacións xa non teñen sentido. Agora é imposible porque á hora de definir o impaco ambiental tes que referir todas as sinerxías cos parques do redor. Outra cousa é que a lexislación teña que cambiar, porque o límite de ata 50 MW para que o parque poida ser tramitado pola Xunta e non pase ao Estado fíxose no seu día ante a posibilidade de que unha grande instalación puidese desestabilizar o sistema eléctrico e iso agora non ten sentido. As autonomías deberían ter máis competencias á hora de tramitar e debería lexislarse mellor porque hai moita indefinición.
Botando a vista atrás, canto dano fixo a inseguridade xurídica e a parálise no sector que provocou a anulación do concurso do bipartito e as posteriores batallas xudiciais?
Aquela inseguridade xurídica fixo moito dano, máis aló do recorte das primas ás renovables, que tamén. O goberno bipartito tardou de máis en convocar o concurso e cando se fai, logo cambia o Goberno e suspéndese... Por todo o que pasou pedimos un pouco de cabeciña política. Non se pode estar botando a culpa ao Ministerio de todo desde un lado e á Xunta desde o outro. E o BNG tampouco pode coller a bandeira antieólica. Pensemos na xente, no futuro de Galicia, porque estamos a quedar sen industria. Se tivésemos enerxía máis barata, por exemplo, os problemas de Alúmina non serían os mesmos.
E que debe facer a UE ou o Estado para apostar máis pola eólica?
A UE vai moi lenta, mentres os mercados asiático e norteamericano tiran para diante, aquí queda moito por facer. A nivel estatal hai un Plan Nacional de Enerxía e Clima de cara a 2030 ao que lle falta o impulso. Hai planificación pero debemos espabilar para non quedar atrás. A política enerxética de Europa estase centrando en baixar o prezo da luz mentres seguimos tendo unha gran dependencia de combustibles fósiles e de países como Rusia e Arxelia, co importe das materias primas totalmente desbocado... É o momento de apostar de vez polas enerxías renovables e pola eólica.