O desmantelamento da industria eólica afonda na crise industrial do norte de Galicia

Aeroxeradores e parques eólicos desde o Cadramón, na Serra do Xistral CC-BY-SA Praza Pública

LM Composites, Gamesa, Danigal, Alstom... Son algunhas das empresas da industria vinculada ao sector eólico que pecharon os últimos anos só no norte de Galicia. Unha listaxe ampla que deixou polo camiño centos de empregos e á que se vén de unir Vestas, tras anunciar que cesará a produción a finais de ano na planta de Viveiro na que traballan 115 persoas. 

Os peches de Vestas e Gamesa supoñen outro golpe á industria auxiliar eólica e ao emprego no norte de Galicia, que acumula o 30% dos aeroxeradoes do país

As Somozas, Narón, As Pontes ou Viveiro son algúns dos últimos municipios afectados directamente por peches e un devalo constante da industria auxiliar eólica con consecuencias que se espallan, moi especialmente, polas comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña. As mesmas que se manteñen expectantes pola incerteza do futuro de Alcoa ou o proceso de desmantelamento iniciado na central térmica pontesa de Endesa. 

Só no último ano, a marcha de Vestas e Gamesa afecta 330 empregos directos na industria dun sector que ten nestas catro comarcas do norte o 30% dos aeroxeradores instalados en Galicia, case o 50% de incluír tamén os concellos limítrofes de Muras e Abadín. 

Fábrica de Vestas en Chavín, Viveiro © Google

Coa produción de pas, ao que se dedicaran varias empresas, finiquitada xa en Galicia, Vestas porá fin á construción de aeroxeradores terrestres e paneis de control para a eólica mariña, logo de que anteriormente Alstom pechase as plantas para a ensamblaxe. Como antes fixeran outras fábricas de compoñentes noutros puntos do país. 

Gamesa pechou ao pouco de mercar unha planta en Aveiro e Vestas faino logo de investir con forza no Porto, onde ten un centro de I+D

Siemens-Gamesa anunciou o peche pouco despois de mercar unha planta en Portugal, en Aveiro, e Vestas faino logo de que nos últimos anos investise con forza no mesmo país, construíndo un centro de I+D no Porto.

O economista e investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC, Pedro Varela Vázquez, coautor xunto a Carmela Sánchez dun relevante estudo sobre o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia, xa advertira da "vantaxe" que Portugal estaba collendo no sector fronte ao "absentismo que houbo en Galicia" á hora de reforzar o seu tecido produtivo. A planta que Vestas montou no Porto recibiu soporte financeiro publico de fondos comunitarios, ademais de incentivos fiscais. 

"Portugal facilita ao sector eólico solo industrial case de balde e localizacións preferentes ao carón de grandes vías de comunicación"

"Nas últimas normativas en Galicia do sector non hai planificación nin política industrial e iso non axuda", destacaba en Praza.gal, onde aludía tamén ás "facilitades estruturais cara á industria" que ofrece o Goberno luso pero tamén dos seus "maiores esforzos no desenvolvemento tecnolóxico, no que leva apostando desde hai vinte anos cunhas políticas de I+D+i e investimento moi fortes". 

Rosa Regueiro, profesora de Economía Aplicada na USC, experta en enerxía e autora d'A propiedade do vento galego, destaca tamén que a industria auxiliar do sector eólico "estivo aquí pero marchou para Portugal ou Castilla y León". "Por unha cuestión de custos: o primeiro que fixeron en Portugal foi facilitar solo industrial practicamente de balde e localizacións preferentes ao carón de grandes vías de comunicación, algo moi importante para esta industria", di, alén da aposta pola investigación e sinalando a necesidade dunhas políticas públicas de promoción industrial axeitadas, pero tamén de políticas de desenvolvemento global, de apoio ao rural, de aposta polas boas infraestruturas. 

Corte na estrada que une As Pontes e Ferrol por parte de persoal de Siemens Gamesa © UGT

O norte de Galicia, coa inmensa maioría dos parques eólicos instalados e o pulo dunha industria vinculada agora esmorecendo, carece das infraestruturas e facilidades de comunicación que si ofrecen outras zonas, máis aló do influxo engadido da deslocalización e do abaratamento nos custos de produción.  

"Estamos falando de compoñentes moi pesados e voluminosos cuxo custo loxístico para o transporte é altísimo, o que dificulta a súa exportación", advertía Varela Vázquez, tras sinalar que o impulso que á eólica mariña, pero tamén á instalación en terra, se dá en Portugal, Francia ou outros países de Europa está a inclinar tamén a balanza cara a outras localizacións.

Porque, como destaca Regueiro, a importancia da industria auxiliar é clave. "O sector eólico é intensivo en capital pero non é intensivo na creación de emprego, sobre todo no que se refire á construción dos parques; outra cousa é todo o que de aí se deriva: fabricación de compoñentes, mantemento, reparación... Eses son os postos de traballo que se localizan, que se manteñen e que supoñen un efecto arrastre e de atracción para outras actividades económicas e para fixar poboación", insiste. 

"Se queremos fixar unha industria hai que apostar por unha promoción industrial que tire dela, como fixeron outros. Non é doado, pero é cuestión de establecer prioridades cando os fondos non son moitos e ter en conta que as empresas que están detrás de actuacións como a de Vestas son multinacionais que se moven a onde o capital dá máis beneficios da forma máis rápida", resume

Varela Vázquez xa advertira de que "falta un mercado local que apoie estas empresas" da industria auxiliar que naceron "ao abeiro duns incrementos de potencia instalada moi grandes e dunhas políticas industriais moi ambiciosas e de contido local". 

"Daquela apoiábase e fomentábase que os promotores tivesen que contratar con empresas da contorna unha porcentaxe determinada de compoñentes e aeroxeradores, pero iso desapareceu das normativas autonómicas hai algo máis dunha década", lembra quen bota en falta tamén "políticas industriais claras" e unha "planificación plurianual e regular que non houbo nos últimos 13 ou 14 anos".

Parque eólico no municipio de Abadín CC-BY-SA Praza Pública

Regueiro lembra tamén como o decreto eólico do goberno bipartito da Xunta, "sen ser perfecto, fomentaba a participación da sociedade e das comunidades locais". Nos criterios de valoración para a selección de proxectos tíñase moi en conta o impacto socieconómico, os investimentos en empresas e tecnoloxía, os postos de traballo permanentes, as iniciativas para infraestruturas básicas ou a participación pública. 

"O decreto eólico do bipartito, sen ser perfecto, fomentaba a participación da sociedade e das comunidades locais"

"Coas leccións que nos deu a crise sistémica e a do COVID, deberíamos ter claro que non se pode deixar fóra unha parte da sociedade; aquel modelo de hai máis dunha década apoiábase no danés, pioneiro e que segue a triunfar porque nos proxectos participan todos e mesmo os propietarios dos terreos poden ser accionistas, algo impensable aquí", destaca Regueiro, que sinala que son esas políticas as que "axudan a que todos os axentes participen, que haxa promoción no ámbito local e que se fixe poboación ao crear actividade económica". 

"Se todo vén de fóra e todo se acaba deslocalizando, o que fas é traer ingresos rápidos uns cantos meses, pero non riqueza; a riqueza ten que asentar", sentencia a profesora sobre un futuro para o sector eólico que teima en destruír industria auxiliar mentres as estimacións do Observatorio Eólico de Galicia falan de 36 macroparques en fase de tramitación por parte de Estado que suman uns 3.000 MW de potencia en total, algo máis de tres cuartos da instalada xa non país. Unidos aos que tramita a Xunta, serían arredor de 200 os parques pendentes de aprobación no territorio galego, que xa supera os cen concellos con instalacións eólicas e os 4.000 aeroxeradores. 

"Unha deslocalización máis"

Mentres, os sindicatos UGT e CCOO instan a Xunta e Goberno a "implicarse" e "impedir" o peche de Vestas en Viveiro, que enmarcan "nun proceso máis de deslocalización dos que ten sufrido o tecido industrial galego" e que cualifican de "duro golpe" para A Mariña, á que se lle suma a situación de Alcoa. 

Neste mércores, a CIG insistiu no "absoluto rexeitamento" aos despedimentos por "unha decisión empresarial que non ten máis motivación que deslocalizar a produción para incrementar os beneficios".

Ademais, a Deputación de Lugo aprobou unha declaración institucional "en apoio dos traballadores e traballadoras e das súas familias". O BNG, pola súa banda, esixiu "medidas urxentes diante do proceso de desmantelamento industrial e perda de emprego que sofre A Mariña", mentres que o PSdeG reclama tamén un "plan de industrialización" na comarca e a "intervención" da Xunta para evitar os despedimentos. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.