O devalo paseniño da industria asociada ao sector eólico en Galicia sufriu esta semana un novo golpe. O anuncio de Siemens Gamesa do peche da súa planta de pas nas Somozas non só supón unha nova labazada ao emprego, co despedimento previsto de 215 persoas, senón tamén a fin da produción deste compoñente dos aeroxeradores no país e o punto final a unha nova empresa xurdida ou impulsada ao abeiro do dos muíños de vento.
Meses despois de que Endesa anunciase o peche da central térmica e a aposta polas renovables, a 20 quilómetros Gamesa pecha unha planta de pas de eólicos
De pouco parece servir que Galicia intalase en 2019 o dobre de potencia eólica que en toda a década anterior, que a tendencia fose semellante en 2020 ou que o sector represente perto do 1% do PIB galego e supoña uns 7.000 empregos. Tampouco a cacarexada aposta política e das administracións pola transición enerxética, acentuada pola pandemia. Poucos meses despois de que Endesa solicitase o peche da central térmica das Pontes e situase a aposta polas renovables como alternativa, a menos de 20 quilómetros Siemens Gamesa decidiu desmantelar unha fábrica de pas para aeroxeradores.
"É inaceptable; carbón non, renovables si, pero o emprego que xeran, tampouco", lamentou Ángel Mato, alcalde de Ferrol, cabeceira dunha comarca afectada de cheo pola perda de emprego e industria nos últimos anos, xunto a Eume, o Ortegal ou A Mariña, ameazadas agora tamén polas intencións de Endesa e Alcoa e a falta de plans concretos de futuro.
Gamesa, LM Composites, Ventogal, Alstom... Varias empresas vinculadas ao eólico pecharon nos últimos anos en Galicia
Co peche de Gamesa ponse fin á produción de pas no país. Non hai tantos anos, había tres empresas dedicadas ao sumarlle LM Composites, pechada en 2010 logo de trece anos de actividade, ou Danigal, ambas nas Pontes. En 2013, tamén nas Somozas e en Narón, pechou Alstom, encargada da ensamblaxe de aeroxeradores.
Antes caera Coruñesa de Composites, subministradora tamén de compoñentes para os muíños de vento, ou Ventogal, que se unía a unha longa lista de despedimentos, redución de actividade ou peches do que fora un consolidado tecido industrial na fabricación de compoñentes --tamén torres ou góndolas-- ou mantemento no eólico, especialmente no norte de Galicia. Gamesa, que agora pecha nas Somozas, investiu en Galicia creando tamén unha planta en Bergondo, xa pechada, outra en Sigüeiro, agora centrada nas multiplicadoras, e outra en San Cibrao das Viñas, que quedou en mans de Coasa.
"É algo que vén sucedendo aos poucos desde hai algo máis dunha década, non só con filiais de grandes empresas, senón con pequenas compañías que se viron prexudicadas polo parón eólico e logo pola crise financeira logo de especializarse ou vincularse ao eólico", explica o economista e investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC, Pedro Varela Vázquez, coautor xunto a Carmela Sánchez do estudo sobre o impacto socioeconómico do sector en Galicia publicado na prestixiosa Renewable and Sustainable Energy Reviews.
A situación actual, explica, é "moi complexa". "O de Gamesa é un capítulo máis, pero non sei se o último", engade quen explica que "falta un mercado local que apoie estas empresas" que naceron "ao abeiro duns incrementos de potencia instalada moi grandes e dunhas políticas industriais moi ambiciosas e de contido local".
"Apoiouse e fomentouse que os promotores contratasen con empresas da contorna unha porcentaxe determinada de compoñentes, pero iso desapareceu"
"Daquela apoiábase e fomentábase que os promotores tivesen que contratar con empresas da contorna unha porcentaxe determinada de compoñentes e aeroxeradores, pero iso desapareceu das normativas autonómicas hai algo máis dunha década", lembra Varela Vázquez, que bota en falta tamén "políticas industriais claras" e unha "planificación plurianual e regular que non houbo nos últimos 13 ou 14 anos".
Son algúns dos problemas para este tecido industrial vinculado ao sector eólico, pero hai máis. "Estamos falando de compoñentes moi pesados e voluminosos cuxo custo loxístico para o transporte é altísimo, o que dificulta a súa exportación", engade, tras advertir de que o impulso que á eólica mariña, pero tamén á instalación en terra, se dá en Portugal, Francia ou outros países de Europa inclina tamén a balanza cara a outras localizacións.
Precisamente, o peche da factoría de Gamesa nas Somozas está vinculado á compra, hai dous anos, doutra planta de pas en Portugal. Ademais, e segundo denuncia o presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a multinacional "está a montar" outra fábrica para estes compoñentes de aeroxeradores en Francia. "O Goberno francés obrígalle se quere instalar alí parques eólicos, mentres que de aquí está marchando", asegurou nunha xuntanza na que alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal fixeron "fronte común" fronte á desindustrialización da zona.
O peche de Gamesa vincúlase á instalación dunha planta en Portugal e á construción doutra en Francia; "Ambos países son máis ambiciosos no sector"
"Francia ou Portugal están sendo moito máis ambiciosos, tanto na eólica mariña como no sector en xeral; se aquí se instala menos, a Gamesa ou a calquera empresa vaille saír máis rendible, por proximidade aos seus principais mercados, fabricar eses compoñentes tan voluminosos máis perto deles", engade Varela Vázquez, que insiste en reclamar "ambición" na planificación e en políticas industriais "máis locais".
"Quizais a palabra proteccionismo soe forte, pero o sector eólico é un sector moi regulado e as políticas de impulso sempre foron e seguen sendo locais", explica quen reclama que a Xunta, quen máis competencias ten no ámbito, "non sexa absentista" fronte ás políticas doutros países.
"En Galicia houbo absentismo e nas últimas normativas do sector non hai planificación nin política industrial e iso non axuda"
"En Galicia houbo absentismo e nas últimas normativas do sector non hai planificación nin política industrial e iso non axuda", explica este experto no sector, que cre que a maneira de impulsar o sector e a súa industria é a través de "políticas públicas". Ademais, advirte da "vantaxe" que están a coller países como Portugal.
"Ten máis facilitades estruturais cara á industria, pero tamén fai maiores esforzos no desenvolvemento tecnolóxico, no que leva apostando desde hai vinte anos cunhas políticas de I+D+i e investimento moi fortes", resume.