Un golpe máis para Ferrolterra e para o norte de Galicia. Siemens Gamesa anunciou este luns que pechará a súa planta das Somozas, así como a factoría de reparación de pas que ten en Cuenca.
A decisión de Siemens Gamesa afecta 215 traballadores da planta das Somozas
Nun comunicado dirixido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a empresa aclara que "ten a intención de iniciar un procedemento de despedimento colectivo para proceder á extinción dos centros de traballo/fábricas de SGRE Eólica". A decisión afecta 215 traballadores en Galicia e 51 na Mancha, logo de que nos últimos meses a compañía xa fose despedindo operarios nas Somozas.
Nesta mesma mañá, o persoal tiña previsto unha manifestación ás 9 horas que foi suspendida xa que a empresa prevé entregarlles a documentación de despedimento aos traballadores.
Persoal e administracións consideran "incomprensible" o peche nuns tempos nos que o sector eólico supón "un montor de recuperación da crise pola COVID"
De nada serviron, polo momento, as reivindicacións dos operarios, que levan tempo reclamando a Siemens Gamesa que aposte por seguir producindo en España e que se preguntan "que fai esta multinacional mercando pas en Portugal para montalas en Burgos". "Resultaría incomprensible un peche industrial na actual conxuntura, na que o sector eólico se presenta como un motor de recuperación da situación de crise orixinada pola COVID-19", din os sindicatos.
Os traballadores lembran que se prevé que nos vindeiros anos se incremente a creación de parques eólicos en todo o Estado Español e a instalación de novos e máis grandes aeroxeradores, o que elevará a demanda de pas como as que se fabrican nas Somozas. En concreto, de cara a 2030 estímase un incremento en Galicia de ata 450 megavatios anuais para a produción de enerxías renovables.
Ante esta noticia, o Goberno central, a Xunta e o Goberno de Castilla-La Mancha rexeitan o anuncio de Gamesa e expresan o seu "total compromiso para buscar solucións". E lembran que o peche é provocado pola posta en marcha dunha planta en Portugal coa que a empresa abarata os custos. Unha instalación construída en 2019 e que goza de mellores conexións. Con todo, advirten de "opciones de viabilidade alternativas" para a empresa e advírtenlle do "contexto favorable" que para o sector ofrece a transición enerxética.
Desa mesma transición depende o futuro da central térmica das Pontes, co peche anunciado e a tan só uns quilómetros da planta de Gamesa. Non moito máis lonxe, A Mariña loita contra as intencións dun despedimento colectivo en Alcoa. Ferrolterra, Eume, Ortegal e A Mariña manteñen o alento ante as malas noticias económicas que non se deteñen nos últimos anos.