O persoal de Gamesa mantén as mobilizacións ante a incerteza polo futuro da planta das Somozas e corta a autovía AG-64

Corte na estrada que une As Pontes e Ferrol, este luns © UGT

Na actualidade 240 persoas traballan na fábrica, despois da destrución de 59 postos de traballo hai unhas semanas

O persoal da planta de Gamesa Siemens nas Somozas cortou na mañá deste luns a autovía AG-64, que une Ferrol e As Pontes, nun novo acto de protesta ante a incerteza que paira sobre o futuro da factoría. O persoal da fábrica das Somozas iniciou hai unha semana unha serie de mobilizacións para esixirlle á empresa que manteña a carga de traballo, instando a Xunta e Goberno central a que "xunten esforzos para que a multinacional se comprometa a seguir fabricando neste país". Na actualidade 240 persoas traballan na fábrica, despois da destrución de 59 postos de traballo hai unhas semanas.

Protesta ante as instalacións de Siemens Gamesa nas Somozas © UGT

A pesar do contexto favorable no sector eólico, o comité de empresa denuncia que "a día de hoxe non hai confirmación de novos pedidos e xa hai seccións que acabaron a súa produción o que sitúa a esta planta nunha situación crítica"

Os traballadores lembran que se prevé que nos vindeiros anos se incremente a creación de parques eólicos en todo o Estado Español e a instalación de novos e máis grandes aeroxeradores, o que elevará a demanda de pas como as que se fabrican nas Somozas. En concreto, de cara a 2030, estímase un incremento en Galicia de ata 450 megavatios anuais para a produción de enerxías renovables.

A pesar deste contexto favorable, o comité de empresa denuncia que "a día de hoxe non hai confirmación de novos pedidos e xa hai seccións que acabaron a súa produción o que sitúa a esta planta nunha situación crítica". Isto pon en perigo, de xeito inmediato, 29 postos de traballo, pois este luns 21 de decembro vencen 29 contratos temporais que “case con toda probabilidade non serán renovados”, sinala o Comité. Esta trintena de traballadores sumaríase aos 59 que xa tiveron que marchar hai un mes.

Dende hai varios días, o persoal da factoría está a levar a cabo concentracións en varios puntos da comarca e, igualmente, iniciou unha folga (con amplo seguimento) que incluíu a realización de piquetes para evitar a saída de pas dende a fábrica e dende o centro loxístico, situado nos arredores.

Corte na estrada que une As Pontes e Ferrol, este luns © UGT

CCOO denuncia que a compañía xa adoptou a decisión de pechar a factoría e acúsaa de manter unha "posición altiva" durante as negociacións e conversas que se están levando a cabo. Porén, a dirección da multinacional Siemens Gamesa continúa afirmando que a decisión "non está tomada". Mentres, tanto a Xunta como o Ministerio para a Transición Ecolóxica esíxenlle á multinacional de aplicar “os investimentos necesarios na fábrica das Somozas” para garantir a súa continuidade.

Os traballadores reclaman a Siemens Gamesa que aposte por seguir producindo en España e pregúntanse "que fai esta multinacional mercando palas en Portugal para montalas en Burgos". De igual xeito, UGT sinala que "resultaría incomprensible un peche industrial na actual conxuntura, na que o sector eólico se presenta como un motor de recuperación da situación de crise orixinada pola COVID-19". Pola súa banda, Manuel Grandal (CIG) denuncia que Siemens Gamesa pretende levar a cabo un proceso de "deslocalización, tal e como xa aconteceu hai ben pouco con Poligal".

Concentración do persoal de Gamesa Siemens das Somozas © UGT
Protesta realizada a pasada semana ante o proceso de desindustrialización da comarca de Ferrolterra © UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.