"O máis difícil era crer o que estabas lendo e que o crese tamén a veciñanza. Agora, coa avalancha de parques eólicos en tantos sitios, a xente está máis concienciada, reacciona rápido e axiña se mobiliza contra os proxectos".
A proliferación de megaparques espalla a mobilización cidadá e fai agromar moreas de plataformas veciñais contra o modelo eólico en Galicia
A proliferación masiva de megaparques en tramitación en Galicia espalla como nunca a mobilización cidadá contra o modelo eólico. Cabanas, Neda, Moeche, As Pontes ou Xermade son as últimas localidades onde agromaron plataformas veciñais para se opoñer ás intencións de grandes compañías. Antes foron Aldeas Libres de Macroeólicos (contra o proxecto de Ordes-Curtis), Courel Libre de Eólicos, A Capela di Non, SOS As Encrobas, Stop Eólicos Xurés-Celanova, Neda di non ao parque eólico, Monfero di Non... Ducias e ducias. Entre todos xuntan ou preparan milleiros de alegacións e seguen a mobilizarse.
O proceso adoita ser case idéntico en todas as localidades. Veciños descobren, a través do Boletín Oficial do Estado (BOE), das intencións dalgunha grande eléctrica para instalar no seu concello ou parroquia un megaparque eólico que implica grandes aeroxeradores --na actualidade son moitos os que superan os 200 metros de altura--, longas liñas de alta tensión ou subestacións a poucos metros de casas ou explotacións agrícolas. A veciñanza organiza xuntanzas, advírtese dos riscos e da necesidade de organizarse para presentar alegacións e impulsar unha plataforma.
Perto de corenta xurdiron nos últimos meses en Galicia, uníndose aos colectivos ou asociacións que desde hai anos loitan xa contra o que consideran un modelo eólico "masivo, sobredimensionado e sen planificar" e que pon en risco o futuro medioambiental, económico e demográfico do rural galego.
"Veciñanza e concellos xa se están decatando da dimensión do problema e a mobilización é maior e máis rápida"
"Antes era máis complexo porque era mesmo difícil de crer o que supoñía un proxecto do que ninguén sabía nada, pero agora veciñanza e concellos xa se están decatando da dimensión do problema e a mobilización é maior e máis rápida", engade Aranza González, unha das portavoces da plataforma Aire Limpo nas Mariñas Terra do Mandeo, impulsada o pasado Nadal por veciños de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras contra a intención de construír nun radio de menos de cinco quilómetros, no Monte do Gato, seis parques eólicos.
Seis proxectos que, como ocorre e moitos casos, son en realidade un único macroparque fragmentado, unha fórmula coa que compañías intentan facilitar a súa autorización ambiental e conseguir que sexa a Xunta quen os tramite por separado, con máis facilidades. Todo, malia que o Superior xa anulou algunha iniciativa polo seu efecto acumulativo.
O último exemplo, o de Enel Green Power, filial de Endesa, tal e como destaca o Observatorio Eólico de Galicia (OEG). Ten en tramitación, entre outros, un megaparque --dividido en seis-- de 611 MW, 128 aeroxeradores, 122 quilómetros de liña de alta tensión (LAT), 446 puntos de apoio para esa LAT e un investimento de 579 millóns de euros. Situaríase en 12 concellos: A Capela , As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Fene, Guitiriz, Moeche, Neda, San Sadurniño, Valdoviño, Vilalba e Xermade.
Hai 36 macroparques eólicos en fase de tramitación para Galicia por parte do Estado e un total de 200 parques pendentes de aprobación en total
Se un parque ten menos de 50 MW, a súa tramitación e autorización depende da Xunta, cousa que non ocorre se supera esa potencia ou está situado entre dúas comunidades autónomas, ao depender do Goberno central.
O OEG estima que hai 36 macroparques eólicos en fase de tramitación para Galicia por parte do Estado que suman uns 3.000 MW de potencia en total, algo máis de tres cuartos da instalada xa non país. Unidos aos que tramita a Xunta, serían arredor de 200 os parques pendentes de aprobación no territorio galego, que xa supera os cen concellos con instalacións eólicas e os 4.000 aeroxeradores.
As diferentes plataformas veciñais coinciden en advertir de que non están en contra das enerxías renovables e limpas nin tan sequera dos eólicos, pero insisten en que "iso non supón aceptar unha invasión de parques que poñan en risco o estilo de vida, o patrimonio, o medio ambiente e, en definitiva, o rural galego". Alertan da "sobreplanificación", da "dubidosa legalidade" da fragmentación de tantos proxectos e da necesidade de "actualizar a normativa", aquela pensada para aeroxeradores de 70 metros cando agora chegan aos 200 e coas mesmas distancias mínimas esixidas cos núcleos de poboación.
Entre tanta febre eólica, son moitos os colectivos que ven "unha luz" entre tanta escuridade, non só polas intencións do Executivo central, manifestadas pola Delegación do Goberno, de paralizar algúns dos parques máis polémicos, senón pola reacción que o "importante movemento social" contra o modelo está a provocar xa nalgunhas administracións locais.
"A estratexia das eléctricas era levar todo sen facer ruído, case en silencio, para que cando a cidadanía reaccionase xa non se puidese facer nada"
"Eran moitos os Concellos que non eran conscientes aínda da dimensión do problema e do rexeitamento social; fóiselles das mans e agora danse de conta do que supón esta invasión eólica e do que lles pode supoñer a moitos alcaldes a contestación da veciñanza", di Aranza González, que advirte doutra clave para a esperanza: "Rematou o silencio e o escurantismo".
"A estratexia das compañías eléctricas era levar todo sen facer ruído, case en silencio, para que cando a cidadanía reaccionase aos seus proxectos xa non se puidese facer nada", di González, algo que cre que, a mobilización a nivel galego e a maior concienciación da sociedade está a impedir, provocando que sexan xa varios os Concellos que se posicionen contra proxectos eólicos nos seus territorios.
Saben ben da situación na Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, que agrupa unha morea de colectivos e asociacións contrarias a un parque que prevía 14 aeroxeradores na contorna de Vigo e que foi finalmente rexeitado pola Xunta logo de dez anos de loita.
"É unha loita titánica contra a desinformación, contra a falta de datos; tes que ir extraendo cousas, sintetizando e masticando moitas cuestións para trasladalas logo á cidadanía, aos Concellos afectados, ás parroquias...", explicaba en Praza.ga Jesús Rodríguez, voceiro da plataforma.