A pasada semana, a Vicepresidencia económica da Xunta confirmou que finalmente non se tramitará o parque eólico TV-20 previsto na Serra do Galiñeiro. "Varios informes negativos", segundo o Goberno galego, poñen o freo definitivo a un polémico proxecto contra o que leva dez anos mobilizándose a sociedade civil do Val Miñor e da área metropolitana de Vigo, as áreas ameazadas pola iniciativa.
A Xunta confirmou o punto final ao proxecto do parque eólico na Serra do Galiñeiro logo de dez anos de loita cidadá
A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, que agrupa unha morea de colectivos e asociacións contrarias ao proxecto, liderou as protestas contra un parque que prevía 14 aeroxeradores na contorna de Vigo, con afectación nunha parte do territorio da cidade e mais de Gondomar, O Porriño e Tui. Terra do Vento, a sociedade promotora que tiña como principal accionista a Element Power, renunciou finalmente tras unha década de existencia pero inactividade.
"É unha satisfacción para toda a cidadanía do Val Miñor e da área de Vigo, para todos os que levamos dez anos de loita", resume Jesús Rodríguez, voceiro da plataforma, que considera que a agrupación puxo o seu "gran de area" para a fin do proxecto eólico, pouco ou moito, pero fundamental "pola información que se conseguiu achegar á xente e que a Xunta non dá".
"Sen o traballo de concienciación social e de información á cidadanía, o proxecto tería sido moi difícil de parar"
"Estamos convencidos de que sen o asociacionismo civil, sen o traballo de concienciación social e de información á cidadanía que se fixo, o proxecto tería sido moi difícil de parar porque hai moita ocultación", engade Rodríguez, que cre que a clave en Galicia para deter a proliferación de parques eólicos con elevado impacto é, precisamente, "achegar todos os datos que as administracións ocultan". "En moitos casos, cando a sociedade se decata e se entera do que supoñen algúns parques, os muíños xa están colocados e non hai volta atrás", di quen destaca a proliferación de andainas con ata 2.000 persoas no Galiñeiro ou o apoio de persoeiros destacados na súa loita.
Non foi así no caso do pretendido na Serra do Galiñeiro. "A clave foi que nós nunca paramos durante unha década", explica Jesús Rodríguez, que lembra como desde a plataforma achegáronse moreas de alegacións ás avaliacións ambientais tras contar coa axuda de "especialistas en Bioloxía, Botánica, Xeoloxía ou Historia" que, aclara, "axudaron tamén a facerlle ver á sociedade da importancia do espazo que estaba a ser ameazado".
"A clave na loita é informar sobre os valores dos espazos afectados e sobre o impacto que supoñen os proxectos eólicos"
"A clave nestas loitas é informar; a primeira fase debe ser dar a coñecer e divulgar os valores que teñen estas serras porque moitas veces paseamos por elas pero non somos conscientes do que gardan ou do que implica a súa xeoloxía ou o seu patrimonio etnográfico", conta Rodríguez. A segunda, engade, debe ser "escudriñar o proxecto eólico".
"É unha loita titánica contra a desinformación, contra a falta de datos; tes que ir extraendo cousas, sintetizando e masticando moitas cuestións para trasladalas logo á cidadanía, aos Concellos afectados, ás parroquias... É fundamental explicar ben o que supoñen estas iniciativas, a altura dos postes, as gabias por onde se saca a electricidade, o espazo que ocupa cada estrutura, a indefinición sobre o futuro dos aeroxeradores cando finalice a súa vida útil ou a posible contaminación que poden provocar os seus materiais", conta quen insiste en que debullar os proxectos e trasladar con claridade a información á sociedade é a "clave" para deter en Galicia unha "vaga" de megaparques eólicos "que estoupou en todo o país".
"É unha loita titánica contra a desinformación, contra a falta de datos"
Un deles, explica Jesús, na veciña Serra da Groba, onde se prevé a instalación de máis de 40 aeroxeradores. Segundo denuncia, a táctica da fragmentación de iniciativas que se espalla por toda Galicia está a ser utilizada tamén neste espazo: "Dividen as iniciativas en varios parques nunha área que é a mesma; é unha fraude".
Cun ollo pendentes da ameaza na Groba, a plataform tampouco abandona a loita "pola protección e contra as agresións" na Serra do Galiñeiro, onde desde hai tempo o colectivo advirte de "ameazas" pola presenza de terras raras, un lugar de alta concentración de elementos químicos claves na fabricación de teléfonos móbiles ou coches eléctricos. "A loita non remata aquí", avisa Jesús Rodríguez.