Itrio, escandio e minerais do grupo dos lantánidos. Iso é o que a multinacional surafricana Umbono Capital busca no sur de Galicia, na espectacular Serra do Galiñeiro. A compañía solicitou xa á Xunta a realización dun proxecto de investigación que prevé traballos de sondaxe e avaliacións durante tres anos nunha zona do monte nos concellos de Mos e Porriño. A idea é determinar o posible "potencial mineiro en minerais de terras raras", nun novo intento empresarial por facerse con xacementos das materias primas fundamentais das novas tecnoloxías.
Rematado o período, uns corenta colectivos sociais presentaron xa alegacións a un proxecto que, denuncian, tería un enorme impacto ambiental, paisaxístico, humano e social na zona. Non tanto nestes tres primeiros anos de sondaxes, pero si se finalmente se cumpre o obxectivo final, que non é outro que a explotación dunha enorme mina a ceo aberto como a que xa se proxecta en Corcoesto, en medio tamén de numerosas protestas e alegacións.
A empresa Umbono prevé buscar durante tres anos minerais básicos para a fabricación de móbiles ou coches eléctricos
"O efecto sería terrible, non só a nivel paisaxístico, senón a nivel medioambiental ou poboacional, porque as cuadrículas mineiras sitúanse incluso enriba de varios núcleos habitados", explica Afonso Rodríguez, membro da Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro, que loita agora tamén contra a instalación dun parque eólico na zona.
Porque a Serra do Galiñeiro pode formar parte dunha desas terras raras. Tal e como explica Afonso Rodríguez, os minerais que buscan estas empresas atópanse en concentracións moi baixas e en lugares moi específicos. Un deles podería ser este monte galego dunha gran riqueza. "Se a cantidade atopada está no limiar que buscan, seguirán adiante co seu obxectivo de montar a mina", explica.
Occidente busca desesperadamente xacementos de 'terras raras', xa que o 95% dos actuais están dominados por China
Algúns deses 17 minerais que conforman as terras raras podería atoparse no Galiñeiro e de aí pasar a ser elementos fundamentais á hora de fabricar produtos moi demandados na actualidade como móbiles, pantallas de raios X, coches híbridos ou turbinas eólicas. De aí a febre por uns materiais cuxos xacementos están dominados nun 95% por China, unha capacidade que o mundo occidental busca contrarrestar coa busca e explotación desesperada das zonas con estes imprescindibles minerais para a industria da era dixital. Galicia podería ser unha delas e ademais cun xacemento que a empresa Umbono cualifica "de clase mundial".
Os colectivos contrarios ao proxecto advirten do impacto ecolóxico, paisaxístico, social e poboacional na zona
Pero os veciños da zona xa se rebelaron contra un proxecto que "busca onde sexa o que precisa para o seu único beneficio". Aínda así, Afonso Rodríguez cre que "moita xente non é plenamente consciente do que suporía" unha mina a ceo aberto destas características na Serra do Galiñeiro. Así, as alegacións advirten dos perigos, moitos deles prexuízos evidentes. Por exemplo, a explotación acabaría afectando aos numerosos cursos fluviais da zona, un risco que ten precedentes como cando nunha mina semellante de China as toxinas resultantes da explotación acabaron envelenando a auga, pero tamén cultivos e habitantes.
Do mesmo xeito, provocaría un evidente impacto paisaxístico na Serra do Galiñeiro, ao igual que arqueolóxico, etnográfico e cultural. Pero ademais, "hai casas e poboación no medio e medio das cuadrículas mineiras", tal e como lembra Afonso Rodríguez, que advirte do que poderían provocar unicamente "os ruídos, o po ou o movemento de maquinaria pesada constantemente", e que asegura que a compañía que solicitou a exploración da zona "non coñece en nada o lugar afectado, as súas características e os seus valores". Por outra banda, os colectivos que presentaron as súas alegacións tamén denunciaron a vulneración da ordenación urbanística dos concellos afectados, ataque á protección do solo rúsico ou o carácter do monte comunal.
Agora hai que esperar o que decide a Xunta ante as alegacións presentadas contra o proxecto dunha empresa "á que será difícil recriminarlle algo", tendo en conta que "a súa sede está noutro continente". "O capital non ten fronteiras", lembra Afonso Rodríguez, que cre que se o proxecto vai adiante, habería que agardar aínda a época na que os temores polo impacto da mina se unisen ás promesas de emprego na comarca, tal e como ocorre en Corcoesto. Ao tempo, a Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro apura tamén as alegacións ante a exposición pública do informe final do parque eólicia que a Xunta proxecta nos mesmos montes. Outra ameaza máis.