A Xunta permitirá muíños en lugares non previstos no Plan Eólico, pero non quere que o Estado poida facer o mesmo

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, anunciando que informará dos novos parques eólicos aos concellos antes que á cidadanía CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego quere que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos antes de que se expoñan ao público para o resto da cidadanía

A Lei de Reactivación aprobada polo PP en febreiro para desregular permisos ambientais e axilizar así a implantación de todo tipo de iniciativas empresariais introduciu a posibilidade de que a Xunta autorice parques eólicos en lugares non previstos no Plan Eólico que desde hai máis de dúas décadas ordena os posibles emprazamentos dos muíños. Porén, o Goberno galego non quere que o Estado poida facer o mesmo cos parques que son da súa competencia 

O pasado luns, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, revelou que a Xunta rexeita seis proxectos que está a tramitar o Goberno central nos concellos de Lousame, Noia, Muros, As Somozas, Tordoia, Trazo e Val do Dubra. Ao tempo, Conde anunciou que a Xunta quere que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos eólicos antes de que se expoñan ao público para o resto da cidadanía. 

Mapa do Plan Eólico que recolle os posibles emprazamentos de parques CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os parques eólicos de máis de 50 MW ou que afecten a máis dunha comunidade autónoma deben ser tramitados polo Goberno de España, mentres que o resto o son pola Xunta. En 2009, tras anular ilegalmente o concurso eólico do bipartito, o PP estableceu na lei coa que puxo as bases da súa política eólica que “non poderán autorizarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción das repotenciacións de parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente”.

Pero coa Lei de Reactivación aprobada o pasado febreiro introduciu novas excepcións. Permite que tamén poidan ser impulsados á marxe dese Plan Eólico aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta”.

Malia esa redacción que deixa en mans da discrecionalidade do Goberno galego a autorización de parques á marxe dos emprazamentos xa planificados, este luns o vicepresidente salientou que “todos os proxectos que non estean dentro do Plan sectorial eólico non se poderán tramitar”, engadindo que por ese motivo “a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra desas áreas”. No caso concreto da provincia da Coruña, “son seis proxectos que está a tramitar o Goberno central nos concellos de Lousame, Noia, Muros, As Somozas, Tordoia, Trazo e Val do Dubra: os parques eólicos de Cova da Vella, Cabazo, Gondre, Pedrabante, Tornado e Orzar, que suman 385,6MW”.

Un muíño eólico © Iberdrola

O vicepresidente da Xunta salienta a súa intención de que "antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos priorizados, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar”

Por outra banda, fronte ás protestas de todo tipo de entidades veciñais, ecoloxistas ou de defensa do patrimonio sobre a dificultade para informarse sobre as ducias de parques eólicos que actualmente se atopan en distintas fases de tramitación en toda Galicia, Conde anunciou que a Xunta vai crear unha “rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos eólicos que se vaian desenvolver na Comunidade antes de iniciar a súa tramitación”. 

Segundo o vicepresidente, “esta rede de información provincial permitirá que, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos priorizados, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar”, un coñecemento dos proxectos que ofrecerán as xefaturas territoriais da Xunta aos responsables municipais antes de que “calquera outra persoa ou entidade da zona” poida ter acceso a esa información “no trámite de exposición pública ordinario”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.