O PP aproba en solitario a Lei de Reactivación coa que desregula permisos ambientais, subvencións a empresas e emprego público

A Lei de Reactivación simplifica permisos ambientais CC-BY-SA Praza Pública

BNG e PSdeG critican que populares e Xunta empregan a pandemia como escusa para impoñer sen diálogo unha norma que “constata o fracaso” das políticas económicas aplicadas ata agora

“Toda crise supón unha oportunidade de mudar políticas públicas que ao longo dos anos teñen manifestado unha inercia de resistencia ao cambio e que nalgúns casos teñen freado o crecemento”. Esa frase recollida no preámbulo da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, aprobada en solitario polo PP coa súa maioría absoluta, é para a oposición a mellor proba de como os populares e a Xunta están a empregar a crise do coronavirus para, admitindo erros nas súas anteriores políticas económicas, impulsalas pola vía da desregulación.

Miguel Tellado, Noa Presas e Begoña Rodríguez, portavoces de economía e industria de PP, BNG e PSdeG CC-BY-SA Parlamento de Galicia - Montaxe de Praza Pública

A Lei de Reactivación de Galicia é o instrumento co que a Xunta mudará a súa estrutura e os seus requisitos, especialmente os ambientais, para facilitar a execución dos fondos europeos

A Lei de Reactivación di ser o instrumento que vai empregar a Xunta para xestionar os fondos europeos de recuperación económica tras a pandemia malia que foi anunciada polo presidente Feijóo e presentada polo PP antes de que se coñecesen os regulamentos superiores (estatais e europeos) que tamén afectarán a eses recursos. Pero a lei non só pretende facilitar a execución dos fondos europeos senón que reduce trámites en diversos eidos para facilitar a implantación empresarial aínda que non teñan que ver cos recursos comunitarios. Entre outras cuestións, deixará en mans de ‘entidades de colaboración’ parte da tramitación ambiental de proxectos empresariais, esixirá menos requisitos á hora de xustificar subvencións, permite que o Goberno galego poida autorizar parques eólicos non previstos pola súa propia planificación para o sector ou facilita que a Xunta reorganice o seu funcionariado para facilitar a execución dos fondos europeos. 

A norma foi impulsada polo PP e non pola Xunta, o que evitou que se pronunciase sobre ela o Consello Económico e Social de Galicia, o órgano consultivo que engloba empresas, sindicatos, universidades, consumidores e sectores agrario, marítimo e da economía social. O texto tamén muda o emprego público sen que se negociase cos sindicatos. Ademais, os populares foron modificándoa sucesivamente durante a súa tramitación emendándose e corrixíndose a si mesmos nun proceso que limitou a posibilidade de actuación da oposición.

Feijóo nunha presentación de proxectos que aspiran aos fondos europeos NextGeneration CC-BY-SA Xunta de Galicia

O PP reclama "apoiar" e "axilizar" a iniciativa privada e di que mentres a oposición só serve "aos seus proxectos partidistas" os populares "estamos aquí para servir a Galicia"

Ante esa situación, este martes as portavoces en materia económica e industrial de BNG e PSdeG, Noa Presas e Begoña Rodríguez Rumbo, aseguraron que a nova lei “constata o fracaso” e supón “recoñecer os erros” da política económica do Goberno galego nos últimos anos. As dúas puxeron o foco en que a desregulación que impulsa o PP baleira de contido o traballo da administración e o persoal público á hora de supervisar a iniciativa privada, á que por contra o portavoz do PP, Miguel Tellado, pediu “apoiar” e “axilizar”.

O BNG cre que a norma facilita "o feudalismo das grandes empresas e o baleirado do sistema público" e o PSdeG que "non incide nos problemas estruturais do sistema produtivo galego"

Para a nacionalista Noa Presas a lei é un “cabalo de Troia” para que “a chamada reactivación económica” facilite o “feudalismo das grandes empresas e baleirado do sistema público”. “Legaliza a barra libre para regalar os nosos recursos naturais a grandes fondos de investimento” e “abraza a máis absoluta desregulación”, sentenciou.

Para a socialista Begoña Rodríguez Rumbo -cuxo grupo conseguiu que o PP aceptase seis emendas e negociase outras seis de contido menor como citar tamén na lei de xeito expreso aos empresarios individuais e non só ás grandes firmas- os populares aproban tras doce meses de pandemia “unha proposición de lei pouco traballada que elude os debates e a busca de consenso que non incide nos problemas estruturais do sistema produtivo galego”. 

Pola contra, desde o PP Tellado criticou que a oposición só querería impulsar unha “lei de ralentización administrativa de Galicia” mentres que os populares séntense “orgullosos de facer o que temos que facer, o que Galicia precisa”. “Vostedes só serven aos seus proxectos partidistas e nós estamos aquí para servir a Galicia”, rematou a súa intervención final.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.