O Goberno galego recoñece oficialmente o beneficio económico que supón a “riqueza natural e paisaxística” da zona pero prioriza os muíños, con xa 44 planificados e obras previas en marcha
Máquinas e operarios veñen de comezar movementos de terra no alto da serra da Groba, a cadea montañosa costeira que discorre entre a ría de Vigo e a desembocadura do Miño, para a instalación dunha estación meteorolóxica vinculada a un futuro parque eólico planificado pola Xunta na zona. Así o denuncia SOS Groba, colectivo apoiado por ducias de entidades sociais das comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño, que desde hai anos defende un maior respecto ambiental para ese espazo natural, con hábitats que a Xunta leva unha década evitando protexer mellor como reclama a UE.
O propio Goberno galego recoñece oficialmente o beneficio económico que supón para o turismo a “riqueza natural e paisaxística” da zona, pero mantén a planificación neses montes de Baiona, Oia e O Rosal dun total de 44 aeroxeradores, aos que hai que engadir outros 13 na veciña serra do Galiñeiro, ao leste, entre Vigo, Gondomar e O Porriño
Hai década e media a UE considerou que determinados tipos de hábitat e especies non estaban correctamente protexidos pola insuficiente cobertura que lles daban diversos estados europeos nos seus escasos espazos delimitados como Rede Natura 2000. Entre eles, queirogais ou turbeiras como os existentes na serra da Groba, que tamén conta coa maior poboación de cabalos salvaxes de Galicia, das últimas de Europa. Malia iso, o anterior goberno bipartito da Xunta iniciou a tramitación de varios parques eólicos na zona e non foi ata 2011 que o primeiro executivo de Feijóo presentou unha proposta de ampliación da Rede Natura coa que intentar cumprir coa reclamación comunitaria. Esa proposta de ampliación só contemplaba protexer unha pequena parte da serra e, en todo caso, nunca foi aprobada e unha década despois segue no caixón da administración.
A proposta de ampliación da Rede Natura lanzada hai unha década e nunca aprobada pola Xunta deixaba sen protección na Groba xusto os espazos nos que están planificados os muíños, que serían visibles desde o Val Miñor e sobre o mosteiro de Oia
A proposta nunca aprobada de ampliación da Rede Natura divulgada pola Xunta en 2011 incluía tanto a incorporación por primeira vez dun espazo protexido na serra da Groba como doutro no litoral máis próximo. No medio, aproveitando as reviravoltas dos espazos delimitados, deixábase sen esa protección xusto os sitios nos que xa estaban planificados novos muíños. Os proxectos lanzados hai unha década quedaron paralizados no medio dunha importante protesta social, pero a planificación da Xunta segue contemplando muíños nos mesmos emprazamentos, que, ao non contar sequera coa expectativa de que unha ampliación da Rede Natura os poida afectar, ven facilitada a súa tramitación ambiental, que algúns xa lograran superar hai unha década.
Varios dos muíños, como os previstos na zona na que agora veñen de comezar movementos de terras, serían visibles desde o Val Miñor, así como outros máis ao sur situaríanse sobre o emblemático mosteiro de Oia.
Hai un ano a Xunta considerou "positiva" para o medio ambiente a marcha atrás do Concello de Baiona no seu intento de facer un campo de golf a pouca distancia de onde agora veñen de comezar as obras
Unha planificación dos parques eólicos na zona por parte da Xunta que contrasta coa consideración do Goberno galego do potencial económico que a través do turismo ten a serra da Groba. Hai un ano a Xunta aprobaba a consideración de Baiona como municipio de grande afluencia turística por, entre outras cuestións, “a súa riqueza natural e paisaxística, en que destacan a Serra da Groba”, elemento que valoraba por diante da súa condición de municipio costeiro.
A inferior altura que a que ocuparían os muíños planificados na Groba, a apenas un par de quilómetros antes dos primeiros deles vistos desde Baiona, ese Concello decidiu renunciar hai algo máis dun ano, tras protestas veciñais, a un campo de golf que impulsara durante a súa época de alcalde o despois conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña. A Xunta considerou “positiva” a marcha atrás dun proxecto que consideraba que “podería ter unha considerable incidencia no medio”. Porén, unha década despois o Goberno galego segue sen delimitar os espazos a protexer dese medio ambiente na serra da Groba.