Os colectivos en defensa dos cabalos do monte e as festas dos curros manifestáronse este domingo en Vigo en protesta contra o Decreto Equino da Xunta que, denuncian, "pon en serio perigo a supervivencia dos cabalos ceibes". Varios centos de persoas, acompañados dun cento destes animais, despois de realizar unha concentración previa en Vincios, camiñaron dende Castrelos até a Praza de España para regresar despois a Castrelos. A escolla do lugar non foi casual, e velaí as curiosas imaxes nas que os cabalos de verdade pasean a carón dos cabalos de bronce que significan esta céntrica praza.
O decreto, aprobado o 14 de xuño, obriga a colocarlle un microchip a cada animal cun custe de 40 a 50 euros, algo que para moitos destes colectivos é "inasumible", e provocará a morte destes animais, aseguran. Ademais, a norma obrigará aos titulares destos cabalos en semiliberdade a subscribir un seguro civil de danos fronte a terceiros. O decreto establece que os cabalos salvaxes capturados que non estean identificados co dispositivo electrónico e que non sexan reclamados polo seu propietario poderán ser enviados directamente ao matadeiro.
A Consellaría do Medio Rural asegura que co decreto se crean as condicións necesarias para "garantir o correcto desenvolvemento" da produción equina en Galicia. Defende que o texto establece as condicións de convivencia entre os propietarios das terras nas que pastan estes animais e os gandeiros que a usan ou pretenden utilizar e, además, asegura nunha meirande seguridade viaria.
Representantes dos curros de Sabucedo, A Groba e O Galiñeiro entre outros afirman a este respecto que os curros non teñen unha finalidade de lucro, senón que procura principalmente manter unha tradición
Os colectivos que se manifestaron este domingo denuncian que o texto legal "ignora a especificidade de curros e cabalos salvaxes, moi diferentes explotacións gandeiras". Representantes dos curros de Sabucedo, A Groba e O Galiñeiro. entre outros. afirman a este respecto que os curros non teñen unha finalidade de lucro, senón que procura principalmente manter unha tradición. SOS Groba, pola súa banda, salienta que "Galicia conta co privilexio de ter entre a súa fauna os cabalos salvaxes e unha raza propia, o Pura Raza Galega, que está en perigo de extinción no seu estado primitivo, o salvaxe".
Xilberte Manso: "o noso cabalo do monte ten un grande valor e moi pouco prezo"
Xilberte Manso, voceiro de SOS Groba, destaca que "os cabalos salvaxes forman parte do noso patrimonio cultural e natural. Son os protagonístas das festas etnográficas dos curros e as rapas, festas que teñen unha grande tradición en todo o noso país e que teñen segundo sexa o lugar de celebración, unha características especiais que as fan aínda máis valiosas pola variabilidade". E conclúe: "o noso cabalo do monte ten un grande valor e moi pouco prezo", salientando de novo o nulo interese dos criadores no feito de lucrarse: "non hai interese económico primordial, non hai comercio como tal, non hai beneficio económico algún por ter animais no monte. Como exemplo dicir que estáse pagando por un poldro entre 20 e 40 euros; por unha femia fertíl, de 100 a 150 euros, e por un animal adulto para o matadoiro 50 a 100 euros".
Manso denuncia que o decreto confunde e mestura "os cabalos salvaxes con dono e marcados, nun grupo dos que poderíamos chamar 'ilegais', e que si necesitan certo tipo de control" e salienta que "todos os cabalos salvaxes nas serras do Galiñeiro e a Groba están marcados e identificados". Conclúe que "con este decreto o único que se crea é un grande problema e unha condea dos cabalos salvaxes a desaparecer" pois "os seguros son cada día máis caros e as compañías aseguradoras poñen atrancos para asegurar os cabalos e obrigan a facer outros seguros ligados aos dos cabalos. Asemade habería que engadir o prezo do microchip. Hoxe ser propietario de cabalos salvaxes supón facer un desembolso de diñeiro que non se recupera de nengún xeito, e asumir os riscos de que as compañías".
Ese ano suspendéronse os seis curros que se celebraban no Val Miñor, na primavera e no verán, como medida de presión
Este ano suspendéronse os seis curros que se celebraban no Val Miñor, na primavera e no verán, como medida de presión. Manso defende que "é necesario un regulamento especial" e demándalle á Xunta que escoite estes colectivos: "Nós brindamos o noso apoio e traballo para conquerir consensos e buscar as canles de comunicación necesarias entre as partes do mundo científico, propietarios, comunidades de montes, asociacións ecoloxístas e administracións para que non teñamos que laiarnos en pouco tempo da perda anunciada".