A Xunta avala como “positivo” que Baiona anule agora o campo de golf que quería construír nun monte comunal

Terreos nos que se ía asentar o campo de golf e fragmento da resolución da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Medio Ambiente autoriza que desapareza calquera referencia no plan de urbanismo da vila a ese espazo deportivo que o Concello consideraba que se podía regar só coa auga da choiva que alí caese e que agora admite que non estaba xustificado

Baiona non só dá marcha atrás agora, tras a forte contestación cidadá, á súa intención de facer no alto dun monte comunal un campo de golf que aseguraba que podía regar só coa auga de choiva que alí caese, senón que está a cambiar o seu plan de urbanismo para impedir que se poida executar un proxecto semellante. A Xunta vén de facer público o documento co que avalía ambientalmente esa modificación para retirar o campo de golf do planeamento municipal e nel autoriza esa marcha atrás por considerala “positiva” ao evitar “actuacións que poderían ter unha considerable incidencia no medio”. 

A Xunta avala a rectificación do Goberno local do PP e o seu desexo de modificar o plan de urbanismo para retirar del a posibilidade de executar o campo de golf cun informe no que considera que o cambio urbanístico “non vai presentar efectos significativos no medio” senón todo o contrario, “sendo en todo caso positivos os que poidan producirse, ao manterse os terreos no seu estado natural”. A Consellería de Medio Ambiente, tras obter informes doutros departamentos autonómicos, considera que ao retirar o campo de golf do plan de urbanismo de Baiona “evítase acometer actuacións que si poderían ter unha considerable incidencia no medio, en especial na ocupación do territorio ou no ciclo hídrico, derivados das necesidades para a implantación do campo de golf, as pistas deportivas ou centro hípico, previstos no desenvolvemento agora suprimido”. 

Localización do proxecto de campo de golf entre Baiona e Oia, no alto da serra da Groba CC-BY-SA Praza Pública

O Concello considera agora que as instalacións "non melloran a calidade de vida dos habitantes e poden xerar problemas medioambientais e impacto negativo sobre a facenda pública"

No documento co que a Xunta avala a rectificación do Concello de Baiona o Goberno galego sinala que o cambio faise “por entender o Concello que as dotacións propostas non melloran a calidade de vida dos habitantes e que poden xerar problemas medioambientais e impacto negativo sobre a facenda pública”. Porén, hai uns meses o Goberno local de Baiona mantiña unha visión contraria, favorable ao campo de golf por entender que sería positivo para a economía da vila sen ningún efecto ambiental adverso. Agora, os terreos quedarán clasificados como “solo rústico de especial protección forestal”.

O proxecto de campo de golf foi lanzado en abril de 2015, cando o daquela alcalde de Baiona, o agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, encargou a súa planificación no alto dun monte comunal. Abasteceríase da auga que alí caese, aseguraban os técnicos que o deseñaron. Pero cando o Concello someteu o documento inicial do proxecto a avaliación ambiental por parte da Xunta, esta xa amosou dúbidas sobre o que consideraba “información confusa e contraditoria ao respecto das necesidades de consumo de auga precisas para o mantemento do campo de golf” e do xeito en que se prevía obtela. 

O campo foi impulsado polo daquela alcalde Jesús Vázquez Almuiña, agora conselleiro de Sanidade, cuxo departamento amosou dúbidas sobre o complexo

Cando lle chegou o momento de pronunciarse ao respecto, a Consellería de Sanidade, dirixida xa nese momento polo mesmo Almuiña que impulsara o campo de golf sendo alcalde, amosouse crítica coa instalación. Sanidade considerou que o sistema de abastecemento de auga previsto polo Concello non era válido e que nos estudos municipais “non se fai unha valoración dos impactos sobre a calidade do aire, o ruído, e de posibles vertidos ao chan e as augas de contaminantes”.

Informe da Consellería de Sanidade crítico co campo de golf que Baiona comezou a deseñar cando Almuiña era alcalde CC-BY-SA Praza Pública

O campo de golf situaríase no alto da serra da Groba, xusto no límite co concello de Oia, lonxe de calquera núcleo habitado e a 8 quilómetros do centro turístico da vila, xunto a unha estrada provincial e nunha zona coñecida pola súa poboación de cabalos salvaxes próxima a espazos cuxa incorporación á Rede Natura está paralizada desde hai anos polo actual goberno galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.