O Estatuto dá a Xunta competencia exclusiva en "vías férreas non incorporadas á rede do Estado", isto é, nas que o Goberno de España lle transfira ou nas que cree o propio Executivo galego
O artigo 27.8 do Estatuto de Autonomía outorga ao Goberno galego competencia exclusiva en "vías férreas e estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no territorio" galego e "o transporte efectuado por estes medios". Trátase, daquela, dunha competencia destinada a realizarse de dous xeitos: os traspasos dende o Goberno de España ou a creación de novas liñas galegas.
A Xunta, non obstante, vén de asegurar oficialmente que non a ten. Así o asegura nunha resposta ao Parlamento a respecto da posible implantación de servizos ferroviarios de proximidade por parte do Estado.
Cando xa transcorreron máis de 40 anos de autonomía política continuada a competencia continúa no Estatuto, pero sen desenvolver. Así segue cando xa pasou máis dunha década dende que a Xunta do PP renunciou ao Ente Ferroviario Galego. Trátase do organismo que prometera para xestionar, precisamente, o tren de proximidade baseándose en gran medida as vías "en desuso pola chegada do AVE". Tamén para despregar metros lixeiros na Coruña, Santiago e Vigo, proxectos que os gabinetes de Alberto Núñez Feijóo acabaron desbotando.
Tras renunciar ao prometido Ente Ferroviario Galego, a Xunta responde ao PSdeG que "non ten competencias en materia ferroviaria" pero "sempre apoiou a creación dunha rede de trens de proximidade" como a que o Estado estuda lanzar en Galicia
Con este pano de fondo, o PSdeG preguntaba recentemente no Parlamento se, ao fío dos estudos que o Ministerio de Transportes ten en marcha para a implantación do tren de proximidade no noso país, a Xunta "vai asumir as súas competencias en materia ferroviaria" e "colaborar" ao respecto. Do mesmo modo, reclamaba saber se valora "establecer partidas orzamentarias" neste ámbito.
A Consellería de Presidencia, que nesta lexislatura aglutina as competencias de Mobilidade, rexistrou a resposta no Parlamento a finais de outubro. E fíxoo contestando cunha única idea: "O Goberno galego non ten competencias en materia ferroviaria, pero sempre apoiou a creación dunha rede de trens de proximidade como a que opera noutras comunidades".
O departamento que dirixe Diego Calvo conclúe a contestación especificando só unha cuestión máis. "O estudo anunciado polo Goberno central debe ter en conta as necesidades de interconexión de toda a comunidade", resolve, sen responder as preguntas dos socialistas a respectos sobre as competencias que estaría en disposición de asumir ou desenvolver.
A negativa chega apenas tres meses despois da creación dun novo departamento de "Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias" na consellería con competencias en Mobilidade
Dáse a circunstancia de que esta negativa sobre as competencias ferroviarias chega apenas tres meses despois de que a mesma Consellería de Presidencia modificase a súa estrutura para crear un novo departamento que toca, precisamente, o ámbito ferroviario. Trátase, concretamente, do novo Servizo de Loxística e Instalacións Aeronáuticas e Ferroviarias.
Este Servizo, dependente da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Planificación do Transporte da Dirección Xeral de Mobilidade, foi encadrado politicamente polo Goberno de Alfonso Rueda na súa petición de asumir as competencias dos aeródromos que non son de interese xeral do Estado. A negociación dese traspaso xa comezou e a Xunta deixa fóra dela as competencias sobre os tres aeroportos, que o PP si dixo estar disposto a reclamar cando retornou ao poder ren 2009.