Calvo perde a dirección política das delegacións da Xunta e gaña os innumerables conflitos do transporte

Diego Calvo e Alfonso Rueda, durante o acto das tomas de posesión dos membros do Goberno galego, o pasado 15 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O pasado sábado, 20 de abril, fixéronse 15 anos do día no que o nome de Alfonso Rueda figurou por primeira vez no Diario Oficial de Galicia como membro do Consello da Xunta. Esa foi a xornada na que Alberto Núñez Feijóo fixo oficial o reparto de consellerías do seu primeiro Goberno e nel figuraba como titular de Presidencia o actual xefe do Executivo, na altura secretario xeral do PPdeG e antigo director xeral de Administración Local do gabinete de Manuel Fraga (2000-2005).

Quince anos despois de ser conselleiro por primeira vez, o agora presidente procura transmitir a sensación de nova xeira con relevantes reestruturacións de competencias 

Década e media despois, este luns 22 de abril, o primeiro Consello da Xunta ordinario presidido por Rueda tras o primeiro encontro -máis simbólico- posterior ás tomas de posesión de conselleiras e conselleiros incidiu no xiro que o agora presidente pretende imprimir en varias áreas da Administración para, entre outros aspectos, trasladar a sensación de nova xeira. As mudanzas inclúen dende reforzo do perfil político dalgúns postos ata relevantes recolocacións de competencias.

O primeiro Consello ordinario da lexislatura (na imaxe, Rueda dirixíndose á xuntanza) ratificou múltiples cambios na estrutura orgánica do Goberno CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Un dos atinxidos por estes cambios é o xa ex-vicepresidente primeiro, Diego Calvo. Como é sabido, o tamén líder provincial do PP na Coruña perdeu no novo Consello o rango vicepresidencial que gañara tras a marcha de Feijóo a Madrid. Agora perde tamén a dirección política das delegacións territoriais da Xunta, que gañan acento partidario ao desaparecer o requisito de que as xefaturas territoriais das consellerías -dende agora denominadas direccións territoriais-, que dependen delas, teñan que ser exercidas unicamente por funcionariado dos grupos A1 ou A2. E gaña un eido de xestión especialmente conflitivo: o transporte.

A Dirección Xeral de Mobilidade pasa á Consellería de Presidencia con funcións reforzadas, ao incluír tamén o transporte escolar ou os autobuses adaptados

Segundo o avanzado este luns pola Xunta -e á espera da súa oficialización no DOG-, a nova estrutura orgánica do Goberno encadra na Consellería de Presidencia a Dirección Xeral de Mobilidade, ata agora encadrada na de Infraestruturas e historicamente vencellada ao departamento con competencias en obras públicas. Baixo a dirección de Calvo estará, daquela unha dirección de Mobilidade que "centralizará a xestión de todo o transporte, incluído o escolar", resalta a Xunta, así coma outros coma o transporte adaptado para persoas en situación de dependencia (o 065).

Monbus, protagonista do sector e os seus conflitos

O conselleiro da Presidencia, daquela, terá que lidar no día a día coas múltiples frontes abertas no eido da mobilidade. Moi especialmente, do principal transporte público que depende da Xunta: os autobuses.

Vehículos de Monbus na estación de Ourense, nunha imaxe de arquivo © Monbus

Isto implica dende as diversas frontes xudiciais abertas en relación a adxudicacións ao grupo Monbus (a empresa de Raúl López domina as concesións ao estar presente en 49 das 127 cun negocio de 36 millóns anuais, segundo o Consello de Contas) ata as recorrentes queixas por deficiencias no servizo tanto para o público xeral como para a poboación escolar, ámbito no que as 57 concesións veñen de ser prorrogadas por dous anos.

O conselleiro da Presidencia pasa a ter que lidar con múltiples frontes abertas: dende os procesos xudiciais e reclamacións ligadas ás concesións de Monbus, compañía que as domina, ata as eivas dos buses escolares

Calvo herda tamén un panorama da mobilidade en Galicia no que tamén ficou acreditado polo Consello de Contas que a Xunta reordenou as liñas de bus sen ter en conta os medios de transporte de cada localidade. Ou que o Executivo galego "non conta cun instrumento de planificación estratéxica que, tendo en conta os diferentes medios de transporte, facilite a mobilidade nos núcleos da poboación". 

A este eido están vencellados, ademais, moitos dos tirapuxas e enfrontamentos entre a Xunta do PP e gobernos muncipais de esquerdas, moi especialmente nas cidades. Tanto por cuestións relativas ás liñas de autobuses como por obras dependentes do Goberno galego na materia, en solitario ou en coordinación co Goberno de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.