Rueda permite que os xefes territoriais da Xunta non sexan funcionarios e remuda o director de Función Pública desde 2009

José María Barreiro, que era director xeral de Función Pública desde 2009 CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente reorganiza a estrutura do Goberno galego e adscribe á Consellería de Presidencia de Diego Calvo todo o transporte público: interurbano, escolar e o social do 065

O Consello da Xunta deste luns, día da semana ao que o presidente Rueda vén de mudar a celebración das reunións ordinarias do seu goberno que ata agora eran os xoves, aprobou unha ampla remodelación da estrutura de varias consellerías así como a remuda de varios altos cargos significativos. Entre outras cuestións, hai novidades significativas no eido da función pública e a Consellería de Presidencia, á fronte da que está Diego Calvo, asume as competencias de todo o transporte público do país: o interurbano, o escolar, o social do 065 e o parque móbil da Xunta.

Consello da Xunta deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

No eido da función pública, quen era director xeral desa área desde 2009, José María Barreiro Díaz, un dos altos cargos máis veteranos da Xunta, será substituído por Nuria Aguilar Vázquez, que ata agora era auditora na Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e agora asumirá o renomeado cargo de directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. Pola súa banda, Barreiro Díaz pasará a ser director xeral de Simplificación Administrativa.

As delegacións territoriais, nas que hai varias mudanzas, pasan a depender da Presidencia da Xunta e o vicesecretario de Organización do PPdeG, Pedro Rojo, asume a Secretaria Xeral de Medios de Comunicación

O Consello da Xunta tamén decidiu ampliar a discrecionalidade nos nomeamentos na súa estrutura territorial. Hai década e media Feijóo decidiu mudar as anteriores delegacións territoriais que tiña cada consellería, tanto co goberno de coalición de PSdeG e BNG como con Manuel Fraga, por cinco superdelegados que hoxe son seis (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Por baixo deles quedarían xefaturas territoriais de cada consellería que eran elixidas discrecionalmente de entre persoal funcionario dos grupos A1 e A2 e aos que o Goberno galego xa viña dando proxección política máis alá do suposto perfil técnico que anunciara Feijóo. 

A finais de 2021 a Xunta xa reformara eses postos para permitir que non só os ocupasen funcionarios da administración xeral senón tamén persoal sanitario ou educativo afín. Agora poderán ocupar esas xefaturas territoriais calquera persoa aínda que non sexa funcionaria pero que baixo a consideración do Goberno galego teña "unha acreditada experiencia ou solvencia ou competencia profesional". Ademais, as propias delegacións territoriais, que ata agora dependían da Consellería de Presidencia de Diego Calvo, pasan a facelo da propia Presidencia da Xunta de Alfonso Rueda.

Sede central da Xunta en San Caetano © Xunta

Nese eido da estrutura territorial o Consello da Xunta deste luns nomeou delegada na Coruña a Belén do Campo, ata agora directora xeral de Patrimonio Natural que volve a un posto que xa ocupara entre 2012 e 2015 e no que substituirá a Gonzalo Trenor, elixido deputado. E para substituír a Do Campo, a nova directora xeral de Patrimonio Natural será Marisol Díaz Mouteira, ata agora deputada.

En Ourense o ata agora delegado, Gabriel Alén, pasará a ser director xeral de Comercio e Consumo e a delegación será para Manuel Pardo, ata agora xefe territorial da Consellería de Presidencia.

Outra xefa territorial en Ourense, da Consellería de Medio Ambiente, Victoria Núñez, filla do histórico Victorino Nuñéz e agora líder do PP na cidade de Ourense, pasará a ser directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

Tamén houbo remudas este luns en varias secretarías xerais. Na de Medios de Comunicación, dependente da Presidencia da Xunta, Silvia Valdés é substituída por Pedro Rojo, vicesecretario de Organización do PPdeG e ata agora xefe de gabinete do presidente do Parlamento. Da secretaría xeral da Consellería de Presidencia de Diego Calvo cae Elena Muñoz, que fora conselleira de Facenda con Feijóo e a súa candidata en Vigo. Será substituída por Javier Abad, que xa fora secretario xeral de Política Social. E a nova secretaría xeral de Vivenda e Urbanismo terá como responsable a quen ata agora xa era director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto.

Rueda nun acto con altos cargos do seu Goberno o pasado setembro CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Outros cambios significativos na estrutura da Xunta será o establecementode dúas direccións xerais paralelas de Promoción da Igualdade por un lado e de Loita contra a Violencia de Xénero por outro en lugar da Secretaría Xeral de Igualdade que había ata agora. Tamén se concreta a promesa de Rueda de crear unha oficina de coordinación económica dependente del mesmo que terá rango de secretaría xeral. Para estes postos aínda non se aprobaron nomeamentos. Si hai nome para a tamén nova Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais, que será ocupada por Isabel Concheiro, que foi secretaria xeral da Consellería do Mar.

Da Presidencia da Xunta seguirá dependendo tamén a Axencia Turismo de Galicia, da que á súa vez dependerá Galicia Calidade. E a Consellería de Presidencia que agora asume todo o transporte público a cambio cede as competencias sobre o xogo á Consellería de Facenda, na que quen ata agora era director xeral de Política Financeira, David Cabañó, pasa a ser secretario xeral. Tamén é nomeado secretario xeral, en Infraestruturas, Yago Borrajo, que era xefe territorial en Ourense.

Tamén se concretou o traspaso das competencias en materia de enerxías renovables á Consellería de Medio Ambiente e, á inversa, o solo empresarial á Consellería de Economía e Industria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.