Sae o fillo de Baltar, entra a filla de Victorino

Victoria Núñez, designada presidenta da xestora do PP na cidade de Ourense, nunha imaxe de 2016 na entrega póstuma da Medalla do Parlamento de Galicia ao seu pai, Victorino Núñez, falecido en 2010 © Parlamento de Galicia

O PP nomea presidenta da súa xestora na cidade de Ourense tras a marcha de Cabezas a Victoria Núñez, xefa territorial de Medio Ambiente e filla do falecido líder de Centristas de Galicia, orixe do control dos Baltar sobre a provincia

Licenciada en Dereito por CEU San Pablo e funcionaria da Xunta desde 2003, Victoria Núñez López (Ourense, 1975) "ocupou distintos cargos de responsabilidade" desde ese ano ata a actualidade e "exerce de xefa territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente". 

Pero xunto con ese currículo, o propio PP de Ourense nomea a foto que difunde dela como "Victorina" Núñez. Porque a filla de Victorino Núñez, o líder falecido en 2010 de Centristas de Galicia, orixe do control dos Baltar sobre a provincia de Ourense, é quen vén de asumir a presidencia da xestora do PP na capital provincial. Un nomeamento de Victoria Núñez que fai a directiva provincial do PP que segue a controlar Baltar fillo e que chega dous meses despois de que el mesmo deixase a Deputación, herdada do seu pai en 2012 e recibida por este á súa vez das mans de Victorino Núñez en 1990.

Victoria Núñez nunha imaxe divulgada esta semana polo PP de Ourense como "Victorina" © PP de Ourense

A designación de Victoria Núñez como presidenta da xestora do PP na cidade Ourense prodúcese tras a dimisión do ata agora presidente local do partido e candidato nas municipais de maio, o ex-alcalde Manuel Cabezas. Pero a historia dos Baltar e os Núñez na política ourensá actual hai que remontala á crise e fragmentación da dereita galega hai catro décadas

A fin da UCD e a consolidación de Alianza Popular non foi un proceso lineal senón que deixou diversas escisións e reunificacións especialmente significativas na provincia de Ourense, con Centristas de Galicia como principal referente que dera cabida a persoas procedentes da UCD, Centristas de Ourense ou Coalición Galega. Victorino Núñez e José Luis Baltar eran os seus líderes.

Nas eleccións galegas de decembro de 1989 que deron a Xunta a Manuel Fraga este concorreu en Ourense coligado con Centristas de Galicia, que foron claves na súa vitoria. Na lista daquela coalición ían nomes que nos anos seguintes destacarían polos seus cargos no PP, mesmo ata a actualidade, como Aurelio Miras Portugal, Roberto Castro, Juan Manuel Jiménez Morán, Antonio Mouriño ou o propio Victorino Núñez encabezando a candidatura. 

Candidatura en Ourense nas eleccións galegas de 1989 da coalición de PP e Centristas de Galicia que daría a Xunta a Manuel Fraga, con Victorino Núñez no número 1 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Victorino Núñez axudou cos votos de Centristas de Galicia a facer presidente a Fraga, quen lle deu a presidencia do Parlamento en 1990, o que o fixo deixar a Deputación de Ourense en mans de Baltar pai, que a cedeu ao fillo en 2012

Tras o éxito electoral, Fraga deu a presidencia do Parlamento de Galicia a Victorino Núñez, quen deixou a presidencia da Deputación de Ourense que ocupaba desde 1979. O seu substituto foi quen xa viña sendo o home forte da institución, José Luis Baltar. E Centristas de Galicia integrábase no PP.

Victorino Núñez seguiu na presidencia do Parlamento ata 1997 e despois pasou ao Senado, onde ocupou escano ata 2004. Morreu en 2010. Pola súa banda, José Luis Baltar mantería a presidencia do PP provincial ata 2010 e da Deputación ata 2012. Nos dous cargos foi sucedido polo seu fillo, José Manuel Baltar, que o pasado 17 de xullo deixaba a Deputación tras a polémica pola súa reiterada condución a altas velocidades dun coche oficial da institución.

As tres últimas décadas de integración da dereita ourensá no PP galego deixaron diversos episodios nos que se fixo ver que o conservadorismo nesa provincia ten as súas particularidades. O principal foi a coñecida como revolta do piso en 2003, o peche, máis ou menos simbólico, de cinco deputados do PP ourensán como resposta interna do sector alcumado como da boina ao cesamento de Xosé Cuíña instigado desde Madrid tras a crise do Prestige. Unha manobra na que participaron José Manuel Baltar e o agora presidente do Parlamento, Miguel Santalices. 

Rueda e Baltar fillo na xunta directiva provincial do PP de Ourense que designou a Victoria Núñez presidenta da xestora local © PPdeG

A agora designada pola directiva provincial do PP, que segue a presidir Baltar, di asumir o cargo "con vocación política que xa me vén de familia"

Agora, cos Baltar fóra da Deputación, pero con cargos afíns aínda nela e con José Manuel Baltar aínda na presidencia do PP provincial, o partido vén de decidir que a súa agrupación na capital quede en mans de Victoria Núñez. A designada di asumilo "con moita responsabilidade, pero tamén con vocación política que xa me vén de familia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.